O colectivo Proxecta reclama que se destine ao sector un 10% dos fondos das axudas directas ao cinema e ao audiovisual da AGADIC
Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, vén de denunciar o "déficit histórico" da Xunta de Galicia no reparto de fondos públicos para o sector. A entidade, que agrupa a 19 certames (entre eles o Festival de Cans, Cineuropa, Curtocircuito, o (S8), o Carballo Interplay ou o Play-Doc) reivindica un aumento da contía das axudas ao sector, "que levan estancadas varios anos", alerta.
Ademais, a coordinadora critica a existencia dun "agravio comparativo" ante a existencia de "algúns convenios nominativos desproporcionados", que benefician a algún certame, unha situación que foi denunciada hai uns días polo PSdeG no Parlamento, onde a portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Noa Díaz, presentou unha iniciativa parlamentaria neste senso.
Noa Díaz afirmou que "o de Ourense non é o único caso" e cualificou como “incomprensible” que "algúns festivais teñan que competir pola subvención en concorrencia competitiva de Agadic mentres outros reciben de forma directa unhas contías que superan en moito o que calquera festival pode acadar cada ano"
O pasado 29 de agosto o PSdeG advertiu da existencia dun "reparto arbitrario" de fondos públicos da Xunta dirixidos aos Festivais de Cinema e reclamou á Consellería de Cultura que presente por escrito un informe das subvencións nominativas achegadas a este tipo de certames. En concreto, o Grupo Socialista sinalou a situación do Festival Internacional de Cine de Ourense – OUFF, sobre o que dixo que este ano recibiu 385.000 euros de Turismo e outros 60.000 de Agadic, en dúas axudas concedidas por convenio nominativo e sen que ese festival concorrese a unha convocatoria pública.
Ademais, Noa Díaz afirmou que "o de Ourense non é o único caso" e cualificou como “incomprensible” que "algúns festivais teñan que competir pola subvención en concorrencia competitiva de Agadic mentres outros reciben de forma directa unhas contías que superan en moito o que calquera festival pode acadar cada ano".
A Coordinadora destaca que a contía recibida polo OUFF se elevaría a máis de 150.000 euros en subvencións directas, o que equivale "a case o 70% do que aporta a Xunta para o conxunto dos festivais en axudas en concorrencia competitiva", indica Proxecta
Proxecta faise eco desta denuncia, que tamén foi respondida polo propio OUFF (Ourense Film Festival), indicando que non recibiu da Axencia Galega de Turismo 385.000 euros, como asegura o PSdeG, senón 92.514,92 euros. A Coordinadora destaca que, mesmo así, a contía recibida por este certame se elevaría a máis de 150.000 euros en subvencións directas, o que equivale "a case o 70% do que aporta a Xunta para o conxunto dos festivais en axudas en concorrencia competitiva", indica Proxecta, que engade que "segundo as bases da concorrencia competitiva, cada festival que se presente só poderá solicitar unha axuda dun máximo de 45.000 euros, creando aínda un maior agravio con este convenio".
A entidade subliña, ademais que estas axudas nominais foron obviadas polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, na súa comparecencia no Parlamento no mes de abril a raíz da pregunta formulada polo BNG en relación co apoio da Xunta ao sector dos festivais.
Proxecta reclama "que se poña fin" a "unha anomalía que atenta contra o principio de igualdade"
Proxecta reclama "que se poña fin" ao que consideran "unha anomalía que atenta contra o principio de igualdade". E máis "cando existe un déficit histórico da administración galega co colectivo dos festivais de cinema", un sector que en 2022 percibiu só o 3% dos 7,3 millóns de axudas da Xunta ao sector audiovisual, indica. A entidade sinala que os 225.000 euros deste 2023 constitúen "unha cantidade aínda moi por debaixo do que se achegaba hai quince anos, que ascendía a 300.000 euros, con menor número de festivais". A cantidade achegada pola Xunta é proporcionalmente moi inferior ao que dedican hoxe outras administracións como as deputacións ou mesmo os concellos, engaden.
Solicitan que a Xunta dea a coñecer o conxunto e contía das subvencións nominativas achegadas a certames de cinema "e rematar cunha práctica que semella inaceptable"
O colectivo Proxecta reclama que se destine ao sector un 10% dos fondos das axudas directas ao cinema e ao audiovisual da AGADIC, así como tamén que se teña en conta ao colectivo nas novas accións e investimentos que o Goberno galego realize en materia audiovisual. Así mesmo, solicitan que a Xunta de Galicia dea a coñecer o conxunto e contía das subvencións nominativas achegadas a certames de cinema "e rematar cunha práctica que semella inaceptable". Desde a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema piden tamén que a Xunta cumpra coa solicitude acordada por unanimidade dos tres grupos parlamentarios o pasado mes de xullo para realizar un estudo de impacto económico dos festivais de cinema e audiovisual.