Felipop 2016, “sweet but strong”

Colin Hare Dominio Público Felipop

Foi o cantautor P. F. Sloan, o autor da vixente “Eve Of Destruction”, quen na súa estadía en 2001 no Felipop cualificou a copa de guinda caseira que acababa de probar en terras fenesas como “sweet but strong” (doce pero forte). A definición que o músico norteamericano fixo para o típico licor podería servir tamén para o propio festival de pop e rock no que os amantes das melodías semellan sentirse cómodos, en paz coa bucólica contorna do parque da Hortiña.

O evento de Limodre (Fene) cumpre os próximos 11, 12 e 13 de agosto a súa XIX edición, unha cita sempre sen excesos, sen grandes nomes populares dos que enchen estadios e cunhas axudas constantes pero moi medidas de Concello, Deputación e Xunta. A aposta da asociación cultural Felicia polas exquisitas minorías semella afastar os patrocinadores privados tamén este ano. Erro, o Felipop posúe un recoñecemento crítico que sobarda o valor da mera masa. De feito xa no ano 2009 a prestixiosa revista Ruta 66 elixiuno como un dos cinco mellores festivais de música de toda España, superado só polo Azquena, Primavera Sound ou Benicassim (FIB), citas cos presupostos multiplicados ata trescentas veces polo de Limodre. Algo así como se un equipo de rexional xogase a Champions.

Quizais haxa esaxeración pero hai excesos comprensibles polo cariño, como un premio ao traballo ben feito nun país inzado de festivais de todos os tipos. No Felipop foron pioneiros en unir as sesións vermú de toda a vida no ámbito da música independente (a conexión empanada, mexillóns e pop) así como algo máis difícil tamén copiado hoxe en día: apostar pola reivindicación de grandes artistas do pasado e de diferentes décadas mesturados polo talento independente máis actual. Polo Felipop pasaron desde o citado P. F. Sloan (o primeiro compositor  independente xurdido como cantautor nunha compañía “mainstream”, que chegou a colaborar cos Rolling Stones (Paint It Black), Mamas and the Papas, The Turtles, Barry McGuire, etc), os exquisitos Honeybus de Pete Dello (o seu colider Colin Hare reactivou a súa carreira tralo paso polo Felipop), o líder dos Only Ones, Peter Perret (a quen Johnny Thunders aconsellaba que non se drogara tanto! E que cita gabanciosamente ao festival na súa biografía “The one and only”), Cánovas, Rodrigo, Adolfo & Guzmán, Los Zares, The Coal Porters, Paul Collins, The Rubinoos, os Scarlets Well do inclasificable Bid, un dos xenios do underground británico dos 80 (que acabou levando libros de Castelao, fascinado polo humor do rianxeiro), The Woodentops, os Barracudas, o pai do rock arxentino, Litto Nebia, Nick Garrie, The Pretty Things e tantos outros. De feito ata se lle fixo unha homenaxe ao grande Magín Blanco nun momento difícil para o xenio da Rúa, afortunadamente superado.

O ano en que o FIB levou a Donovan a actuar a Castellón o Felipop xa se puxera en contacto con el, pero o mánager (xenro do cantautor) escachara coa risa coa oferta económica do festival de Limodre seguindo o patrón comercial local: “Como que canto nos fai falta, esa pregunta é ridícula?”. Pero esa é ademais unha das claves do festival fenés que o fan ser xa un dos máis veteranos do panorama galego: o coñecemento e gusto suplen aos cartos, aínda que non sexan incompatibles. Mentres, durante estes case vinte anos naceron e morreron festivais que non sempre foron tan sensibles á economía e máis ao brillo do artista do momento. O festival de Limodre sabe que pode vender outros estímulos entre os que non é menor á proximidade artista/público, unha audiencia sibarita pero animosa, un escenario nun marco comparable, en concreto ás ceas de Astérix e Obélix nun claro do bosque, unhas praias a tiro de pedra onde sempre se pode botar unha soneca e unha idiosincrasia local recoñecible nas longuísimas sesións afterhours a cargo de picadiscos de resistencia meduliense. Tamén foron constantes intento de establecer pontes con artistas portugueses de pop como Pedro e os Apóstolos, Os Azeitonas, Os Tornados, etc.

A primeira edición do festival fixérase na vella escola local, sede da asociación de veciños, en xaneiro do ano 1998. Acababa de crearse a asociación cultural Felicia e entre os seus membros había xente da comarca ferrolá posta en coleccionismo de música, membros de grupos ou redactores de fanzines (18 Rodas, Flores y Abejas, etc.). Moitos vivirían o que veu despois, poder ver e falar cos seus ídolos de sempre antes citados, como unha especie de galano dos deuses, e sen saír da súa parroquia! Eses primeiro concertos unían a músicos e público nunha cea común no andar superior do local, onde os socios levaban xamón, tortillas, croquetas ou empanadas e saboreaban cos músicos opinións, anécdotas e viandas. As amizades agromaron. Nunha delas asinou o seu primeiro contrato discográfico para o selo Animal Records The Elefant Band, o grupo liderado polo hoxe popular e menos accesible Xoel López. Ese espírito socializante, de camaradería mantívose ao longo destas case dúas décadas.

A edición deste ano, do 11 ao 13 de agosto

A edición deste ano celebrarase entre o xoves 11 e o sábado 13. O primeiro día haberá unha sesión aberta, co estímulo gastronómico de racións de paella de balde, coas actuacións dos coruñeses Los Remasters de Juanillo Esteban (a voz do Xabarín Club) que fai covers de clásicos dos 60 con letras humorísticas. Seguirán desde Bos Aires Los Súper Ratones, banda de referencia do festival que actuará por vez primeira sen o inesquecible baterista Person, falecido hai uns meses. Un vínculo vivo entre Galicia e Arxentina.

O venres 12 comeza as sesións de pago (20 euros para todo o Felipop, as entradas xa están á venda en Ticketea cun pequeno suplemento pola xestión). A partir das 21.30 horas o parque da Hortiña acolle aos ferroláns Skyhoods, que unen power pop melódico con temas inspirados no mundo do baloncesto como o seu hit comarcal “Nate Davies”. O cuarteto madrileño Monserrat segue coa súa mestura de pop e psicodelia. Continúa desde a mesma cidade Lukah Boo, a banda liderada por ex  membros de Happy Losers, que presentarán a súa nova aposta polo folk rock melódico, “La sombra de ayer”. Desde a californiana Sacramento chega un dos artistas dos que gusta o Felipop, Anton Barbeau, acompañado dos galegos Niño y Pistola e Wolrus. O artista ofrece a súa psicodelia magnética, entre Julian Cope e Robyn Hitchcock. Un músico de referencia para a prensa británica e norteamericana que, ademais, e curmá da fascinante actriz Adrienne Barbeau, musa do director John Carpenter.

A edición deste ano comeza cunha sesión aberta e no seu cartel destacan nomes como Skyhoods, Montserrat ou Anton Barbeau acompañado por Niño y Pistola

A popular sesión vermú o sábado 13 ao mediodía terá como protagonista a Franki Lafuente “O loiro de Pastoriza”, polifacético showman que lidera o proxecto Cris Lo e a Bule Bule Band, temas clásicos en galego (desde o Himno Galego de Pascual Veiga, ata Adeus Ríos Adeus Fontes, Vén bailar, Carmiña, etc.) pasado pola termomix de The Specials, When The Saints Go Marching In, etc., cun método que valida o irmanamento do galego con outras culturas.

Pola noite enceta a derradeira xornada o trío de power punk ferrolán Klute. Desde Biarritz (departamento dos Pirineos Atlánticos, na rexión de Aquitania) chega Tommy Lorente coa súa banda La Cavalerie para presentar uns temas que irmanan a Ray Davies e Nick Lowe cantando no idioma de Proust. Máis próximos aos sons americanos son os leoneses Rob DeLion, o proxecto de Juan Marigota cargado de folk e rok tan recoñecible como efectivo. E o peche corresponderalle ao poderoso conxunto Stay, ilustre representante da canteira catalá de psicodelia da que tanto sabe o Felipop (Sidonie, Lazy Sundays, Carrots, etc.) que presentará o seu novo disco “The mean solar times”. E para quen quedase con fame, os domingos pola noite na cervexaría Ardá algún dos grupos do cartel recuncará en “acústico tuneado”.

Perret © Felipop
Coal Porters © Felipop
Colin Hare Dominio Público Felipop
P.F. Sloan Dominio Público Felipop

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.