Falece o xornalista e escritor Xosé Fernández Ferreiro

Xosé Fernández Ferreiro © Xerais

Vén de coñecerse a nova do pasamento de Xosé Fernández Ferreiro, xornalista e escritor nado en Nogueira de Ramuín en 1931. Fernández Ferreiro foi un dos fundadores en 1958 do grupo Brais Pinto -ao que el mesmo lle deu o nome dun ficticio afiador do seu mesmo concello-, traballou como redactor en La Voz de Galicia e noutros medios e e autor, entre outras obras, de A morte de Frank González -primeira novela de vaqueiros en galego-, Morrer en Castrelo do Miño, ou Agosto do 36, coa que gañou o Premio Xerais. Era tamén membro de número da Real Academia Galega. A capela ardente está instalada no tanatorio Albia, na Grela (A Coruña), onde este venres 18, ás 15.15 horas, se lle renderá unha homenaxe. No acto cívico intervirán amigos e compañeiros, entre eles o presidente da RAG.

A capela ardente está instalada no tanatorio Albia, na Grela (A Coruña), onde este venres 18, ás 15.15 horas, se lle renderá unha homenaxe

Pubicou o seu primeiro poemario, Ribeirana do Sil, en 1952, nun momento no que aínda case ninguén escribía en galego, lembra o presidente da Academia, Xesús Alonso Montero. "Foi un pioneiro como cultivador do galego nese momento. Aquel poemario foi prologado por Florentino López Cuevillas, entusiasmado ao ver que un rapaz novo volvía á lingua que fora deixada tras a Guerra", recorda.

É autor, entre outras obras, de A morte de Frank González, Morrer en Castrelo do Miño ou Agosto do 36

A carreira de Fernández Ferreiro como escritor desenvolveríase máis tarde sobre todo no campo da narrativa, no que debutou en 1975 con A morte de Frank González, a primeira novela de vaqueiros en galego. E, pouco despois, con Morrer en Castrelo do Miño (1978), unha historia da loita dos labregos contra o encoro construído nesa vila. "É realmente unha novela de denuncia do asoballamento que sufriron os campesiños do Val de Castrelo de Miño, e é outra das súas obras que lembro con especial agarimo", engade Xesús Alonso Montero, que salienta tamén A saga do afiador (1980). Nesta última obra emprégase o barallete, xerga que Fernández Ferreiro chegou a coñecer ben. Publicou tamén Agosto do 36, unha ollada á represión durante a Guerra Civil na zona de Nogueira de Ramuín coa que gañou o Premio Xerais en 1991. 

O seu labor como xornalista tamén foi recoñecido e mereceu o Premio Galicia de Xornalismo en 1985. E é que Xosé Fernández Ferreiro compaxinou a literatura co exercicio do xornalismo, dous mundos interrelacionados aos que lles dedicou en 2013 o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, Breves reflexións sobre escritores e xornalistas, ao que lle deu a réplica o tamén escritor e xornalista Manuel Rivas. Nel, mostrábase convencido, malia o moito que se ten repetido que a novela está en crise, que esta "nunca morrerá". "Eu coido que a novela non morrerá nunca. Mentres haxa homes e mulleres, mentres haxa vida, amor e odio, ricos e pobres haberá novelas", dicía nunha alocución na que reflexionaba así mesmo sobre a crise dos medios de comunicación.

Fernández Ferreiro compaxinou a literatura co exercicio do xornalismo, dous mundos interrelacionados aos que lles dedicou en 2013 o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega

Manuel Rivas dáballe ese día a benvida no nome da institución a quen definiu como "un afiador" das letras: "O afiador Xosé Fernández Ferreiro vai rentes do chan coa súa roda caligráfica e elévase. Non se eleva para afastarse da realidade senón para mellor vela, cun realismo crítico, que permite o zoom da ollada para profundar tanto no microcosmos como na grande panorámica".

Xosé Fernández Ferreiro © Xerais

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.