O 23 de febreiro de 2003 o mar chegou a Madrid. Levárono decenas de milleiros de galegos que se desprazaron á capital do Estado para berrar "Nunca Máis", en gran parte en máis de mil autobuses que viaxaron toda a noite para confluír nunha manifestación alcumada como a "marcha da dignidade"
O 23 de febreiro de 2003, hai hoxe 20 anos, o mar chegou a Madrid. Levárono as decenas de milleiros de galegas e galegos que ese día se desprazaron á capital do Estado para berrar "Nunca Máis", en gran parte en máis de mil autobuses que viaxaron toda a noite para confluír nunha manifestación alcumada como a "marcha da dignidade".
Pasaran 100 días dende o inicio da catástrofe e fronte á mensaxe de que o problema estaba xa solucionado (un mes antes o presidente José María Aznar presentara na Coruña o Plan Galicia), a manifestación buscaba a adopción de medidas para evitar novos desastres medioambientais no litoral galego, unha solución definitiva para o buque afundido e aínda cargado con grandes cantidades de fuel, un "verdadeiro Plan Galicia" con recursos e prazos determinados e, ademais, a adopción de responsabilidades políticas e dimisións polos erros cometidos na xestión da crise.
"Isto non acabou, non se zanxou, non rematou o asunto como sostén o presidente do Goberno. Vostede, señor Aznar, recorda a aquel rei chamado Canuto que ordeou a retirada do mar. Pero aquí está o mar! É o primeiro manifestante nesta marea humana de Nunca Máis", dicía o manifesto lido por Manuel Rivas na Porta do Sol.
Houbo, como era habitual, unha guerra de cifras. 100.000 persoas segundo a Policía, 240.000 segundo medios como El País, 500.000 segundo outros como A Nosa Terra, un millón segundo a organización. Moita, moita xente, a pesar de que nas semanas previas houbo intentos para minimizar o impacto da marcha
Aquel 23 de febreiro houbo, como era habitual, unha guerra de cifras. 100.000 persoas segundo a Policía (tan só nos autobuses contratados chegaran preto de 70.000), 240.000 segundo medios como El País, 500.000 segundo outros como A Nosa Terra, un millón segundo a organización. Moita, moita xente, a pesar de que nas semanas previas houbo intentos para minimizar o impacto da marcha. RENFE negouse a arbitrar trens especiais para eses días e, sobre todo, a Delegación do Goberno en Madrid denegou inicialmente o percorrido previsto (Atocha, aseo do Prado, Praza de Cibeles, rúa de Alcalá e Porta do Sol) tentando obrigar os manifestantes a circular por vías estreitas (empregando apenas un carril de rúas como Carretas) e a disolverse apenas dúas horas e media despois do inicio da marcha.
Baixo o lema de "100% dignidade", Luis Tosar, Victor Mosqueira, Miguel de Lira ou Uxia Senlle interviron no estrado final. Ademais, falaron o patrón maior da Confraría do Grove, Francisco Iglesias, e a presidenta da Asociación de Mariscadoras de Cabo de Cruz, Ester Rivas
Finalmente, o Tribunal Superior de Xustiza de Madrid declarou nula esa resolución e a manifestación puido levarse a cabo segundo o previsto. Baixo o lema de "100% dignidade" e referencias directas á resposabilidade de Aznar, Rajoy, Álvarez Cascos ou Fraga (aos que se lles apuxo o lema de “100% culpábel”, “100% mentireiro”, “100% prepotente” e “100% ausente”), Luis Tosar, Victor Mosqueira, Miguel de Lira ou Uxia Senlle interviron no estrado final. Ademais, falaron o patrón maior da Confraría do Grove, Francisco Iglesias, e a presidenta da Asociación de Mariscadoras de Cabo de Cruz, Ester Rivas.
Burla Negra marcou o ritmo dunha manifestación a bordo dun camión que se converteu nun Prestige a piques de afundir. Na súa cuberta, representantes da escena como Miguel de Lira, Víctor Mosqueira, Patricia Vázquez, Candido Pazó, Goldi ou Xesus Ron exerceron de piratas simbolizando o negocio sen moral dos poderes capitalistas. E dende o trailer escoitouse a música creada para a ocasión (cancións como "incompetentes, que panda de incompetentes" ao son de Guantanamera ou un remix das mellores frases dos representantes dos Gobernos galego e español ao fío do Prestige).
Burla Negra marcou o ritmo dunha manifestación a bordo dun camión que se converteu nun Prestige a piques de afundir
No escenario final cantaron Uxía (con Anxo Pintos) e Amaral e tamén soou o Miña Terra Galega de Siniestro Total. E "o do bigote, que limpe o chapapote", "hoxe en Madrid, fálase galego" ou "Aznar, se queres petróleo limpa chapapote", foron algúns dos berros máis repetidos, este último en referencia á Guerra de Irak que estaba a piques de comezar.
Madrid ulía a mar e falaba en galego e, ademais, era unha festa, entre gaitas, paraugas, bandeiras galegas, monos de limpeza e outros elementos do imaxinario creado ao redor das mobilizacións de Nunca Máis. A marcha converteuse nunha celebración de orgullo e de rebeldía, a enésima negación do carácter manso e sumiso atribuído á sociedade galega e unha resposta, ademais, aos ataques que nas semanas anteriores recibiran a Plataforma Nunca Máis e os propios manifestantes dende o Goberno do PP e dende entidades de ultradereita como Manos Limpias. O propio manifesto respondeu a estes ataques sinalando que se tentara "ensuciar a conciencia libre de Galicia". "Que sería hoxe de Galicia se non houbera unha reacción cidadá?", preguntábase Rivas.
"Teñen que entender que non somos un país de servos. Que queremos sacudírmonos de vez o nepotismo, o caciquismo e o clientelismo que teñen entangarañada á nosa terra, que atoran a súa prosperidade, creatividade e esperanza", remataba o manifesto
“Vimos pedir o que é xusto. Demandamos un futuro de dignidade co noso traballo e non como eternos recolectores de chapapote porque o nosos futuro non pode ser a xubilización ou a reconversión", dixo Francisco Iglesias. "Menos propaganda e máis compromisos para a recuperación do noso país", líase na faixa que marchaba en segundo lugar, tras a que camiñaban represrentantes dos sectores pesqueiro ou marisqueiro. Máis atrás ían os representantes políticos e sindicais, cunha presenza masiva de líderes de BNG e PSdeG-PSOE, que mesmo marcharon case á par, visibilizando a proximidade entre Emilio Pérez Touriño, Xosé Manuel Beiras e Anxo Quintana o acordo bipartito que dous anos despois había posibilitar un cambio de Goberno na Xunta.
O manifesto, en castelán, pechouse cun parágrafo final en galego que condensaba todas as mensaxes expresadas nos meses anteriores: "O único alento que hai detrás do Nunca Máis é o alento democrático. Teñen que asumir dunha vez que Galicia espertou, que xa non cre nos contos para mantela durmida. Que Galicia xa non ten prezo. Teñen que entender que non somos un país de servos. Que queremos sacudírmonos de vez o nepotismo, o caciquismo e o clientelismo que teñen entangarañada á nosa terra, que atoran a súa prosperidade, creatividade e esperanza. E a todo iso dicimos Adeus, Adiós, Nunca Máis".
Xesús Ron, integrante da compañía Chévere, destaca que "cando chegou esa manifestación levabamos unha traxectoria bastante intensa de mobilizacións; foran algo tres meses, non parece moito, pero fora un tempo moi denso, digamos, no que estivéramos permanentemente mobilizados". "A impresión que tiña era que esta manifestación era a culminación, a última gran mobilización desa etapa, víase como a fronteira de algo. Era o maior reto ao que nos enfrontáramos e, de feito, o derradeiro reto que nos propoñíamos como cidadanía mobilizada permanentemente", sinala Ron.
"Iamos alí a tomar Madrid, a conquistar ese espazo público como galegos e como un pobo en rebeldía, para dicir 'isto é Galicia, isto somos nós e non o que vós pensades', di Xesús Ron
A manifestación foi, na práctica, unha "toma de Madrid" por parte da sociedade galega organizada. "Eu vivino e penso que todo o mundo o viviu alí como unha festa, como unha celebración cidadá", di Ron, pero engade que ao tempo "iamos alí a tomar Madrid, a conquistar ese espazo público como galegos e como un pobo en rebeldía, para dicir 'isto é Galicia, isto somos nós e non o que vós pensades', rebelámonos contra esa lóxica de relacións que se establecen entre Galicia e Madrid, entendendo Madrid como un Goberno central que actúa cunha lóxica colonizadora”. "Tratábase de demostrarnos a nós mesmos e de demostrar ao resto de España que non iamos pasar por ese tipo de lóxicas", engade.
“Todo o desastre da xestión do Prestige tiña que ver co desprezo con que dende Madrid se observaba a Galicia, que era visto como un lugar afastado e irrelevante", di Ron
Esa reacción, expresada a través das mobilizacións de Nunca Máis, funcionou como un reverso dun sentimento de humillación e de engano. “Todo o desastre da xestión do Prestige tiña que ver co desprezo con que dende Madrid se observaba a Galicia, que era visto como un lugar afastado e irrelevante", subliña Ron, que engade que "cando se fala do Nunca Máis como a expresión de dignidade e do orgullo dun pobo, penso que ten que ver con esa sensación que a xente tivo nesas semanas sobre como era tratada Galicia, esa sensación de humillación absoluta".
Miguel de Lira, tamén integrante de Chévere, comenta que "o obxectivo era levar o Prestige a Madrid, ese sitio que non ten mar pero que tomaba as decisións sobre os asuntos marítimos. Queríamos que visen o que é un petroleiro". "Claro, non puidemos facer un petroleiro de 80.000 toneladas, pero fixemos un petroleiro en pequeno enriba dun trailer que montamos uns días antes nunha nave preto de Madrid", di. O camión de Burla Negra que encabezaba a manifestación e se converteu no seu símbolo, serviu ademais para solucionar os habituais problemas que neste tipo de manifestación xorden á hora de decidir que faixa abre a marcha.
"O obxectivo era levar o Prestige a Madrid, ese sitio que non ten mar pero que tomaba as decisións sobre os asuntos marítimos. Queríamos que visen o que é un petroleiro", di Miguel de Lira
Miguel de Lira destaca que "o movemento social era moito máis potente do que se esperaba ou de que eles pensaban. Os que nos organizabamos nas plataformas eramos a punta do iceberg dun pobo que había por debaixo e que saía á rúa pelexando pola súa dignidade, e pola dignidade da nosa costa e dunha maneira de sentir e de vivir o mar". "A reivindicación forte era esa: que o mar tiña que xestionarse dende Galicia e non dende Madrid. Pero a nós non nos movía dar unha resposta ás críticas e aos ataques que recibiamos", di.
Xesús Ron destaca que no pobo madrileño percibiu "simpatía e empatía polos que nos estabamos manifestando dende Galicia" e tamén "unha certa sorpresa pola forza e pola alegría que se transmitía"
Como foron recibidos os e as manifestantes galegas por parte da cidadanía de Madrid, en particular polos que se uniron á marcha? Os integrantes de Chévere, que no último ano están a representar con éxito en todo o Estado a súa obra N.E.V.E.R.M.O.R.E., centrada na catástrofe do petroleiro, destacan que percibiron "simpatía e empatía polos que nos estabamos manifestando dende Galicia" e tamén "unha certa sorpresa pola forza e pola alegría que se transmitía", lembra Ron, que compara esta actitude coa que está a ter o público non galego que ve a obra.
"O público mantense como espectador, pero ao tempo como un espectador impactado, implicado e que quere participar. A xente en Madrid non acaba a obra berrando Nunca Máis, como si sucede nas representacións en Galicia, pero si que acaba aplaudindo de pé, que é un xesto que quere dicir 'eu tamén son parte desa historia'", di Xesús Ron. "Na manifestación de hai 20 anos creo que moita xente de Madrid tivo ese respecto e esa distancia que mantemos como espectadores ante un espectáculo, pero ao tempo como xente que se identificaba co que estaba pasando e quería participar desa mobilización", engade.
"O selo dese novo tipo de manifestación, de mani-festa, con performance e cun aspecto lúdico, era de Burla Negra", salienta De Lira
De Lira e Ron destacan así mesmo o impacto que esta e outras manifestacións de Nunca Máis, co "selo" da Burla Negra tiveron en mobilizacións posteriores en todo o Estado, por exemplo no 15M e e movementos posteriores, un aspecto que nos últimos meses foi salientado por Unha Gran Burla Negra e que agora explora a mostra Sempre Máis. "O selo dese novo tipo de manifestación, de mani-festa, con performance e cun aspecto lúdico, era de Burla Negra, que era un espazo de experimentación que deu lugar a cousas como o Velorio do Mar ou a Marea Gaiteira. Esa cor que tiñan as manifestacións de Nunca Máis e Burla Negra contrastaban co negro, que sempre estaba presente", subliña Miguel de Lira.
"Ese día todo o mundo fixo a súa pequena performance, estaba a xente contaxiada por ese espírito, por ese orgullo de pobo e levaban paraugas, buguinas, carteis... Todo iso tivo un grande impacto na xente que vía a manifestación, fluía un certo entusiasmo e moita xente de Madrid lémbrase desa manifestación e o comenta agora, cando veu ver N.E.V.E.R.M.O.R.E.", engade o actor.