O festival (S8) proxecta 180 filmes nunha edición que homenaxea Urbano Lugrís no seu 50 cabodano

Rodrigo Osorio, da Asociación Cultural O Mural, e Elena Duque, programadora do (S8), na presentación da programación e da imaxe do festival © María Meseguer

A XIV edición do (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico, que terá lugar entre o 26 de maio e o 4 de xuño na Coruña, volve achegar unha coidada selección de cine de vangarda e experimental e proxectará máis de 180 pezas procedentes dunha ducia de países. Ademais, a cita será unha homenaxe ao pintor Urbano Lugrís, do que se conmemora este ano o 50 aniversario da súa morte.

Rodrigo Osorio, da Asociación Cultural O Mural, destacou que Lugrís “encaixa moi ben no (S8) porque é un artista periférico"

O “artista do mar”, máximo expoñente do surrealismo no país e coruñés de nacemento, inspira a imaxe do festival, comezando polos carteis da cita, que foron presentados este martes, nun acto no que participou Rodrigo Osorio, da Asociación Cultural O Mural. Osorio destacou que Lugrís “encaixa moi ben no (S8) porque é un artista periférico: no xeográfico, porque desenvolveu boa parte da súa traxectoria en Galicia, con importantes incursións tamén a nivel estatal; e no ideolóxico, porque foi un gran nacionalista galego”.

Cartel da XIV edición da (S8) © (S8)

Un ano máis o (S8) reunirá na Coruña figuras claves do cinema de vangarda e experimental de moi diferentes xeracións

Así mesmo, o (S8) inclúe un programa temático acorde coa imaxe de Lugrís, que estará dedicado a películas que buscan retomar a visión da infancia: “Paisaxes encantadas” como aquelas que pintaba Lugrís. Abrirá a sesión a estrea internacional de And so it came about, de Charlotte Pryce, e poderán verse filmes de destacadas cineastas contemporáneas como Gaëlle Rouard, Ute Aurand ou Jennifer Reeves, así como do mítico creador checo Jan Svankmajer. 

A programación

A Mostra vaille dedicar a Anthony McCall un foco no que proxectará as súas películas colectivas Argument e Sigmund Freud’s Dora

Un ano máis o (S8) reunirá na Coruña figuras claves do cinema de vangarda e experimental de moi diferentes xeracións. Entre elas, o británico residente en Nova York Anthony McCall, mundialmente coñecido polos seus traballos de “luz sólida”, unha serie que iniciou nos 70 co seu célebre Line Describing a Cone. Nesta ocasión, McCall estará no (S8) na Coruña visitando por primeira vez o noso país no contexto dun festival de cinema. 

A Mostra vaille dedicar un foco no que proxectará as súas películas colectivas Argument e Sigmund Freud’s Dora. O cineasta será tamén o protagonista da clausura do festival cunha posta en escena simultánea dos seus traballos lumínicos en formato analóxico.

Anthony McCall ©

A canadense Barbara Sternberg, referente da vangarda internacional, serán outra das protagonistas desta XIV edición

A canadense Barbara Sternberg, referente da vangarda internacional, serán outra das protagonistas desta XIV edición. O foco que o (S8) lle dedicará desenvolverase en dous programas que supoñen a estrea en España de gran parte da súa filmografía, mostrada no seu formato orixinal de 16 mm.

Así mesmo, na sección Desbordamientos destacan as performances que traen en exclusiva ao (S8) o canadense John Price e o coreano Hangjun Lee. A Mostra dedica ademais un amplo programa ao cineasta arxentino Benjamín Ellenberger. Ademais, o (S8) convoca a sétima edición de BAICC, as Residencias artísticas internacionais de Creación Cinematográfica, que o (S8) leva a cabo en Toronto (Canadá).

Na sección Desbordamientos destacan as performances que traen en exclusiva ao (S8) o canadense John Price e o coreano Hangjun Lee

Finalmente, o (S8) continúa traballando na liña de tender pontes co cinema experimental desenvolvido ao outro lado do Atlántico. Con ese fin, este ano trae a un dos creadores actuais máis estimulantes de Arxentina: Benjamín Ellenberger. 

Será só unha parte da programación dun (S8) que terá filmes de doce países: Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Italia, Arxentina, Francia, Chile, Alemaña, República Checa, Corea do Sur, Portugal e España. 

Barbara Sternberg ©

O (S8) proxectará máis de 180 pezas procedentes dunha ducia de países

A décimo cuarta edición do (S8) está organizada pola Asociación Cultural eSe8 e conta co apoio do Concello da Coruña, o Consorcio de Turismo e Congresos, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia e o Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), Acción Cultural Española (AC/E) e a Fundación Luis Seoane. Ademais conta coa colaboración de Afundación Obra Social ABANCA.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.