O 22 de xaneiro de 2003, hai vinte anos, preto de 50 mil alumnos e alumnas de centros de ensino de toda Galicia formaron unha cadea humana entre Laxe e Muxía, cubrindo algo máis de 40 quilómetros de litoral
O 22 de xaneiro de 2003, hai vinte anos, preto de 50 mil alumnos e alumnas de centros de ensino de toda Galicia formaron unha cadea humana entre Laxe e Muxía, cubrindo algo máis de 40 quilómetros de litoral na Costa da Morte, na zona máis afectada pola marea negra do Prestige. Foi, sen dúbida unha das imaxes máis icónicas da catástrofe ecolóxica e da mobilización social que a seguiu. Era, ademais, o contrapunto ás escenas de destrución, ás praias cubertas de chapapote e ás aves petroleadas. Un berro de vida (unha palabra que se puido ler en numerosos carteis e debuxada na area das praias) fronte á morte do litoral.
A cadea fora organizada nas semanas anteriores pola coordinadora de ensino Area Negra -integrada na Plataforma Nunca Máis- en colaboración coa Federación Ecoloxista Galega, Adega, Nova Escola Galega e o colectivo artístico e cultural Burla Negra. Area Negra superou un enorme reto loxístico (desprazar decenas de milleiros de rapaces dende todo o país e despregalos por 40 quilómetros de costa en espazos ademais pouco accesibles) mesmo a pesar das presións e atrancos introducidos polo Goberno galego, que obrigaron por exemplo a contratar autobuses procedentes de Asturias, León ou Portugal e tamén de Cataluña e Aragón, cuxos gobernos colaboraron coa acción.
A acción foi un éxito a pesar das presións e atrancos introducidos polo Goberno galego, que obrigaron a contratar autobuses procedentes de Asturias, León ou Portugal e tamén de Cataluña e Aragón, cuxos gobernos colaboraron coa iniciativa
En total, mobilizáronse 864 autobuses, unha cantidade de vehículos que provocou grandes atascos nas estreitas estradas e camiños da Costa da Morte, pouco afeitos a soportar esta densidade de tráfico. Pediuse aos vehículos particulares que non se sumasen á iniciativa, pois as estradas xa non poderían soportar máis tránsito. E, en realidade, na acción participaron moitos máis nenos e nenas, pois os que non se puideron desprazar ata a Costa da Morte -especialmente os menores de 12 anos- levaron a cabo as súas propias cadeas humanas nos seus centros de ensino, elevando a participación total a preto de 70.000 nenos e nenas, ademais de milleiros de mestres e mestras, co apoio de 422 consellos escolares da comunidade educativa.
Unha idea que tomou forma ao remate da manifestación do 1 de decembro
A idea da iniciativa naceu apenas un mes e medio antes, nos primeiros días de decembro, como relata para Praza.gal Puri Cabido, daquela mestra no IES Aquis Celenis de Caldas de Reis: "ía escoitando a radio, cun sentimento de rabia e indignación, como tiña nese momento case todo o pobo galego. E cheguei ao instituto e comentei na cafetería que había que facer algo, que o mundo do ensino tiña que participar desa indignación colectiva que estaba sendo Nunca Máis. Aí, nesa conversa, xurdiu a idea de facer unha cadea humana, pero ía ser unha cousa moi modesta: uns poucos centos de rapaces e só nunha praia".
"O 1 de decembro, ao rematar a manifestación de Nunca Máis, reunímonos no baixo do Hotel Alameda un grupiño de amigos e amigas, dez ou doce profes de distintos centros do país. E aí naceu este colectivo de ensinantes, que lle chamamos Area Negra", lembra Puri Cabido
"O 1 de decembro, ao rematar a manifestación de Nunca Máis, reunímonos no baixo do Hotel Alameda un grupiño de amigos e amigas, dez ou doce profes de distintos centros do país. E aí naceu este colectivo de ensinantes, que lle chamamos Area Negra", explica. "Eramos mestres e mestras que tiñamos en común o noso compromiso coa normalización lingüística, coas saídas escolares compartiamos unha pedagoxía que pensan outra forma de entender o ensino, máis conectada coa sociedade, un pouco na liña de Paulo Freire, coa idea de que o ensino ten que servir para mudar o mundo. E neste contexto moito máis, porque era tremendo o que estaba pasando na costa e, ademais, ao alumnado chegábanlle moitas mentiras a través dos medios de comunicación", di.
Para difundir a idea os rapaces e rapazas da Casa Encantada crearon unha páxina web, clave para o éxito da iniciativa
Nese momento comezaron os preparativos, co obxectivo de que participasen máis centros. "Pouco despois houbo un momento clave para o éxito desta acción, que foi a conexión coa xente da Casa Encantada, un espazo okupado que había nese momento en Sar, en Compostela", conta Puri Cabido. "Alí había uns cracks da informática, xente nova que controlaba moito dunhas novas tecnoloxías que nós, nese tempo, descoñecíamos bastante. Para difundir a idea os rapaces e rapazas da Casa Encantada crearon unha páxina web, coa colaboración de Dinahosting, que nos deixou un dominio", di.
"O fax botaba fume"
A Coordinadora de Ensino Area Negra remitiu -por correo electrónico, carta postal e fax- un comunicado a todos os centros propoñendo a realización da cadea humana, que buscaba "a imprescindíbel concienciación ecolóxica da mocidade", para a que era importante "coñecer in situ a magnitude do desastre"
A Coordinadora de Ensino Area Negra remitiu -por correo electrónico, carta postal e fax- un comunicado a todos os centros propoñendo a realización da cadea humana, que buscaba "a imprescindíbel concienciación ecolóxica da mocidade", para a que era importante "coñecer in situ a magnitude do desastre". Tamén se sinalaba "a carencia dunha información veraz e xeralizada dos actos que en todos os centros estamos a facer, de forma local e disgregada", o que levaba a propoñen unha acción que acadase "unha maior repercusión do noso sentir nos medios de comunicación e na nosa sociedade en xeral". Incidíase igualmente no papel do sistema educativo para "acadar unha sociedade máis xusta e solidaria" e na "responsabilidade persoal" de cada persoa "na defensa do noso patrimonio ecolóxico, económico e social".
A resposta foi masiva. "O fax do instituto botaba fume. A resposta desbordounos e ao final mesmo tivemos que cortar as inscricións, porque xa pasabamos das 50.000 persoas e pensamos que se nos ía das mans", di Puri Cabido, que destaca que "detrás da cadea humana houbo un traballo loxístico brutal".
Presións dende a Consellaría de Educación
"Cando a consellería viu que esta actividade estaba sendo aprobada en consello escolar e en claustro en centos de institutos, tentou paralizala. Pero claro, algo que aprobas en consello escolar e en claustro é moi difícil de paralizar", di Cabido
Nese momento e ante o éxito e a dimensión que estaba a acadar a iniciativa, comezaron tamén as presións por parte da Consellaría de Educación. Puri Cabido relata que "cando a consellería viu que esta actividade estaba sendo aprobada en consello escolar e en claustro en centos de institutos, tentou paralizala. Pero claro, algo que aprobas en consello escolar e en claustro é moi difícil de paralizar. Comezou presionando aos equipos directivos dos centros, dicíndolles que a Consellaría estaba en contra desta actividade, instando a paralizala. Pero moitos directores estaban a favor de facer a cadea humana, e ademais tiñan detrás a nais e pais e aos profesores".
"Cando lles fallou a estratexia de presionar os equipos directivos, o que fixeron foi presionar as empresas de autobuses, alegando que estes debían cumprir co servizo habitual de transporte escolar nos centros que non participaran na cadea humana", di Cabido. E varias empresas, como dependen dos contratos coa Xunta para o transporte escolar, deron de baixa algúns vehículos. Os mestres reaccionaron buscando autocares por todas partes, mesmo fóra de Galicia, e ao final grazas a este traballo ninguén quedou en terra por falta de transporte.
"Cando lles fallou a estratexia de presionar os equipos directivos, o que fixeron foi presionar as empresas de autobuses, alegando que estes debían cumprir co servizo habitual de transporte escolar nos centros que non participaran na cadea humana", destaca Cabido
De igual xeito, Carlos Fernández Concheiro, mestre do instituto de Baio (Zas) destaca en conversa con Praza.gal que "sobre nós pendían as presións da Consellaría, vivimos uns meses terribles". Ademais, di, "acusábannos de estar 'manipulando os rapaces', como se fosen uns pobriños que non sabían o que estaban facendo. E ameazábannos con que se pasaba algo cos rapaces a responsabilidade sería nosa". Porén, destaca, "no noso centro levabamos a moitos anos traballando cuestións medioambientais, falando da emerxencia climática e dando a coñecer a riqueza natural da contorna. E nese momento era importante explicarlles aos rapaces que estaba pasando e que coñecesen a dimensión desta catástrofe e iso non significaba en absoluto manipulalos politicamente".
"Sobre nós pendían as presións da Consellaría, vivimos uns meses terribles". lembra Fernández Concheiro. "Acusábannos de estar 'manipulando os rapaces', como se fosen uns pobriños que non sabían o que estaban facendo. E ameazábannos con que se pasaba algo cos rapaces a responsabilidade sería nosa", di
Había xa semanas que os Goberno do PP na Xunta e en Madrid iniciaran os seus ataques contra Nunca Máis. E a presión contra a propia plataforma e contra os docentes que participaban en Area Negra medrou a partir da realización desta cadea humana e da presentación do Plan Galicia, que tivo lugar poucos días despois. Por exemplo, o 12 de marzo a Consellería de Educación publicou unha circular para vetar a colocación de carteis reivindicativos nos centros de ensino, unha medida que buscaba limitar as accións informativas críticas coa xestión da catástrofe do Prestige e tamén coa participación española na guerra de Iraq.
Area Negra cualificou a circular como un intento de "reinstaurar a censura" e de querer "silenciar as voces disconformes" e esixiu a retirada inmediata do documento, a dimisión do conselleiro Celso Currás e a rectificación pública de Manuel Fraga, que os acusara de "violar as conciencias dos alumnos". Posteriormente, unha vintena de organizacións, entre eles todos os principais sindicatos e organizacións estudantís xunto a asociacións de pai de estudantes, lanzaron o manifesto Censura nunca máis esixindo a retirada da circular e animando os centros a "continuar expresando a súa opinión" sobre a guerra e o Prestige.
Un "traballo loxístico brutal"
Outro reto loxístico foi o de aparcar os máis de 800 autobuses que chegaron de toda Galicia. "Ademais dos aparcamentos existentes nas vilas, buscamos leiras próximas, falamos cos veciños e veciñas para que nos deixasen metelos alí", di
Puri Cabido lembra que nas semanas anteriores á cadea, "houbo que medir o treito de costa entre Laxe e Muxía, uns 45 quilómetros que dividimos entre o espazo que ocupaba cada neno ou nena, ao redor dun metro, para colocar alí as 50.000 persoas que se inscribiran, e outorgando a cada centro un treito determinado: 300 metros a este, 100 ao outro, tentando ademais que o alumnado que viña de máis lonxe tivese que camiñar menos, para axustar mellor os tempos". Outro reto loxístico foi o de aparcar os máis de 800 autobuses que chegaron de toda Galicia. "Ademais dos aparcamentos existentes nas vilas, buscamos leiras próximas, falamos cos veciños e veciñas para que nos deixasen metelos alí", lembra Cabido.
"Aquel inverno foi terrible, o que dificultou moito o traballo. De feito, na noite anterior houbo un temporal terrible, que levou moitos dos sinais que puxéramos", lembra Fernández Concheiro
Outro dos problemas era o carácter accidentado do terreo en moitos lugares do litoral entre Laxe e Muxía e tamén as fortes choivas que nas semanas anteriores contribuíron a enlamar boa parte do percorrido e a dificultar a súa sinalización por parte dos organizadores. Fernández Concheiro foi un dos docentes encargado de sinalizar a costa, neste caso o tramo que ía da praia de Traba ata Camelle, un labor que levou a cabo con alumnado voluntario nas semanas anteriores á cadea. Destaca, a este respecto, que "aquel inverno foi terrible, o que dificultou moito o traballo. De feito, na noite anterior houbo un temporal terrible, que levou moitos dos sinais que puxéramos".
Afortunadamente, ese día deixou de chover pouco antes do mediodía, facilitando a conformación da cadea. Puri Cabido lembra que "ese día amenceu chovendo moito e pensamos en anular todo. Pero chamamos a primeira hora a Meteogalicia e aseguráronnos que ás 12 ía saír o sol. E ás 12 saíu o sol".
40 quilómetros de "vida"
Puri Cabido: "foi unha experiencia impactante, única e moi emotiva, sobre todo para os rapaces, que por primeira vez estaban participando nun acto democrático"
A cadea formouse á unha da tarde e tivo unha duración de 20 minutos. Comezaba na vila de Laxe, dende onde se dirixía ao santuario de Santa Rosa. De alí baixaba á praia de Soesto, continuando cara á lagoa e á praia de Traba. Nese areal un grupo de rapaces e rapazas formaron cos seus corpos a palabra 'vida', dando lugar a unha das imaxes máis icónicas da xornada. A cadea continuaba posteriormente ata Camelle, pasando polo museo de Man, e despois dirixíase á vila de Arou e á aldea de Santa Mariña.
Depois chegábase ao Cabo Vilán, pasando pola duna do Monte Branco, a praia dos Trece, o Cemitério dos Ingleses e a praia de Reira. En Camariñas á cadea humana uníronse as embarcacións dos mariñeiros da zona, que apoiaron a acción cos seus barcos, o mesmo que os e as artistas de Burla Negra, que amenizaron o percorrido con varias representacións malabaristas e monicreques. Finalmente, a cadea chegaba ao porto de Muxía e ao Santuario da Virxe da Barca, finalizando na praia de Lourido.
"Moitos deles non sabían realmente o que estaba pasando. Sobre todo os dos centros do interior de Galicia, que non viran a costa e as praias cheas de chapapote; moitos tiñan unha visión moi manipulada polo que foran contando algúns medios de comunicación" di Fernández Concheiro
A cadea venceu todos os obstáculos e acadou un éxito incuestionable en todos os sentidos, comezando polo meramente educativo. Para Puri Cabido, "foi unha experiencia impactante, única e moi emotiva, sobre todo para os rapaces, que por primeira vez estaban participando nun acto democrático, coa idea de que eles tamén son responsables do que pasa no país e do que pasa no mundo e de que a escola forma parte da sociedade, non existe á marxe dela. Foi un pouco como derrubar os muros das escolas para incidir na sociedade".
Fernández Concheiro sinala que "dende logo ese día foi un dos máis estresantes na miña carreira profesional. Cando acabou, o certo é que sentín alivio porque todo saíra ben. E por suposto unha grande alegría". "Pero a alegría foi sobre todo a dos rapaces. Foi un día moi importante para eles e a súa experiencia foi moi positiva", engade. O docente salienta que "moitos deles non sabían realmente o que estaba pasando. Sobre todo os dos centros do interior de Galicia, que non viran a costa e as praias cheas de chapapote; moitos tiñan unha visión moi manipulada polo que foran contando algúns medios de comunicación".
A cobertura de Vieiros.com
Nos días anteriores o alumnado fora animado a tirar fotografías de todo o proceso e da propia cadea humana, unha vez formada: "sodes protagonistas da historia. Seredes testemuñas activas dun acto que sempre levaredes na memoria"
A cadea humana non mereceu un grande espazo na televisión e na radio públicas. Porén, cómpre destacar a cobertura que realizou o dixital Vieiros, que durante a catástrofe do Prestige emerxeu como medio informativo. "Vieiros quere facer unha cobertura especial sobre a cadea humana. Se queres colaborar con nós, cóntanos a túa cadea: chámanos, envíanos un correo ou mándanos as fotografías que obteñas", dicía o xornal nos días previos. E, así, completada a cadea humana Vieiros deu conta do seu éxito e publicou moitas imaxes do percorrido, entre elas as que a propia Area Negra fora recompilando e que en boa medida foron obtidas polos propios rapaces e rapazas.
Nos días anteriores o alumnado fora animado a tirar fotografías de todo o proceso e da propia cadea humana, unha vez formada. "Sodes protagonistas da historia. Seredes testemuñas activas dun acto que sempre levaredes na memoria, e para que esa memoria histórica non fique como tantas veces no olvido, propoñémosvos o seguinte: levade cámaras de fotos e vídeo: tirade fotos, moitas fotos. A historia tamén se escribe con imaxes e este será o voso libro visual, testemuña histórica da vosa rabia, da vosa solidariedade, da vosa dignidade", dicía unha das mensaxes.
A escola "saíu das aulas á sociedade"
"É moi importante o feito de que unha xeración nova descubrise que os medios de comunicación poden mentir, que os gobernantes tamén minten e que as protestas da sociedade poden cambiar a realidade, e iso non vai caer en saco roto", escribiu Agustín Fernández Paz en 2004 en Vieiros
Nas análises posteriores destacouse que con esta acción "escola saíu das aulas á sociedade, e esa liña multicor entre a terra e o mar transformouse nunha aula aberta onde os contidos medioambientais, de responsabilidade cidadá, de participación nos asuntos do ben común, de análise dos medios de comunicación, ou de convivencia e relación social foron o fundamento dun gran proxecto didáctico de colaboración". Ou, como destacou Area Negra nos días posteriores ao éxito da cadea humana: "educar é esa palabra madura, viaxeira, Que se enche de significados nos camiños. Que nace do compromiso".
E, de igual xeito, o primeiro aniversario da cadea humana, en xaneiro de 2004, Vieiros publicou un artigo de Agustín Fernández Paz no que o escritor salientaba que "é moi importante o feito de que unha xeración nova descubrise que os medios de comunicación poden mentir, que os gobernantes tamén minten e que as protestas da sociedade poden cambiar a realidade, e iso non vai caer en saco roto".
Puri Cabido: "Todo o que se fixo ao redor de Nunca Máis e tamén esta cadea humana fixo que a xente fose capaz de soñar"
Para Puri Cabido, a cadea humana foi o "contrapunto" á "morte" que se vía nas praias cheas de chapapote e "a ese mundo que pon a economía por riba da vida das persoas". "Todo o que se fixo ao redor de Nunca Máis e tamén esta cadea humana fixo que a xente fose capaz de soñar, ficou na conciencia colectiva da nosa sociedade", destaca e "por iso é importante lembralo".