Festa Raxada en Gondomar: outras formas de facer cultura dende o territorio

Cartel da primeira edición de Festa Raxada © Festa Raxada

En Couso (Gondomar) organizan esta fin de semana, do venres 12 ao domingo 14, un festival cultural e comunitario, impulsado de maneira autoxestionada e con acceso de balde. Festa Raxada nace coa intención de "reivindicar outras formas de facer cultura desde o territorio, o monte e os espazos comunitarios"

Queres vir a unha festa raxada? En Couso (Gondomar) organizan esta fin de semana, do venres 12 ao domingo 14, un festival cultural e comunitario, organizado de maneira autoxestionada e con acceso de balde. Festa Raxada nace como un festival autoxestionado feito desde a comunidade, impulsado por A Casa das Redes xunto á Comunidade de Montes de Couso, coa intención de "reivindicar outras formas de facer cultura desde o territorio, o monte e os espazos comunitarios".

Detrás da FESTA RAXADA hai meses de traballo voluntario, colaboración veciñal "e moitísima xente deixando tempo, enerxía e corazón para sacar adiante algo que soñabamos desde hai moito tempo", destacan dende a organización. 

Nunca é doado sacar adiante un evento deste tipo e máis aínda nun tempo actual no que os custos de todo tipo se incrementan, e nun período estival no que as citas festivas se multiplican por todo o país. A organización de Festa Raxada mesmo puxo en marcha unha campaña de crowdfunding para incrementar os apoios económicos que permitisen poñer en marcha o festival.

Cartel da primeira edición de Festa Raxada © Festa Raxada

Entre os e as artistas confirmadas están Pataghullos, Antimums, High Paw DJ Set, Seitura, The Gotxos Party, Mercedes Peón, Brassica Rapa, Esmorgadas, Bloquinho Aperta, Netta Rufina, Sun Iou, Xente Tóxica ou DJ Rapante. 

Non estará finalmente Dakidarría, aínda que estaba previsto, debido a "un accidente doméstico dun dos integrantes da banda". Trátase de "algo especialmente emotivo para nós por tratarse dunha banda histórica do Val Miñor moi querida pola organización", destacan dende Festa Raxada.

Entre os e as artistas confirmadas están Pataghullos, Antimums, High Paw DJ Set, Seitura, The Gotxos Party, Mercedes Peón, Brassica Rapa, Esmorgadas, Bloquinho Aperta, Netta Rufina, Sun Iou, Xente Tóxica ou DJ Rapante

"Dóenos moito comunicar isto sendo dous festivais que representan os nosos valores e que traballaron arreo para poder incluírnos no cartaz pero a situación obríganos a parar para que Gabri se recupere o antes posible", sinalou a banda nas súas redes sociais, nas que tamén animaron "a todxs xs nosxs seguidorxs a acudir a estas dúas citas igualmente e a apoiar estas dúas iniciativas de festis humildes, populares e feitos dende o corazón". "Sería un gran orgullo para nós que todo lles saíse ben a pesar desta mala nova e confiamos en vós, na nosa lexión, para que así sexa", engaden.

O festival desenvolverase entre diferentes espazos de Couso: Campo de Fútbol, Bosque da Lingua, Casa Veciñal, As Pisqueiras e o restaurante O Colmenar da Subiada. Ademais dos concertos haberá un mercado artesán con máis de corenta postos, actividades culturais, cabaret e actividades para crianzas. A organización incorpora, ademais, espazos comunitarios, zona de camping e zona de baño, un punto lila e brigada feminista e, así mesmo, un autobús dende Gondomar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.