'Feijóo, qué noche', unha forma distinta de agardar polos resultados

Cartaz do espectáculo Dominio Público Praza Pública

A Unitaria, en Compostela (Calzada de San Pedro s/n), acolle este domingo Feijóo, qué noche, un cabaré cómico-electoral presentado por Carlos Meixide, que se presenta como unha forma distinta, lúdica e colectiva, de agardar polo reconto dos votos e polo resultado dos comicios. O espectáculo comezará ás 20 horas, ten un prezo de 6 euros, e a partir das dez e media, independentemente do que amose o reconto dos votos, se converterá nunha festa. É a segunda vez que se leva a cabo este evento, despois do éxito acadado polo realizado na noite electoral das últimas xerais.

"Chámanlle a festa da democracia, pero en realidade non ten moito de festa. Só á última hora da noite, os afiliados e simpatizantes máis acérrimos dos distintos partidos achéganse polas sedes para celebrar a vitoria ou, na maioría dos casos, consolar aos seus desolados xefes de filas. É por iso que vén de inventarse unha reformulación lúdico-festiva destas noites electorais para o goce de todo o mundo independentemente da súa opción política: o cabaré cómico-electoral", destacan os seus organizadores.

O escritor e xornalista Carlos Meixide, que presentará o espectáculo, promete "un acedo monólogo acerca da actualidade política e un divertido xogo ao xeito dos quiz show televisivos con preguntas que porán a proba o coñecemento dos asistentes sobre política galega". Segundo Meixide, estes espectáculos asegúranlle traballo, porque nos últimos tempos temos eleccións cada trimestre. “Este ano, de feito, coido que levo máis eleccións que ereccións, inda que pareza mentira”, di.

"Chegou a hora de confluírmos por fin todas e todos, porque o desenlace, sexa o que sexa, vai ser duro ou feliz para todos na mesma medida; e a borracheira, eufórica ou depresiva, sempre senta mellor en boa compaña. Unha ocasión para entoar os nosos: 'Se xa o sabía eu', 'Era visto', 'e logo eu non advertín?', 'agora a ver que di o listo'... que acalmen as nosas conciencias", conclúen.

Cartaz do espectáculo Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.