A mostra reivindica os vinte anos do aniversario do afundimento do petroleiro, poñendo o foco na memoria, a creatividade, e as protestas para reflexionar sobre a necesidade hoxe de seguir xuntando a defensa da democracia e a da ecoloxía
Este martes ás 20 horas inaugúrase no Auditorio de Galicia de Compostela a mostra 'Sempre Máis. Arte, ecoloxía e protesta na Galiza do Prestige', que reivindica os vinte anos do aniversario do afundimento do petroleiro, poñendo o foco na memoria, a creatividade, e as protestas para reflexionar sobre a necesidade hoxe de seguir xuntando a defensa da democracia e a da ecoloxía.
A exposición, comisariada por Germán Labrador e que parte do Arquivo Vivo da Asociación Cultural Unha Gran Burla Negra, permanecerá aberta todos os días ata o 21 de maio con entrada de balde, de 10.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 20.00 horas. A mostra foi presentada o pasado venres no Concello de Santiago nunha rolda de prensa na que participaron a concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, o director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López e o propio Labrador.
Conviven material histórico inédito con pezas feitas especificamente para esta exposición na procura de refacer parte da iconografía da protesta do Nunca Máis que xa estaba perdida
No percorrido en sala conviven material histórico inédito da estela da chapapotemaquia do que forma parte o Prestige ou o Casón, con pezas feitas especificamente para esta exposición na procura de refacer parte da iconografía da protesta do Nunca Máis que xa estaba perdida. Máis de 150 pezas entre pancartas, carteis de protesta, fotografías, obxectos intervidos, pinturas ou vídeos ás que se suma material documental que dá conta das continuidades da linguaxe estética da loita política e ecolóxica que aínda perviven hoxe.
A mostra "quere dignificar a desbordante creatividade popular do Nunca Máis, dunha arte que non foi tomada en serio como tal"
A mostra organízase desde cinco eixos. Primeiro, analiza a construción dunha conciencia ecolóxica a partir da memoria das loitas veciñais e ambientais desde os anos setenta. En segundo lugar, interrógase pola relación entre pacifismo e ecoloxía ante os desafíos propios do século XXI, nun contexto global de esgotamento do petróleo. Como terceiro punto, presenta as formas artísticas da protesta do Prestige a partir das tradicións populares galegas e, especialmente, da estética do entroido. En cuarto lugar, estuda as formas de arte que xurdiron a partir do 2002 dende a observación e o diálogo coa natureza. E, finalmente, defende a capacidade do Nunca Máis de traballar en rede e de activar formas de imaxinación política útiles para o futuro.
"Dignificar a desbordante creatividade popular do Nunca Máis"
"Sempre Máis non quere nostalxia nin celebración. Non quere dicir 'contra Fraga protestabamos mellor'. Quere resintonizar coas potencias dunha Galicia creadora, dona dun relato de seu e das afíns", engade o colectivo
A mostra "quere dignificar a desbordante creatividade popular do Nunca Máis, dunha arte que non foi tomada en serio como tal, porque estaba vestida de materias precarios: papel, cartón, piche, materias de refugallo, plásticos ou píxeles". "A exposición pretende así pensar a continuidade que xustamente o Nunca Máis afirmou entre estética e política, entre arte e documento, entre público e cidadanía, entre festa e protesta, entre tradición e creación, entre natureza e cultura", destaca Unha Gran Burla Negra."Sempre Máis non quere nostalxia nin celebración. Non quere dicir 'contra Fraga protestabamos mellor'. Quere resintonizar coas potencias dunha Galicia creadora, dona dun relato de seu e das afíns", engade o colectivo.
O Sempre Máis que dá título á mostra "tamén nos advirte dos riscos dun porvir que se presenta toda hora como catástrofe e dun capitalismo acelerado que nos reclama sempre máis"
O Sempre Máis que dá título á mostra "tamén nos advirte dos riscos dun porvir que se presenta toda hora como catástrofe e dun capitalismo acelerado que nos reclama sempre máis: máis extracción de recursos, máis mobilización de afectos e subxectividades, máis consuncións". Neste senso, Sempre Máis interrógase polas conexións da ecoloxía pensada como demanda política, da protesta vivida como obra de arte e da arte entendida como natureza e traballo.