"Facer V de Valarés neste espazo tan bonito xera un ecosistema musical invencible"

Os concertos teñen lugar á beira do mar © Festival V de Valarés

O verán é tempo de festivais e esta fin de semana chega un moi especial. O venres e sábado celébrase na praia de Balarés (Ponteceso) o festival V de Valarés, que ano a ano gaña asistentes e notoriedade, cunha unha escolla moi coidada de bandas para un cartel de primeiro nivel e, ademais, grazas á fermosura natural do espazo no que se celebra. Love of Lesbian, La Habitación Roja, Los Planetas ou Él mató un policía motorizado encabezan o programa, no que tamén brillan Pablo und Destruktion, Captains, The New Raimon&McEnroe ou Los Punsetes. Coa presenza, ademais, dos galegos Bifannah, Os Amigos dos Músicos, Terbutalina, Stoyka ou The Phantom Dragsters. Falamos co director do festival, David Jiménez.

Que ten V de Valarés que non teñen outros festivais?

Nós temos un cabalo gañador, que é a contorna. Facer un festival neste espazo tan bonito do piñeiral, con estas dúas praias xera un pequeno ecosistema musical que creo que é invencible. Hai outros festivais que se celebran en zonas bastante chulas, pero eu levo 20 anos organizando concertos e eventos culturais e creo que non hai outro lugar como Balarés. O ano pasado Kula Shaker dixeron que nunca tocaran nun sitio tan bonito, e son un grupo que leva moitos anos actuando por todo o mundo.

Como é o proceso de organización do festival? Supoño que levades practicamente un ano preparando esta fin de semana...

Quitáchesme da boca a resposta. Efectivamente, o traballo de preparación do festival de 2018 comeza o 20 de agosto de 2017. É un traballo inxente. E seguramente a xente non é consciente de todo o traballo que hai detrás dun evento así. Ás veces parece que un festival xorde da nada, cando en realidade hai moita xente implicada, moito cariño, moita profesionalidade e moito esforzo.

Tomades medidas para garantir o respecto ao medio ambiente e a protección deste espazo?

Unha das razóns principais polas que facemos o festival é utilizar a música para difundir o coidado ao medio ambiente e a esta contorna. Algunha xente pensa que un concerto é coma o paso dos bárbaros de Atila, que os asistentes acaban con todo. Pero nos últimos anos estamos vendo que a xente que vén ao V de Valarés está moi concienciada, sempre hai ademais moitos voluntarios que se dedican a limpar a zona unha vez que remata todo. A xente que vén aquí decátase de que este é un sitio impresionante que paga a pena conservar.

É o de 2017 o mellor cartel de V de Valarés dende que o festival botou a andar?

Non me atrevería a dicir que é o mellor, si diría que está moi coidado e equilibrado. Quizais quedamos coas ganas de incluír algún grupo internacional de primeiro nivel, pero por razóns de dispoñibilidade das bandas que queríamos ou pola competencia de Paredes de Coura, non fomos quen de traelas. Temos dúas bandas de moito peso, como Love of Lesbian e Los Planetas, que arrastran a moitísima xente, pero sempre queremos traer outras propostas máis arriscadas, de bandas emerxentes, que pensamos que poden gustar moito á xente.

Máis aló dos cabezas de cartel, que bandas recomendarías? Que grupos pode descubrir a xente?

Eu, a nivel persoal, teño tres debilidades no cartel, a primeira Él mató un policía motorizado -unha banda con moito éxito en Arxentina e en toda Latinoamérica e que cada vez vai dar máis que falar en Europa-. E despois dúas bandas galegas: Bifannah e Os Amigos dos Músicos, que se en vez de ser de aquí fosen británicas, estarían na portada da NME.

Precisamente Os Amigos dos Músicos é un dos grupos que actuará nun escenario de día, no propio piñeiral. Unha forma de que a música se goce durante as 24 horas?

Nós queremos que o festival se desfrute durante todo o día. Moitas veces temos asociados os festivais de música a unha rave nocturna, pero nós queremos que o festival estenda o seu horario, que a xente poida pasalo ben polas mañás, ao mediodía, a primeira hora da tarde..., que son momentos moi bos para poder ver outro tipo de propostas artísticas sen ter que utilizar un grande escenario nin luces, que a música fale por si mesma sen necesitar de artificios.

Milleiros de persoas acoden todos os anos a este piñeiral de Ponteceso © Festival V de Valarés
Lovo of Lesbian e Los Planetas encabezan o cartel © Festival V de Valarés

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.