María Xosé Porteiro entrevista en Vigo a Elmar Eggert, director do Centro de Estudos Galegos adscrito ao Seminario de Linguas Románicas da Universidade de Kiel (Alemaña)
As estatísticas oficiais apuntan a que se fala galego nunha vintena de países: Arxentina, con 750.000 falantes, e con menor intensidade Alemaña, Austria, Brasil, Croacia, Cuba, Estados Unidos, Finlandia, Francia, Hungría, India, Irlanda, Italia, Polonia, Portugal, Reino Unido, Rusia, Suíza, Uruguai e resto do estado español. Pódese estudar lingua e cultura galegas nos Centros de Estudos Galegos (CEG) en máis de corenta universidades estranxeiras onde se afonda no coñecemento da nosa cultura mediante investigacións e a súa difusión internacional.
Os CEG dependen da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta e traballan como departamentos dotados de lectorado especializado en filoloxía galega. Esta posibilidade favorece o coñecemento da nosa cultura e dá valor a súa referencia como lingua de prestixio, tanto desde a perspectiva histórica coma cultural.
Neste sentido, é notable a oferta de cursos específicos e viaxes de estudo para coñecer o noso país como o organizado pola universidade de Kiel (Alemaña) onde existe desde hai 19 anos un Centro de Estudos Galegos adscrito ao Seminario de Linguas Románicas. Co seu director e recoñecido catedrático de lingüistica románica, Elmar Eggert, acompañados polo Dr. Facundo Reyna-Muniain, un grupo de estudantes de galego visitou recentemente Galicia.
Eggert é unha autoridade internacional no eido da lingüística como experto en linguas románicas: francés, español, portugués, e agora tamén galego. Falamos con el durante esta visita do alumnado de Kiel ao Museo do Mar de Vigo para afondar nas ligazóns literarias da cidade
Eggert é unha autoridade internacional no eido da lingüística como experto en linguas románicas: francés, español, portugués, e agora tamén galego. Falamos con el durante esta visita do alumnado de Kiel ao Museo do Mar de Vigo para afondar nas ligazóns literarias da cidade. O seu enclave histórico e paisaxístico dá título ao Capítulo VIII: La baie de Vigo, da obra de Julio Verne, Vingt mille lieues sous les mers. No museo pode verse o artefacto ideado polo industrial vigués Antonio Sanjurjo Badía que inspirou o submariño citado na novela. Ese mesmo mar aparece no poemario De catro a catro, do poeta da Xeración do 27, Manoel Antonio ou nas Cantigas de amigo na Idade Media.
Maria Xosé Porteiro: Como comezou a súa relación colas linguas románicas?
Elmar Eggert: En 1994 pasei un ano en Francia onde me examinei de Lettre moderne e desde aquela o francés é para min unha lingua moi querida e familiar, fermosa pola súa estética, na que me sinto moi cómodo. A fonética do francés é atractiva e aprendela na etapa da mocidade foi estimulante.
MXP: Logo dese primeiro e fondo contacto cunha lingua romance estudou outras.
EE: Si, e iso motivou a miña elección de ser lingüista. Non me dedico a ensinar gramática e facer traducións; a miña tarefa é dar a coñecer o funcionamento dunha lingua, o uso dos tempos verbais, historia, sociolingüística, pragmática e outros aspectos. Para que os alumnos poden chegar a ser profesores teñen que afondar nestes coñecementos.
"Hai moitos elementos que descifrar no complexo xeito co que funciona a linguaxe, ver como reaccionan os falantes con tantas variantes posibles e como se fai a escolla. É moi interesante achegarse un pouco máis á complexidade das linguas e á potencialidade que ofrecen"
MXP: A lingua diferencia ao ser humano de calquera outra especie animal. Tamén provoca un interese filosófico?
EE: Si, a antropoloxía lingüística está na base dunha lingua. Tamén a sintaxe, a gramática, o léxico ou a semántica. Pero para dominala hai que falala, practicala, coñecer a súa historia e as tradicións discursivas, practicar o seu uso, deterse nas tradicións e, con ese coñecemento, crear algo novo. Trátase de entender como funciona esa lingua, a relación entre o pensamento e a linguaxe, por que se escolle un determinado xeito para dicir algo dunha maneira e non doutra, saber si é un acto non reflexivo no que inciden criterios sociais, pragmáticos ou políticos... Hai moitos elementos que descifrar no complexo xeito co que funciona a linguaxe, ver como reaccionan os falantes con tantas variantes posibles e como se fai a escolla. É moi interesante achegarse un pouco máis á complexidade das linguas e á potencialidade que ofrecen.
MXP: O francés foi a súa primeira escolla, máis despois foron o portugués e o español. A que lle dá máis importancia, ao coñecemento teórico ou a práctica?
EE: Á combinación de ambas cousas. Explico o que é a lingua na práctica máis tamén nos textos de documentos históricos, nos vídeos, porque alén de rexistrar o funcionamento dun sistema, para o alumnado é importante saber por que funciona de determinado xeito e preguntarse sobre a realidade lingüística cun enfoque un pouco diferente onde a temática pode ir máis sobre a Historia. Na lingüística hai varias correntes como a gramática xenerativa. Outras apóianse en estruturas para deseñar árbores sintácticos, pero a linguaxe é sempre algo cultural, histórico, social. Non é unha maquinaria que funciona dunha determinada maneira pois sempre serán os falantes quen deciden como falar, que falar, por que facelo, e non podemos prescindir dese contexto.
"Ensinamos a amar, a facer nosa unha lingua sexa cal sexa o nivel que se teña. É un pacto de respecto, de intercambio, entre o falante e unha lingua"
MXP: Semella que agora xa non sexa imprescindible aprender un idioma para andar polo mundo.
EE: É que unha cousa é falar e outra comunicarse. Trátase de lograr un entendemento onde a transición sexa algo máis. Sempre hai connotacións, aspectos da identidade e o respecto que supón coñecer os matices dun idioma. Ensinamos a amar, a facer nosa unha lingua sexa cal sexa o nivel que se teña. É un pacto de respecto, de intercambio, entre o falante e unha lingua.
MXP: Implica estar aberto a outras culturas, opinións, xeitos de vida, respecto da diversidade...?
EE: Implica amar ao outro de xeito diferente, pero primeiro hai que recoñecer o que non se coñece e querer saber por que algo é de determinada maneira, ter curiosidade, estar aberto, axudar ao alumnado a amar e descubrir outros mundos, facernos preguntas. É unha maneira científica de ver as cousas, non só como obxecto senón na práctica diaria. É estarmos atentos ao outro. Nesta viaxe cos estudantes reiterabámoslles que observasen como se usa a lingua na rúa porque non é inocente saber as razóns polas que se fai de determinada maneira.
“A linguaxe é sempre algo cultural, histórico, social. Unha cousa é falar e outra comunicarse”
MXP: Profesor, véxoo coma un navegante.
EE: Interésame a Historia porque acompaña á hora de achegarnos a outra lingua, e coñecer os países é importante. Para o portugués fixen varios cursos e tiven unha beca para estudar en Lisboa cunha profesora como alumno único. Aprendín moito, fixemos excursións, coñecín mellor aquela cultura. Foi moi intenso e gustei moito desa lingua que me introduciu no mundo da lusofonía movéndome a estudar tamén a variedade brasileira.
MXP: E como chega ao galego?
EE: Foi unha transición desde o portugués a través do meu colega, Javier Gómez Montero, que fora director do Centro de Estudos Galegos de Kiel. Cando se xubilou preguntoume se sabendo eu portugués podería encargarme do estudo do galego. Aceptei coa condición de facer un achegamento máis fondo. Niso estou desde hai ano e medio, galeguizándome cada vez máis. A miña comunicación cos nosos profesores é en portugués, español, francés, e agora tamén en galego, pasando todo o tempo dunha lingua a outra. Xeralmente é difícil máis cando se fai habitual, non tanto. Eu non coñecía a totalidade da expansión do galego e resultoume moi útil a tese de Facundo Muniaín sobre a Diáspora e a experiencia dos Centros Galegos que ofrecen estudos da lingua en Cuba, Arxentina, Holanda, Bélxica ou Australia.
"Nesta viaxe cos estudantes reiterabámoslles que observasen como se usa a lingua na rúa porque non é inocente saber as razóns polas que se fai de determinada maneira"
MXP: Que demanda hai na Universidade de Kiel para a aprendizaxe do galego?
EE: Os nosos estudantes teñen a obriga de aprender, alén do español, outra lingua románica como mínimo e facer estudos cando menos de dous cursos de Filoloxía Hispánica para chegar ao nivel 2 desa outra lingua. Para nós esa comparativa é moi importante. No primeiro ano introdúcense nos estudos de Filoloxía románica comparada para ver o conxunto deste ámbito cultural. Logo teñen que facer unha escolla na que o galego é unha opción. Tivemos de 15 a 20 alumnos nun primeiro curso de galego e queremos máis pero iso require moita presencia, moita enerxía -sobre todo nos primeiros momentos-. Non podemos impoñelo pero si mostralo, participar en excursións coma esta... Por iso un Centro de Estudos Galegos é importante pero precisa dun lectorado activo.
MXP: Que lle está a supoñer a experiencia que está a vivir coa lingua galega?
EE: Confirma a necesidade e a importancia de penetrar a fondo nunha cultura para coñecer ben a súa lingua: exactamente o que pretendíamos nesta viaxe porque non se sabe moito sobre Galicia na Alemaña. Coñécese o Camiño de Santiago, mais non se relaciona coa lingua nin co país.