A aceptación da perda a través da asunción da idea da vida como tránsito, movemento. A escrita como berce desde o que reconstruírnos. O diálogo coa xinealoxía de mulleres que nos precederon. A mudanza, a transformación do rural e a súa fusión, quizais, co urbano. Son algunhas das ideas arredor das que se artella ‘O xiro’ (Xerais), o primeiro poemario de Noelia Gómez. A autora respondeu por correo electrónico as nosas preguntas sobre este libro.
O xiro é o tránsito, o movemento, a mudanza… Por que o poemario se chama ‘O xiro’? (Hai unha dedicatoria á avoa no principio do libro relacionada con isto)
Hai tres anos, en outono de 2016, agromou en min a vontade de escribir sobre o xiro. Foi así tal cal: “quero escribir sobre o xiro”. Como quen di, “estou escribindo sobre flores”, por exemplo, eu dicía “estou escribindo o xiro”. No momento no que xa estaban as partes pechadas, cada poema, cada verso eran os buscados, cando chegou o momento de poñerlle nome a todo iso, decateime de que o título sempre estivo presente, desde o comezo.
Foi algo case innato o nome do poemario. Por outra banda, ‘O xiro’ comeza a ferver dentro a partir da morta da miña avoa en novembro de 2014. Nese sentido, penso que a afirmación “quero escribir sobre o xiro”, estivo dous anos xestándose ata que un día abrollou. Polo tanto, detrás do poemario hai dous anos de fermentación case inconsciente e dous anos de creación e traballo.
“O xiro’ comeza a ferver dentro a partir da morta da miña avoa en novembro de 2014”
O xiro ten tres partes diferenciadas por un título: contorno, eixe e desprazamento. A primeira parece máis ligada ao rural e a terceira máis ao urbano. Por que esta estrutura en partes? Cal é a diferenza no contido de cada unha delas?
Cando tiven claro que quería crear un poemario sobre o xiro, pensei nunha estrutura que me permitise reflectir o momento xiratorio. A primeira parte tiña que tratar sobre o espazo e o lugar primeiros. A atmosfera a partir da que estamos xirando. Contorno é a parte máis extensa, está a infancia, o crecemento, a maduración das rapazas que nos criamos no rural. Este é o noso contorno. Un contorno de brañas, cociña de ferro, tractor, árbores, azul.
"Neste libro o eixe construímolo nós, as mulleres. É a parte máis feminista na que se tenta deconstruír a perspectiva patriarcal e erguer o edificio desde unha mirada feminista"
A segunda parte é o eixe. O eixe é o punto a partir do cal se xira. É o centro do movemento. Neste libro o eixe construímolo nós, as mulleres. É a parte máis feminista na que se tenta deconstruír a perspectiva patriarcal e erguer o edificio desde unha mirada feminista. E por último, no desprazamento, aparece o urbano, o material. Xa non estamos na casa de aldea, estamos na cidade, noutro mar. O desprazamento é o lugar actual no que se atopa a voz poética. A voz poética constrúe o poemario coa concienciación de que vive no desprazamento.
Na primeira parte abrollan a memoria da infancia e unha constatación (máis que reivindicación) dun rural non estático, senón vivo, en transformación (a través de imaxes coma a dos albaneis escultores) e non ausente de conflito (as olladas á pecadora…). Ao ler isto, pensaba que é un ollar cara ao rural doado de atopar nas poetas da túa xeración (ou da seguinte): sen demasiada nostalxia, sen idealizacións… Como é, para ti, o rural que reflicte este poemario?
Como ben dis, atopamos a imaxe dun rural en transformación. Situámonos nunha casa en obras, unha casa que se está reconstruíndo. O cambio aquí vai en dúas direccións: muda a casa por dentro, mudamos nós. Ráchase cunha tradición relixiosa, tal como apuntas co verso das olladas á pecadora, ráchase cun entender a vida —de feito elas xa non nacen da forma común, senón por fecundación in vitro—. Aparece a universidade, o amor á lectura e á escrita.
En 'O xiro' atopamos imaxes como pasar as tardes nas brañas coa merenda no mandil, agarrarse da man da avoa mentres leva o cesto na cabeza, a irmá que se perde entre o millo, as viaxes no tractor. Doutra banda, agroman escenas máis duras como a da nai que planta flores en testos porque xa non medran nas brañas, as veciñas que enchen baldes de auga para apagar o lume, as silvas que medran na parroquia onde antes xogaban nenos e facíase festa.
"Aquí non hai lugar para a nostalxia, “o inimigo máis forte”
É dicir, hai unha intención de reflectir a realidade que testificou a voz poética, de deixar constancia do rural que viviu e que xa non está, e de facelo en nome dunha colectividade, a colectividade das rapazas que viviron esa transformación. E aquí non hai lugar para a nostalxia, “o inimigo máis forte” (p. 36).
Hai un nós, nesta primeira parte: a voz poética e a irmá, que fala (aínda que non se dirixa directamente) penso que coa nai e, sobre todo, coa avoa. Mulleres que traballan e se privan de cousas para que as fillas (ou netas) poidan estudar e ter unha vida mellor ca a delas. En que sentido é iso tamén o poemario, un diálogo (non explícito) coa nai e a avoa?
Efectivamente hai un ti ao que se fala, nalgúns poemas é a nai e noutros a avoa, pero é a elas, ás mulleres que nos precederon. O libro non deixa de ser unha homenaxe a elas por todo o traballo para que a día de hoxe nós esteamos onde estamos. Dalgún xeito fixeron que exista en nós a vontade de cambio, que se activase algo, que o xiro poida ser real. Polo tanto, si, poderiamos entender a primeira parte e en xeral o poemario como un diálogo coa xenealoxía de mulleres que nos precederon, tanto no familiar como no poético, de aí que se abra cun verso de Xohana Torres, contorno con Antía Otero, eixe con María do Cebreiro e desprazamento con Eva Veiga. ‘O xiro’ pretende dialogar coas súas obras.
“Poderiamos entender a primeira parte e en xeral o poemario como un diálogo coa xenealoxía de mulleres que nos precederon, tanto no familiar como no poético”
É un poemario bastante sensorial: o recordo dos espazos, do frío e da calor… Nese sentido, o corpo está moi presente. Supoño, tamén, porque as lembranzas da infancia pasan, en boa medida, polo corpo (o recordo do cheiro e a calor do incendio, por exemplo). Que é o corpo neste poemario, cal é a súa importancia nel?
‘O xiro’ é un poemario de sensacións. Como creadora interésame moito traballar co sensorial. E tamén co corpo. Ao pouco de publicarse o libro atopei unha libreta cunhas notas do outono de 2016, cando decidín que ía escribir sobre o xiro. Nestas anotacións, a última idea reflectida é: o xiro no corpo. O corpo está presente desde o principio ata o final desta viaxe.
Como apuntas, as lembranzas pasan polo corpo, e no xiro a memoria é fundamental. A memoria do corpo. Hai uns versos que reflicten, penso, a importancia do corpo, tamén dos espazos: “o corpo sempre está nun lugar / o baleiro é o espazo sen corpo” (p. 29). O noso contacto co mundo exterior facémolo a través do corpo. Sentimos frío, calor, dor, pracer, sentímonos nun lugar, o movemento. Entón poderíamos dicir que neste poemario o corpo é o medio a través do cal xiramos. Nós mesmas sobre o noso corpo.
“Poderíamos dicir que neste poemario o corpo é o medio a través do cal xiramos. Nós mesmas sobre o noso corpo”
En consonancia con este sentido matrilineal do que falabamos antes, o poemario reclama, tamén, en xeral, un espazo, un lugar, para as mulleres. En que sentido este libro reclama a autonomía, a liberdade, das mulleres?
En ‘O xiro’ preténdese reivindicar o espazo das mulleres, un espazo que está lonxe do fogar e das tarefas domésticas. Trátase de buscar o noso espazo no mundo abríndose a ser aquilo que desexamos ser. No poemario reivindícase, por exemplo, a escrita. A voz poética de ‘O xiro’ non deixa de tentar atopar o seu lugar, o seu espazo, na escrita. E este espazo, o espazo da escrita, aparece como a salvación ante todo cambio, ante toda perda: “coa escrita a elevación é real / o seu ouveo non ten límites / frea a oxidación da carne / alumea todos os camiño” (p. 53).
O libro tamén fala da perda (da avoa, supoño). En versos coma este: “se como a hostia, regresarás?”. Cal é a importancia e a presenza da perda neste libro? Como se relaciona co paso do tempo?
Este libro nace da perda. A perda é o xerme que dá lugar ao movemento xiratorio. Aparece entendida como parte do ciclo vital, de aí que haxa unha aceptación dela. “Situarse no eixe / sabendo que nunca chegarán os 360º // percibir o xiro / atravesar a escrita // o ardor do que se aprende” (p.9). Este é o primeiro texto co que se atopa a lectora cando abre o poemario. É unha especie de advertencia de que vai entrar dentro dunha casa, vai transitar un eixe, e vai camiñar por unha cidade de desprazamento. Todo está en movemento. ‘O xir’o réxese pola filosofía de que todo cambia. O cambio é parte da vida e do progreso. Nese sentido, podo dicir que foi a través da escrita como souben aceptar o cambio. Na escrita deste poemario aprendín a comprender a perda. Foi a salvación.
“Todo está en movemento. ‘O xiro’ réxese pola filosofía de que todo cambia. O cambio é parte da vida e do progreso”
Aparecen, no libro, citas a Antía Otero, María do Cebreiro, Gonzalo Hermo e Eva Veiga. E non só como unha especie de homenaxe a poetas que poden gustarche. O teu libro dialoga, dalgunha maneira, como comentabas antes, con eles. En que sentido? (O frío en Gonzalo Hermo, por exemplo, ou as abellas de Antía Otero).
Cada un dos nomes citados están hai por un motivo. Ademais de sentir admiración polas autoras e polas obras, hai unha vontade de dialogar con elas. En primeiro lugar, o libro ábrese cunha cita de Xohana Torres, de ‘Elexías a Lola’, o poemario que lle adica á súa avoa Lola. ‘O xiro’ tamén é unha especia de elexía á avoa morta. Contorno ábrese con Antía Otero cuns versos de ‘O cuarto das abellas’. Antía viviu moi de preto a evolución do libro, de feito tamén vai dedicado a ela. De O cuarto das abellas hai un diálogo coa casa, a casa de aldea, e tamén coas abellas. “As mans resgardan o enxame / o néctar inxéctase nos tecidos // todo ferve // no útero / abellas” (p. 52).
De María do Cebreiro escollín a cita de “A muller sempre escribe co corazón en chamas”, de ‘O deserto’, porque interesábame precisamente esta idea da muller que escribe, e como o fai: co corazón en chamas. E ese verso pode relacionarse con “Así o corazón / no centro mesmo da brasa / comprende o frío”, de Gonzalo Hermo, recollido en ‘Celebración’. O frío está moi presente en todo o poemario. Pero sobre todo no eixe, a parte que se abre con estes versos. E por último, entramos no desprazamento a partir dun versos de Eva Veiga, de ‘A distancia do tambor’, que di “e os círculos continúan / a expandirse”, onde podemos observar esa idea de cambio e movemento. O libro pretende establecer puntos de unión con estas obras.
O medo, o baleiro, a ferida, a escuridade. Son ideas relacionadas entre si no poemario. En que sentido?
Esas palabras son importantes na concepción de ‘O xiro’, se cadra tamén porque son termos que para min teñen moito peso. Creo que cando escribo, entre outras, están estas palabras. Podemos incorporar o corpo. Debuxar no centro a palabra corpo e estas outras catro deixalas xirando arredor. O corpo sente medo, sente o baleiro, sofre feridas e habita a escuridade. Este é o corpo de ‘O xiro’.
“Temos interiorizado que o cambio aliméntanos, aínda que produza ferida. Penso que son palabras que toda persoa leva ás costas ante o xiro”
Ademais, son conceptos que non só están vinculados á infancia e ao crecemento, senón a calquera tipo de cambio. As mudanzas adoitan producir medo, camiñamos coas mans baleiras e ás veces cunha venda nos ollos sen saber moi ben que nos deparará a terra que pisamos. Pero sabemos que é necesario. Temos interiorizado que o cambio aliméntanos, aínda que produza ferida. Penso que son palabras que toda persoa leva ás costas ante o xiro.
En todo o libro aparecen tamén reflexións sobre a propia escrita. Como xeito de liberación, se cadra. De feito, todo o libro pode entenderse como unha reflexión sobre a escrita a través do mesmo proceso da escrita. Que é a escrita en ‘O xiro’? Que quixeches salientar sobre ela? “A linguaxe é o corazón da loita”, di un dos versos.
“É a escrita o primeiro alfabeto / ata que chega a voz / e as palabras saen / dunha en unha / coa forza das non pronunciadas” (p. 21). Así chega a escrita en ‘O xiro’, antes que a voz. Para min era fundamental neste primeiro poemario situar a escrita no seu lugar. A escrita como algo que permanece, aínda que todo mude. Ela non se esfuma, senón que acompaña, libera, amansa.
Nos primeiros poemas atopámonos coa chegada da escrita e da lectura. Logo aparece como aquilo que, citando o verso que sinalei antes, “frea a oxidación da carne / alumea todos os camiños” (p. 53), ata converterse no “corazón da loita” (p. 56). A escrita de ‘O xiro’ é máis que un instrumento, é o que constrúe o movemento xiratorio, o que fai que todas esas sensacións e vivencias poidan plasmarse. É a salvación. Penso que se hai algo que permanece en todo o poemario é a escrita e o mar.
“A escrita de ‘O xiro’ é máis que un instrumento, é o que constrúe o movemento xiratorio, o que fai que todas esas sensacións e vivencias poidan plasmarse. É a salvación”
A luz e a escuridade aparecen moito, tamén, no libro. E é como se houbese un movemento, ao longo do poemario, cara á luz. Non cun sentido liñal do tempo (nun sentido de “evolución”), pois a concepción do tempo do poemario é máis ben circular. Mais é como se nesa espiral ascendente se camiñase máis cara á luz. Por que esa oposición entre luz e escuridade? Hai un camiño cara á luz?
Desde nena sentín atracción pola contraposición luz/escuridade. A escuridade era o mundo das sombras, do descoñecemento, o dionisíaco, tíñalle medo. Na escuridade podemos palpar o contorno pero non temos agudeza visual. A noite é o momento no que se arrolan as nenas porque choran e non deixan durmir, é noite cando a nai se ten que erguer cedo para traballar, a noite é o momento no que chega a inquedanza, o momento no que o mundo cala. Pero hai unha especie de fascinación pola noite e a escuridade.
A noite é o momento no que a voz poética se atopa coa escrita. É o momento de culminación creativa, pero aínda así, dentro da escuridade da noite, a palabra é iluminada: “de noite / confésome nos libros // a luz constrúe o ángulo / ilumina a palabra” (p. 34). Sempre chega a luz, porque “a carne chora / desexa o claro / o apolíneo” (p. 51). Como as plantas desexamos a luz, pero entendemos o claro, porque sabemos a escuridade.
Penso que o poemario se pode entender como un camiño cara á luz, no sentido de que estamos continuamente transitando a noite e o día, a luz e a escuridade, pero un dos últimos poemas da segunda parte, eixe, di que a escrita “alumea todos os camiños” (p. 53). E xustamente o desprazamento ábrese con “abrir as persianas na chegada do sol” (p. 62), é dicir, na chegada da luz. Non sabería responder concretamente se hai un camiño específico cara á luz, pero si que podo dicir que no movemento xiratorio que transitamos na lectura do libro si que está a idea de acceder á luz. Esta idea da luz, do sol, está vencellada coa aceptación. Abrir as ventás da casa neste lugar que é novo, observar a paisaxe, xirar e ter, sobre todo, a consciencia interna do movemento.
“Esta idea da luz, do sol, está vencellada coa aceptación. Abrir as ventás da casa neste lugar que é novo, observar a paisaxe, xirar e ter, sobre todo, a consciencia interna do movemento”
Hai un nexo no poemario entre a (re)construción da identidade e, quizais, o afastamento necesario do espazo de nacemento (aínda sendo conscientes de que sangra). “o mar destrúe barreiras”, di un dos versos. Que ten que ver este poemario con iso, coa identidade que se constrúe, en parte, desde fóra?
A identidade sempre está en proceso construtivo. Nunca deixamos de procurarnos no termo. No caso de ‘O xir’o, hai unha busca da identidade entendida como aquilo que axuda a renacer nese novo lugar no que estamos. Na creación do poemario foi de vital importancia afastarse do lugar de nacemento para sentir o desprazamento.
Non sei que pasaría se o pechase en Galiza e non en Barcelona, pero si que podo dicir que desde alí sentín unha proximidade case mística co meu espazo de nacemento e ao mesmo tempo puiden atopar a distancia necesaria para poder construír desde outro lugar. Case toda a parte do desprazamento foi escrita en Barcelona. O poema dos versos que sinalas, “o mar destrúe barreiras” (p.64), foi o primeiro texto que escribín alí, no mar do Mediterráneo.
“Na creación do poemario foi de vital importancia afastarse do lugar de nacemento para sentir o desprazamento”
Alén do sentido social, o poemario ten unha pegada bastante existencial, en relación coa aceptación do ciclo da vida e a morte. Que tamén está relacionada con esa concepción circular do tempo. É como se esa aceptación da unidade, do ciclo da vida/morte, servise tamén, quizais, para sandar a ferida da perda, da ausencia das persoas que xa non están con nós. Móvese, dalgún xeito, o poemario cara a iso?
Totalmente. ‘O xiro’ non deixa de ser unha reflexión sobre a unidade vida/morte. O poemario comeza cun nacemento, esas nenas que nacen in vitro; despois transitamos a perda ata finalmente chegar aos versos “nacemos coa dor nas mans pero renegámola / non se asimila a unidade / a relación que existe entre cortar o embigo / e enterrar o corpo // os paxaros desprázanse en círculo para que comprendamos // nacemos suxeitando a morte” (p. 70). Lógrase a aceptar a perda -non só de persoas, tamén do lugar-, a través do movemento xiratorio, interiorizando o xiro como aquilo que sucede e existe, entendo que ten corazón e latexa. E o camiño para comprender este movemento é o da escrita. A escrita é o berce, o que fai que xiremos, aceptemos a perda e nos reconstruíamos.
“Lógrase a aceptar a perda -non só de persoas, tamén do lugar-, a través do movemento xiratorio, interiorizando o xiro como aquilo que sucede e existe”
O libro gañou o premio Gonzalo López Abente. Que supuxo para ti o premio? Tes algún outro proxecto de publicar algo en breve?
Gañar o Gonzalo López Abente supuxo entrar dentro do panorama literario galego dunha boa maneira, penso. Trátase dun premio valioso que gañaron autoras como Emma Pedreira ou Eli Ríos, por exemplo, xurado desta V edición, xunto a Suso Sambade, secretario da Fundación Gonzalo López Abente. Pero sobre todo grazas a este galardón puiden publicar o primeiro poemario, cumprir o meu soño. Ademais, para min era importante o feito de que a obra gañadora a editase unha casa tan grande como é Xerais. Estou feliz de que este fose o comezo.