• Entrevista | Germán Labrador e Jorge Linheira
  • Cultura

"Hai algo nos xogos de cartas que ten moito que ver co político, con estar xuntas"

Unha partida ao 'Ghaiteiro Petroleiro' © Unha gran Burla Negra

"Queríamos empregar as ferramentas do humor e co espírito da investigación gráfica e visual que estilaba moita xente daquel momento, a xeito tamén de homenaxe daquel movemento artístico, pero cunha ollada contemporánea"

"19 de novembro de 2002: a proa do petroleiro Prestige afunde definitivamente mentres unha mancha xigante da extensión de Galicia avanza silandeira (...) É unha guerra contra a morte: os aliados do capital global son poderosos e moitas as súas forzas extractivas (...) Un exército de peliqueiros e pulpeiras chaman aos batallóns". Así se presenta O Ghaiteiro petroleiro, un xogo de cartas ideado pola Asociación Unha Gran Burla Negra co obxectivo primeiro de "festexar a memoria do movemento Nunca Máis" e da loita contra o capitalismo global asentado nos combustibles fósiles.

"A catástrofe do Prestige tivo o efecto de facer ver que a continuidade dun mundo, que damos por feita tantas veces, depende en realidade do delicado equilibrio entre a nosa necesidade de explotar a natureza e a capacidade desta para se anovar. Por iso o Ghaiteiro propón un combate máxico entre as forzas extractivas do capitalismo avanzado e as forzas reprodutivas da cultura popular", explican na presentación do xogo.

'O Ghaiteiro Petroleiro' © Unha gran Burla Negra

Trátase dunha baralla artística (ligándose así á propia baralla que Burla Negra realizara en 2003, con algúns dos protagonistas negativos da catástrofe), un total de 125 cartas, deseñada por máis de 80 artistas de diferentes xeracións, o que a converte nunha antoloxía da gráfica galega contemporánea. O proxecto desenvolveuse en paralelo á exposición Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige e amosouse ao público por primeira vez, nunha versión preliminar, na exposición As cartas sobre a mesa. A memoria do Nunca Máis e as barallas políticas, no Museo Reina Sofía de Madrid. O culto e o popular, como na canción de Astrud e o Col·lectiu Brossa, van da man.

O proxecto "traballa coa memoria das xeracións anteriores, nun diálogo gráfico interxeracional que funciona tamén como unha antoloxía do deseño contemporáneo"

"O proxecto pasou por distintas fases. Coincidindo co vixésimo aniversario do Prestige queriamos facer algún tipo de activación memorial que rachase coa crónica máis oficialista da conmemoración", explica Germán Labrador, un dos impulsores do xogo. "Queríamos empregar as ferramentas do humor e co espírito da investigación gráfica e visual que estilaba moita xente daquel momento, a xeito tamén de homenaxe daquel movemento artístico, pero cunha ollada contemporánea, pois neste novo proxecto traballa moita xente que era moi nova ou que mesmo non nacera cando tivo lugar o accidente", di, destacando que o proxecto "traballa coa memoria das xeracións anteriores, nun diálogo gráfico interxeracional que funciona tamén como unha antoloxía do deseño contemporáneo". 

 "Sempre tivemos claro que queriamos que fose un traballo colectivo e, ademais, que fose un xogo. A idea xurdiu, precisamente, xogando a xogos de cartas semellantes a este"

Ese obxectivo xuntouse co propio proxecto de crear un xogo, unha idea que xa viña do ano 2017, momento en que nace a asociación, como detalla Jorge Linheira, outro dos promotores: "Sempre tivemos claro que queriamos que fose un traballo colectivo e, ademais, que fose un xogo. A idea xurdiu, precisamente, xogando a xogos de cartas semellantes a este". Labrador e Linheira destacan a participación do proxecto de Daniel López e Xosé Carlos Hidalgo, responsables do traballo específico do proxecto visual e artístico. 

O Ghaiteiro Petroleiro está a presentarse nas últimas semanas en distintas cidades de Galicia, en actos nos que se mestura a explicación do propio proxecto -coa participación dalgunhas das 80 deseñadoras e deseñadores que participan- e do mecanismo do xogo, en partidas de iniciación. O xogo pode adquirirse en establecementos como Numax, en Compostela, a un prezo de 27 euros. E tamén en tendas como Alita Cómic (na Coruña e Compostela), Astoria (Compostela), Metrópolis (na Coruña e Ferrol), a Galería Solaina de Lugo ou as librarías Paz e Metáfora, en Pontevedra.

Presentación de 'O Ghaiteiro Petroleiro' en Alita Comics © Unha gran Burla Negra

Entroido e política

Labrador salienta que "hai algo nos xogos de cartas que ten moito que ver co político, que ten que ver con estar xuntas, con xuntarse. E na propia dinámica do xogo hai unha serie de elementos que tamén son os elementos clave da política: a estratexia, os recursos, o regulamento e un elemento clave, que é a sorte, sen a cal non se poden dar as oportunidades". "Así pois, este xogo é tamén unha sorte de escola de política", detalla

Labrador salienta que "hai algo nos xogos de cartas que ten moito que ver co político, que ten que ver con estar xuntas, con xuntarse. E na propia dinámica do xogo hai unha serie de elementos que tamén son os elementos clave da política: a estratexia, os recursos, o regulamento e un elemento clave, que é a sorte, sen a cal non se poden dar as oportunidades". "Así pois, este xogo é tamén unha sorte de escola de política", detalla. De igual xeito, subliña que "hai algo importante na transmisión da memoria que o xogo pon en escena, unha actualización dun imaxinario para o contexto contemporáneo, pois hai unha serie de cartas que fan referencia a elementos importantes no presente, coma a Covid ou os aeroxeradores eléctricos".

Dentro desas "forzas da cultura popular" que no xogo son fundamentais, o Entroido adquire un protagonismo de seu, como de feito xa tivera nas propias mobilizacións de Nunca Máis no comezo do ano 2003. Na baralla hai, entre outras, unha carta de comadres, unha carta de peliqueiro ou unha do Ravachol, que se converten en aliados das forzas populares nesa batalla política contra as forzas extractivas. 

"Había, sobre todo, un tema común: a morte do mar e a súa resurrección. E o Entroido serviu para poñer toda esa dor en movemento, nun sentido emancipador: chorar para saír de aí, facerse consciente da morte que había para tentar refacer os fíos de vida que toda sociedade necesita, poñendo a dependencia da natureza no centro dese proceso"

Neste senso, Labrador sinala a importancia que nas propias mobilizacións sociais que seguiron á catástrofe do Prestige adquiriu o Entroido e outras festas e tradicións populares: "O Nunca Máis mobilizou todos os recursos culturais galegos dende unha perspectiva case antropolóxica, diríamos. Foi unha mostra do instinto de supervivencia que as culturas tamén amosan. E por iso viuse nesas mobilizacións de Nunca Máis unha reinterpretación en clave crítica e ecosocial do enterro da sardiña, da matanza do porco ou as chacharelas de San Xoán" 

"Había, sobre todo, un tema común: a morte do mar e a súa resurrección. E o Entroido serviu para poñer toda esa dor en movemento, nun sentido emancipador: chorar para saír de aí, facerse consciente da morte que había para tentar refacer os fíos de vida que toda sociedade necesita, poñendo a dependencia da natureza no centro dese proceso. Sendo conscientes da nosa ecodependencia e sinalando en sentido crítico a capacidade destrutiva dun capitalismo baseado nos combustibles fósiles e, sobre todo, no petróleo", explica. 

Algunhas das cartas que compoñen 'O ghaiteiro petroleiro' ©

"Esperamos que o xogo sirva tamén para crear algo de conciencia sobre a gravidade deste momento e a necesidade de reactivar esta memoria"

De feito, no xogo o petróleo está asociado ás cartas máis poderosas, para o malo (o chapapote, os hilillos de plastilina...) e para o bo (os voluntarios, as barreiras anti piche...). Hai unha loita entre as forzas do común, representadas pola capacidade do ecosistema de rexenerarse, e as forzas da extracción, representadas polos actores do capitalismo fósil.

 

A mecánica do xogo

A mecánica de O Ghaiteiro Petroleiro é sinxela, sobre todo para as persoas con algo de experiencia neste tipo de xogos, como explica Linheira: "O obxectivo do xogo é xuntar cinco alimentos: pan, viño, polbo... E para xuntar esas cartas, que son necesarias para gañar, tes unha serie de meigallos, materias ou criaturas, que vas conseguindo apañando máis cartas do mazo ou ben roubándollas a outro xogador. Pódese combater, pero tamén podes facerlle falcatruadas a outros xogadores". 

"A falta de memoria sobre o Prestige foi o que nos levou a poñer en marcha o proxecto de Unha gran Burla Negra en 2017. E dende entón intentamos traballar nesa recuperación da memoria e, ademais, ligando aquel feito a outra situacións e dinámicas do sistema capitalista"

"A dirección do xogo pode cambiar moi rapidamente, o que provoca unha sensación de permanente posibilidade", engade, reiterando que "é un xogo moi doado de aprender, queremos que tamén xogue con el xente que non estea acostumada a este tipo de xogos de cartas. Nunha partida ou dúas xa colles a dinámica do xogo, aínda que canto máis tempo lle botes, podes ir avanzando máis".

 

Reactivar a memoria do Prestige

Estase a perder a memoria sobre o Prestige e o movemento Nunca Máis, especialmente entre as xeracións máis novas? "A falta de memoria sobre o Prestige foi o que nos levou a poñer en marcha o proxecto de Unha gran Burla Negra en 2017. E dende entón intentamos traballar nesa recuperación da memoria e, ademais, ligando aquel feito a outra situacións e dinámicas do sistema capitalista", destaca Jorge Linheira.

"Hai unha forte memoria instituída e hai tamén unha memoria xeracional, as memorias existen na medida en que se transmiten interxeracionalmente. As persoas da xeración que viviu en directo a catástrofe está moi apegada ás súas vivencias persoais e habería que preguntarse que é o que saben as novas xeracións a propósito dun acontecemento que non viviron", sinala Germán Labrador, que pon en dúbida que o recente vixésimo aniversario servira para achegar os feitos ás novas xeracións.

Tres cartas da baralla de 'O Ghaiteiro petroleiro' © Unha gran Burla Negra

"Dende o 2002 as ameazas ecolóxicas non só non desapareceron, senón que se incrementaron, o que fai que o Prestige sexa algo pequeno ante cousas coma o cambio climático, a desertización ou o desxeo dos polos. E en cambio parece que a nosa capacidade de reacción é moito máis pequena, debido ao carácter difuso desta ameaza: non sabemos nin onde ir retirar o chapapote"

Labrador destaca tamén a necesidade de non analizar o Prestige como un feito illado, un simple accidente. "Aínda que hai 20 anos que non hai un accidente destas características en Galicia, hai outras ameazas, coma os incendios forestais, a minaría extractiva ou a expansión eólica. E, en relación a estas ameazas na parte máis concienciada da sociedade resoa o Prestige e a resposta social que xurdiu da catástrofe", di.

"É importante lembrar que dende o 2002 as ameazas ecolóxicas non só non desapareceron, senón que se incrementaron, o que fai que o Prestige sexa algo pequeno ante cousas coma o cambio climático, a desertización ou o desxeo dos polos. E en cambio parece que a nosa capacidade de reacción é moito máis pequena, debido ao carácter difuso desta ameaza: non sabemos nin onde ir retirar o chapapote", subliña Labrador, que remata: "esperamos que o xogo sirva tamén para crear algo de conciencia sobre a gravidade deste momento e a necesidade de reactivar esta memoria".

Tres cartas da baralla de 'O Ghaiteiro petroleiro' © Unha gran Burla Negra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.