Factoría de Subsistencia presenta en Pontevedra o seu novo disco

Sabela Daca e Josito Porto Dominio Público Praza Pública

Factoría de Subsistencia, o novo proxecto musical do actor Josito Porto, presentará o seu disco Cerca da túa orella este venres no Teatro Principal de Pontevedra. Será a partir das 21.00 horas e nun formato especial, cun cuarteto ao completo que subirá ao escenario para acompañar a Josito Porto e Sabela Daca -as dúas cabezas visibles da Factoría de Subsistencia- para dar a coñecer, entre outros temas, as oito cancións que conforman o álbum. Dese xeito, no concerto formarán parte da Factoría de Subsistencia Cuartet tamén os músicos José Lameiras Vilanova e Ramón Orencio. Ademais, a presentación deste disco contará coa colaboración en directo de Vituco Neira.

Factoría de Subsistencia é, na actualidade, o proxecto musical de Josito Porto quen, ademais, de actor, leva décadas cultivando a carreira como músico a través de distintas bandas. A máis coñecida e a que probablemente máis marcou a traxectoria de Porto foi a lembrada Korosi Dansas, nacida a finais dos oitenta e na que tamén formaban parte Xurxo Romero, Roberto Camba e o escritor Miguel Seixas. Tras a desaparición desta mítica banda, Josito Porto uniuse a Magritte, grupo que desenvolvía un “pop escuro”. E agora, Josito Porto está embarcado nesta nova aventura musical.

Factoría de subsistencia é para o seu cantante e tal como o contará na entrevista que Praza.gal publica este venres, a “resposta a unha necesidade de botar para fóra, de xogar coa ironía das cousas comúns que nos rodean”. E para botar por fóra, que mellor que facelo Cerca da túa orella. “Cerca da orella podes soltar un berro para que se te escoite, podes mandarlle unha alerta baixiña a alguén, soltarlle un susurro”, sinala Josito Porto sobre un disco do que el é letrista de todos os temas, agás dun: Neuro, obra do xa citado Manuel Seixas. Este venres, en Praza, máis Factoría de Subsistencia. Máis Josito Porto.

Sabela Daca e Josito Porto Dominio Público Praza Pública
Factoría de Subsistencia presenta o seu novo traballo en Pontevedra Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.