Texto publicado no número 243 de Grial
In memoriam Francisco Fernández del Riego, que fixo da Fundación Penzol-Casa Galega da Cultura un vital espazo de memoria.
A duras penas comezara a lingua galega a entrar nas escolas na década dos anos trinta do século XX coa teimosía das persoas vencelladas ás Irmandades da Fala e debido á influencia cultural e ética do Partido Galeguista. Mais, todo se esfarelou coa vitoria e represión provocada polo réxime franquista, que intentou desenvolver un reforzado proceso de aculturación da poboación con elementos da vella cultura tradicional, conservadora e españolizadora
A duras penas comezara a lingua galega a entrar nas escolas na década dos anos trinta do século XX coa teimosía das persoas vencelladas ás Irmandades da Fala e debido á influencia cultural e ética do Partido Galeguista. Mais, todo se esfarelou coa vitoria e represión provocada polo réxime franquista, que intentou desenvolver un reforzado proceso de aculturación da poboación con elementos da vella cultura tradicional, conservadora e españolizadora.
Un proceso imposto ao que contribuían non só o sistema educativo, a pesar das súas deficiencias, senón tamén a Sección Femenina e mais o Frente de Xuventudes, como organizacións de encadre dos nenos e adolescentes españois de ambos sexos, en converxencia con outros instrumentos de sometemento ideolóxico. Non había, pois, lugar público lexítimo para a lingua galega, dado que neste espazo público pasou a lexitimarse o uso exclusivo da lingua castelá (Costa, 2008). E como indicou Ramón Piñeiro (1967: 30):
Así, íase instalando na conciencia dos galego-falantes, a inmensa maioría da poboación, o sentimento de dúbida ante o valor do galego, falado pero non escrito, falado pero sen norma culta, moi rico lexicamente para as referencias ao mundo agro-mariñeiro, pero expresivamente pobre ante as novas referencias urbanas. Un sentimento de dúbida, avivado por prexuízos e polo desprestixio social, o que a miúdo chegaba a transformarse en complexo de inferioridade social e cultural.
Porén, hai que salientar que cando están a finalizar os anos sesenta, as loitas antifranquistas e a reivindicación das nacionalidades do Estado (tamén a galega) acadaran certa visibilidade social, certo arraigo e algunhas estruturas organizativas de oposición, contando a este respecto con algúns apoios entre sectores católicos (1). Por fin, en 1975, unha España que rexistraba daquela un importante cambio social e de valores asistía á morte de Franco. Remataba un tempo de silencio, de falta de liberdades, e de represión e abría as súas portas a transición cara á democracia política.
Recomezouse a propoñer a necesidade de incorporar a lingua galega ao espazo social, dándolle lexitimidade, e por iso, apuntando igualmente á necesidade da súa incorporación ao sistema educativo, baixo o reclamo Galego na escola
Acontecía isto nunha Galicia onde con grandes dificultades se conseguira poñer en marcha algunhas iniciativas culturais e editoriais desde os anos cincuenta (editoriais Galaxia, Castrelos, Ediciós do Castro...) e outras de carácter político, desde mediados dos anos sesenta (PSG, UPG, PCG), para con todas elas abrir un tempo de novas expresións, que ían sendo visibles, sobre todo, no ámbito universitario compostelán e a partir das mobilizacións obreiras e sociais de Ferrol e Vigo en 1972.
Neste contexto —entre o medo diante da represión e a afouteza dalgunhas minorías— recomezouse a propoñer a necesidade de incorporar a lingua galega ao espazo social, dándolle lexitimidade, e por iso, apuntando igualmente á necesidade da súa incorporación ao sistema educativo, baixo o reclamo Galego na escola.
A lingua que chegaba á porta das escolas
Como sabemos, nas décadas dos anos corenta e cincuenta os déficits de escolarización eran graves. Con todo, no andar dos anos sesenta esta escolarización foi ampliándose, se nos referimos á educación primaria e á obtención do bacharelato elemental, sen que isto non nos impida aludir ás graves limitacións educativas existentes para os sectores populares.
A lingua galega só chegaba á porta das escolas, pero as escolas impoñían os valados da españolización, aínda moi fortes anos despois da desaparición biolóxica do franquismo
A lingua que chegaba ás escolas e aos institutos laborais e de ensino medio era de modo dominante a galega (aínda que se tratase dunha lingua interferida en distinta medida polo castelán). Era igualmente a lingua que chegaba viva aos seminarios diocesanos ou das ordes relixiosas masculinas (pero bastante menos, daquela, no caso dos colexios para nenas sostidos polas ordes relixiosas femininas).
O profesorado, que anteriormente lograra ter unha significativa tonalidade renovadora nunha porcentaxe considerable dos docentes, era agora un colectivo autocensurado e autoreprimido; pasivo, resignado e submiso á fronte dunhas institucións escolares que transmitían os valores do nacional-catolicismo (Barreiro Rodríguez, 2006: 9-23), con rexeitamento explícito das mellores propostas pedagóxicas da Escola Nova e activa. Se ben, de novo ao paso dos anos sesenta ían rexistrándose algunhas incipientes mudas (Costa, 2013 e 2021) ata ir debuxando un certo movemento de opinión social que, en distintos ámbitos —entre eles, o do ensino— apuntaba cara á crítica e a reforma política e social.
Aí, debemos situar, como procura de readaptación, a aprobación oficial do informe La educación en España. Bases para una política educativa (Madrid, 1969), no que se trazan as bases da Lei Xeral de Educación de 1970. Un informe que sinalaba o tradicionalismo, a falta de funcionalidade social do sistema educativo e as súas graves carencias e limitacións. As cousas comezaban a cambiar (Escolano, 2002). Propoñíase oficialmente unha reforma modernizadora e racionalizadora do sistema educativo (Malheiro Rodríguez, 2021), propiciada e apoiada pola OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico), a UNESCO e o Banco Mundial.
Deseguida, o Ministerio de Educación deu a coñecer o documento Planificación de la Educación. Galicia (Madrid, 1970) que recoñecía a necesidade de mudar as cousas: no documento (entre o diagnóstico e a planificación prospectiva) fálase de Galicia como unha rexión diferenciada e subdesenvolvida, “sociológicamente distinta de cualquier otra región española”, “un verdadero pequeño país aislado del resto de España”, no que se podían apreciar a reducida urbanización, a extrema dispersión en canto aos núcleos de poboación, a superposición cultural e a non integración entre o mundo “oficial” e o mundo cultural tradicionalmente galego. Dicíase: “el maestro ha sido a menudo un factor extraño que habla otro idioma y que desarrolla una labor mínimamente apreciada” (p. 17), ocasionando, con outras carencias, o notorio desaxuste entre a escola e a realidade social, que explicaría o “relativo fracaso del sistema escolar institucional en Galicia”, entre outras valoracións diagnósticas, agradecidas por parte dos emerxentes actores de oposición ao réxime político, pois que viñan reforzar argumentativamente as reducidas, pero crecentes, protestas sociais.
Comezaron a mobilizarse diversas voces a prol da presenza do galego nos centros educativos: algúns destacados profesores de instituto, un sector dos sacerdotes católicos e de relixiosas, as xentes da Editorial Galaxia (en particular) e as nacentes asociacións culturais urbanas e vilegas
Neste escenario é onde comezaron a mobilizarse diversas voces a prol da presenza do galego nos centros educativos: algúns destacados profesores de instituto, un sector dos sacerdotes católicos e de relixiosas (que baixo a influencia das reflexións provocadas polo Concilio Vaticano II mantiñan algunha coordinación mediante os chamados “Encontros anuais dos Europeos” ou “Coloquios de Parroquias”), as xentes da Editorial Galaxia (en particular) e as nacentes asociacións culturais urbanas e vilegas (Gurriarán, 2012). No caso sacerdotal hai que sinalar, ademais, a presenza dalgúns cregos novos que foran enviados a formarse noutras Universidades (“Os irmandiños” en Roma, Comillas, Salamanca, Lovaina), quen de volta nas súas dioceses, como actores sociais e como formadores nos seminarios, contribuían á renovación destes centros, como foi no caso de Mondoñedo-Ferrol.
Houbo, deste xeito, alento para levar a cabo algunhas novas experiencias de educación. Así se fixo nalgunhas escolas públicas (por exemplo, as relacionadas cos “Cursillos agropecuarios” da provincia de Lugo (Gutiérrez Roca, 2020), coas figuras ao fondo do empresario Antón de Marcos e dos ensinantes Avelino Pousa Antelo e Valentín Arias López (mestre e discípulo) e así o practicaron algúns outros profesores, tanto de centros públicos como de carácter relixioso, entre os que anotamos varios dos colexios da Compañía de María e o dos paúles de Maceda. Anotamos, tamén, a urbana Escola Rosalía Castro de Vigo, co mimo e a intelixencia de Antía Cal, ou o Colexio Fingoi de Lugo, situado baixo a dirección do profesor Carvalho Calero. Uns e outros abrían portelos á galeguización cultural e lingüística pola vía dos concursos literarios escolares e das excursións e paseos escolares, cando nelas había unha preocupación didáctica e educativa.
A pesar disto e de modo xeral, a lingua galega só chegaba á porta das escolas, pero as escolas impoñían os valados da españolización, aínda moi fortes anos despois da desaparición biolóxica do franquismo.
Derrubando valados
Houbo, pois, que derrubar os valados e unha parte deles foron caendo a través de pequenas e simbólicas accións
Houbo, pois, que derrubar os valados e unha parte deles foron caendo a través de pequenas e simbólicas accións —como as indicadas— que é interesante rememorar, a fin de lograr unha mellor comprensión dos trazos que enmarcaron o camiño andado; en textos de 2007 e de 2017 procuramos mostrar diversas evidencias deste proceso de derruba, que aquí e agora pretendemos enriquecer. Neste sentido, a táboa que acompaña estas notas e que suma as referencias indicadas por Malores Villanueva (2010), quere dar conta de diversos feitos e procuras neste camiño de galeguización. Nel, interviñeron actores individuais e colectivos específicos por medio da prensa diaria; a través da correspondencia (como a sostida entre Valentín Arias e Ramón Piñeiro: vid. ilustración 1)(2); por medio dalgúns textos editados; mediante discretas xuntanzas, e coa contribución de concursos escolares, como os convocados polo Facho da Coruña e por Faro de Vigo.
O fundamental ano de 1963 para tantas cousas referidas á galeguización da nosa sociedade —como se fixo notar en distintas ocasións— converteuse no decisivo punto de partida. A edición por parte do Centro de Estudos Fingoi do libro Contos populares da provincia de Lugo, un material etnográfico, recollido por nenos e mestres, debeu ter algunha consecuencia práctica, como libro de lecturas escolares. Sinala o profesor Carballo Calero, no prólogo asinado en 15 de xaneiro de 1963, que a edición obedecía a unha selección de 300 textos recollidos por mestres de escola participantes nos cursos agropecuarios organizados pola Inspección de Primeiro Ensino da provincia de Lugo “fomentados xenerosamente polo ilustre presidente do Centro de estudos Fingoi, Antonio Fernández López”.
O profesorado participante poñía atención didáctica aos “problemas vivos do medio rural en que se desenvolve a súa actividade educativa”, tal como quedou expresado en varios centos de libretas escolares, parcialmente conservadas actualmente no Museo Pedagóxico de Galicia (3). Ademais, procedeuse á colleita de contos e narracións, efectuándose unha escolma de contos por parte do profesor Bernardino Graña (baixo a dirección do profesor Carvalho), que se presentou coa seguinte distribución: sentenciosos, de animais, de burlas, de santos, enigmas e adiviñas, de cregos e rapaces, de xastres, de canteiros, homes medrosos e descoidados, de avogados e escribáns, de ladróns, de cazadores, de criadas e señores, de borrachos, de galegos e estranxeiros, contos en versos e lendas de castros e montes.
A edición por parte do Centro de Estudos Fingoi do libro Contos populares da provincia de Lugo, un material etnográfico, recollido por nenos e mestres, debeu ter algunha consecuencia práctica, como libro de lecturas escolares
Seguiron outras iniciativas, sendo a partir de 1968 cando estas se intensifican, como é posible percibir na táboa citada. Neste ano El Correo Gallego (29-IV) dá conta dun escrito asinado por 3700 persoas peticionarias ao Ministerio de Educación da introdución do ensino do galego, seguindo os criterios da UNESCO, o que esixía a creación dun corpo de docentes de lingua e literatura galegas (mediante concurso ou oposición), que se impartise a materia en todas as Escolas de Maxisterio de Galicia, que se desen cursos para o profesorado nos veráns e que se fixese a preparación dos libros de texto necesarios. Sentíase a necesidade de dispoñer dalgún libro “de texto” que servise para facer indicacións ortográficas sobre o galego, para darlle a esta lingua a dignificación da letra impresa ante os ollos infantís e para poder ser, ademais, unha pequena antoloxía de textos de lectura. Era ben o propósito presente na petición de Ramón Piñeiro ao mestre Valentín Arias, formulada en 1968 (que se reflicte na ilustración 1) e a razón de ser da “recuperación” en 1969 por parte de Ediciós do Castro do Catón galego preparado con anterioridade por Ben-Cho-Shey (Xosé R. Fernández Oxea).
A partir desta data, a cuestión faise relativamente presente nos xornais publicados en Galicia. Así, Xosé M. Beiras dirixía en 1969 unha carta ao director de La Región coa vontade de contestar publicamente uns escritos que apareceran no mesmo medio asinados por Constantino Abella [Rodríguez] contrarios á presenza do galego nas escolas, salientando que “enseñar el gallego y enseñar en gallego son otro modo de hacer pedagogía en Galicia: ignora Ud. (referíndose a este Constantino Abella) hasta que punto el sistema tradicional de enseñanza primaria vigente en Galicia es corresponsable de algunas de las taras colectivas más genuinas de la población gallega” (4).
Nestes intres tamén escribía Ben-Cho-Shey con algunha frecuencia en El Correo Gallego, mostrando apoio á presenza do galego na escola.
A crecente sensibilización daba lugar a varias iniciativas sostidas desde a prensa. Referirémonos en particular á suscitada como Concurso “Galego no ensino” que se mantivo con aparición semanal nas páxinas de Faro de Vigo durante o curso de 1971-72 . O mestre Valentín Arias, o inspector de ensino Luís Viñas Cortegoso e Francisco Fernández del Riego estaban ao coidado, co apoio económico de Xosé María González Salgado
Pouco despois destas chamadas, a crecente sensibilización daba lugar a varias iniciativas sostidas, igualmente, desde a prensa. Referirémonos en particular á suscitada como Concurso “Galego no ensino” que se mantivo con aparición semanal nas páxinas de Faro de Vigo durante o curso de 1971-72 (5). O mestre Valentín Arias, o inspector de ensino Luís Viñas Cortegoso e Francisco Fernández del Riego estaban ao coidado, co apoio económico de Xosé María González Salgado. Semana a semana íanse sinalando a través das páxinas de Faro de Vigo as concretas temáticas que deberían ser abordadas nos textos infantís: os meus pais, poemas (libres), como son eu, as fogueiras, a primavera, a pesca, o pintor Picasso, Rosalía de Castro, as mulleres, o amor, Vigo, Lugo, a morte, os meus compañeiros, os mestres, os pescadores, as feiras, o Entroido, a mata do porco, o inverno, o neno Xesús, a fame, os soños dun paxaro, o que soñei un día, as plantas, o entroido, os hórreos, carta a unha profesora ou señor importante, o verán, a froita e un apartado de debuxos infantís (Ilustración 2).
Tratábase dun proceso relativamente guiado de escrita infantil coa intermediación das e dos mestres de escola interesados en promover a participación destes nenos e nenas, que mostraba, sobre todo, un imaxinario narrativo tradicional e ruralizante. Segundo a documentación conservada, podemos apreciar que participan nenos das seguintes escolas e colexios: Graduadas de Sárdoma e de Bouzas, Maristas, Escolas Nieto, colexio Andersen, Santo André de Comesaña, Graduada Casablanca, escola de Becerreira e escola de San Paio de Navia, todas elas do concello e cidade de Vigo, ademais dalgunhas outras: colexio La Salle de Santiago, colexio Fleming de Vincios e escola de San Cibrán (Gondomar), escola de Vilameán de Tomiño, colexio San Narciso de Marín, agrupación escolar de Sarria, e as escolas dos Peares, Cesantes (Redondela), Rañadoiro (Pontesampaio), Negrelos (Rodeiro), Castelo (Cambados) e Laro (Silleda). Algunhas participan case sistematicamente, pero é máis habitual a inestabilidade nesta presenza. Igualmente observamos que a participación de nenos e nenas cobre un amplo intervalo entre os 6 e os 13 anos, con maior peso para os situados entre os 10 e os 13 anos de idade, sendo frecuente a presenza de 60-70 textos por temática. Como detalle: era habitual a escrita dos fillos de Valentín Arias e da súa dona Amparo Castaño: Xoan Carlos, Marcos e Xela.
O 6 de xuño de 1972 os membros do xurado, Francisco Fernández del Riego, Luís Viñas Cortegoso e José Landeira Irago concedían o primeiro premio para a participación dos nenos do colexio nacional Virxe do Rocío (Bouzas, Vigo), o segundo para as escolas Nieto (Lavadores, Vigo) o terceiro para a escola de Vilameán (Tomiño) e un accésit para o colexio dos Maristas de Vigo.
Nos anos 1977-78 rexistrouse un maior impulso ao poñerse en pé varios grupos de profesores coa intención de crear materiais didácticos para a nova escola
Por aquel entón petaban nas conciencias as intervencións xornalísticas galeguizadoras do crego Espiña Gamallo coa súa sección “Outeiro de San Xusto”, ao tempo que sendo el profesor na Escola de Maxisterio da Coruña promovía no centro unha vizosa xeira de conferencias sobre asuntos varios da cultura galega e un curso de lingua galega, coa asistencia de trescentos estudantes, celebrándose os sábados pola mañá.
En diante desa data aceleraríanse varios proxectos e iniciativas, tal como recollemos ata 1976 na táboa 1. Sen dúbida, claramente insuficientes segundo pedía Xesús Alonso Montero no seu debatido Informe —dramático— sobre la lengua gallega (Madrid, Akal, 1973). A edición de “Axóuxere-semanario do neno galego” preparaba o terreo para a aparición da revista infantil Vagalume e do método de lectura e escritura Picariños. Outras iniciativas sociopolíticas e culturais envolvían este proceso.
Por fin, nos anos 1977-78 rexistrouse un maior impulso ao poñerse en pé varios grupos de profesores coa intención de crear materiais didácticos para a nova escola. Aí situamos a aparición do equipo do Salnés (logo denominarase Escola Aberta), que presentaba en 1978 o libro escolar A agricultura de Galicia; o Movemento Cooperativo de Escola Popular Galega (iniciado como ACIES en 1976), que comezaba a edición da revista pedagóxica galega As Roladas 2; o inicio da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG); a creación do equipo Preescolar na casa e, entre algunhas outras, a do Grupo de mestres Avantar, presente nas varias páxinas que La Voz de Galicia dedicou á galeguización escolar no outono de 1979. A galeguización suscitaba para aquela un confiado balbordo de iniciativas, con todo, sen suficiente alento e vindo a dar a unha crise nos primeiros anos 80, parcialmente superada coa creación da asociación Nova Escola Galega, en 1983.
O que veu vindo, deseguida, está narrado e descrito en varios lugares e conforma abondosas páxinas de documentación, con valiosos froitos mais, aínda así, incluíndo tamén numerosas limitacións e problemáticas novas coas que nos confrontamos na actualidade como materia constituínte das nosas vidas.
ANO | FEITOS E PROCURAS |
1958 | O Lar Galego de Caracas premia o orixinal didáctico preparado pola profesora Antía Cal Vázquez, O libro dos nenos (editado con adaptacións en 2021). Actividades de galeguización na escola primaria de orientación agrícola na Granxa de Barreiros (Sarria), co mestre Valentín Arias López, seguindo a estela de Avelino Pousa Antelo, e noutras escolas rurais da provincia de Lugo (colleita de manifestacións etnográficas, que continúan nos anos posteriores). |
1963 | Edición dos Contos populares da provincia de Lugo. Creación da asociación cultural O Facho na cidade da Coruña, seguindo o camiño aberto en 1961 por O Galo en Santiago de Compostela. Na Facultade e Filosofía e Letras da USC iníciase a impartición da materia de Lingua e Literatura Galegas para alumnado de Filoloxía Románica, no último curso da carreira. |
1964 | Curso de lingua galega, organizado por O Galo en Santiago, na Academia Minerva. |
1965 | Impártense cursos de galego, organizados polas nacentes asociacións culturais, en distintas cidades galegas e en Madrid, neste caso coa participación do colectivo universitario Brais Pinto. |
1966 | Editorial Galaxia publica, coa colaboración da catalá La Galera, dous contos ilustrados para nenos: O abeto valente e O globo de papel, os dous primeiros contos ilustrados en galego, como era daquela o habitual en catalán ou en castelán. Autorización do uso do galego nas homilías relixiosas católicas. Danse algunhas clases de galego na Asociación Cultural de Vigo. |
1967 | O xornal Faro de Vigo abre un espazo de opinión sobre a conveniencia de uso do galego no ensino (28-II), favorablemente avalado polo Padre Seixas e por Antía Cal Vázquez. Continúa a edición de varios contos infantís ilustrados e a celebración de varios cursos de lingua galega, como o convocado pola Asociación de Amigos da Cultura en Pontevedra. |
1968 | Aumentan as invitacións ao uso da lingua galega, das que se fan eco La Voz de Galicia e El Correo Gallego. Iníciase a celebración do Día da Patria Galega (25-VII). Editorial Galaxia colabora con EDIGSA para a edición de varios discos en galego. Edítase en Editorial Galaxia o Diccionario Galego-Castelán e vocabulario castelán-galego de Franco Grande. O mestre Laureano Prieto edita Contos pra nenos. Iníciase o Concurso de contos infantís (con convocatorias ata 1975) por parte da Asociación cultural O Facho da Coruña Aumenta a edición de libros en galego (N=68) e de misas católicas. Edición de textos breves de ensaio sobre o galego no ensino a cargo de Valentín Arias López e do chamado Grupo Galego de Londres. Carlos Casares edita A galiña azul: contos para nenos e Neira Vilas Memorias dun neno labrego (en Ediciós do Castro, xa editado anteriormente en 1961 en Buenos Aires). Correspondencia de Valentín Arias a Ramón Piñeiro (29-XI) coa súa disposición a preparar un libro escolar “que lle fale en galego aos rapaces”. |
1969 | Entre as conferencias de cultura galega organizadas pola Asociación Cultural de Vigo non falta unha sobre o uso do galego no ensino, e sobre esta cuestión publícanse en La Región varios textos favorables por parte de Ben-Cho-Shey (Xosé R. Fernández Oxea) e de Xosé M. Beiras. Na dobre convocatoria do concurso de contos infantís de O Facho participan, desde diversos lugares de Galicia, 80 contos para nenos e 15 contos de nenos. Formaban parte do xurado Dónega Rozas, Mariñas del Valle, Espiña Gamallo, Rodríguez Pardo e Fraga García. Ben-Cho-Shey publica O catón galego (Ediciós do Castro). Cambre Mariño publica Educación e desenrolo. Estrutura e problemas do ensino en Galicia i España (Editorial Galaxia). |
1970 | O xornal El Ideal Gallego (A Coruña) inicia a sección “Do idioma galego” e promove a enquisa “A lingua galega e as novas xeracións”. Os deputados galegos nas Cortes españolas Antonio Rosón e Filgueira Valverde defenden alí no mes de maio a introdución do galego no ensino, con ocasión dos debates para a aprobación da Lei Xeral de Educación. Xesús Alonso Montero e Marcos de Abajo publican o libro de texto O galego na escola (Editorial Anaya), o primeiro libro concibido como de texto nesta xeira (con leccións e imaxes). Editorial Galaxia difunde como separata o texto de Valentín Arias A lingua galega na escola (Grial 29, pp. 257270). Importante aumento do número de textos presentados nos concursos de contos infantís convocados por O Facho. |
1971 | Desde o outono Faro de Vigo difunde o concurso escolar “Galego no ensino”, con invitacións á escrita sobre variados asuntos. Créase o Instituto da Lingua Galega da USC, e este prepara o libro Gallego I, sobre a lingua galega, coa edición de 16.000 exemplares. Seguirán Gallego II e Gallego III. En edición posterior serán Galego I, Galego II e Galego III. Alonso Montero promove desde o Instituto masculino de Lugo a edición do libro Galicia Anos 70 (Editorial Celta). Este ano el mesmo, Méndez Ferrín e Francisco Rodríguez son apartados das súas cátedras polo Ministerio de Educación, dada a súa militancia idiomática. |
1972 | No plan de estudos das Escolas de Maxisterio de Santiago e de Ourense (2º curso) introdúcese no curso de 1972-73 a Lingua Galega, como materia optativa. En 13 institutos de Ensino Medio de Galicia impártense cursos de iniciación á lingua e literatura de Galicia (entre eles, o de Ribadeo). Editorial Galaxia presenta o pequeno libro Lecturas Galegas I*, para o seu uso no inicio da Educación Xeral Básica, con alumnado galegofalante (30 breves lecturas con debuxos sobre o mundo rural galego). O Facho da Coruña inicia a convocatoria de premios para textos teatrais infantís. Edítanse 100 libros en galego. Os sacerdotes Morente e Vidán preparan O Catecismo na escola, editado por Edicións do Adro-Sept. Créase a fin de ano a organización estudantil nacionalista Estudantes Revolucionarios Galegos (ERGA), co seu boletín Lume. O colexio Rosalía de Castro de Vigo difunde o xornal escolar bilingüe A Nosa Escola. |
1973 | Inclúese a Lingua Galega como materia optativa na sección de Lingua Española e Idiomas Modernos das Escolas de Maxisterio de Galicia. Paco Martín, con Alonso Montero e Ulises Sarry, desde Lugo, lanzaban “Axóuxere, semanario do neno galego” en 1973, un encartable en galego, a través do xornal La Región. Impártese un curso de iniciación á lingua galega en 18 institutos de ensino medio de Galicia. Alumnos de 4º curso do Instituto Masculino de Lugo (coordinados por Xesús Alonso Montero) editan: Declaración dos dereitos do neno e outras cousas nosas. (Lugo: Editorial Celta) |
1974 | Inicio das emisións en galego na TVE en Galicia. Alvaro Álvarez Blázquez editaba con profusión os autocolantes “Galego na escola” e “Falemos galego”, que distribuía a Asociación Cultural de Vigo. 61 centros de ensino medio imparten cursos de iniciación á lingua galega. Créase a nacionalista “Unión de Traballadores do Ensino de Galicia” (UTEG), co seu boletín Alento. |
1975 | Inicio da publicación periódica mensual para nenos Vagalume (viva ata mediados de 1978). A asociación católica de mestres da Coruña, baixo a guía de Manuel Espiña, edita, coa colaboración catalá de Casals, o libro de ensino da lectura e escritura Picariños: falar, xogar e ler, con ampla difusión escolar. Apróbase o Real Decreto 1433/1975 de 30 de Maio “por el que se regula la incorporación de las Lenguas nativas en los programas de los Centros de Educación Preescolar y General Básica” que se complementou co 2929/1975 de 31 de outubro para regular o uso escolar das “lenguas regionales españolas”. Edítanse 150 libros en galego. |
1976 | A nacente Asociación para a correspondencia e a imprenta escolar (ACIES Galicia), con presenza de mestras e mestres en diversos puntos de Galicia favorece a realización de xornais escolares con textos infantís escritos en galego, entrelazándose coa iniciativa de Vagalume. Maruxa Barrio Val, Enrique Harguindey et alii editan Textos para o ensino de galego ( A Coruña: Edicións do Rueiro). |
Notas
(1) A celebración do concilio Vaticano II e as orientacións nel aprobadas permitiron un certo pulo na renovación da vida católica. Así, en España distintos sectores e comunidades relixiosas sentiron a súa influencia, que se manifestou na constitución de comunidades de base, que se converteron en espazos de educación social, de loita pola xustiza e pola dignidade das persoas e dos medios populares.
(2) Na Fundación Penzol (Cartafol CA-339/5) consérvanse varias cartas escritas (unha autógrafa e varias mecanoescritas) dirixidas por Valentín Arias a Ramón Piñeiro iniciadas na escola da Granxa Barreiros (Sarria) en 1964 e as máis recentes de 1972, agora en calidade de xerente de Editorial Galaxia. En varias delas aboia a preocupación pola creación dun libro escolar en galego. Facémonos eco mediante a reprodución gráfica da carta de 29 de santos de 1968.
(3) Mercé á doazón efectuada pola directora do Colexio Fingoi, Asunción Fernández Puentes, ao MUPEGA.
4) Beiras, X. M. “La enseñanza del gallego”, La Región, 12-I-1969. Neste mesmo medio e ano aparece un escrito de Xosé R. Fernández Oxea (BenCho-Shey) en apoio da posición de X. M. Beiras.
(5) A este respecto, nos fondos da Fundación Penzol da Casa Galega de Cultura en Vigo consérvase unha ampla documentación: Cartafoles FR-CA 125/002/006 e FR-CA 146, que contón estas colaboracións infantís
Bibliografía
Barreiro Rodríguez, Herminio (2006). “O fío da memoria”, Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación 10, pp. 9-23.
Costa Rico, Antón (2007). “A escola que mudou: dinámicas, innovacións e experiencias na educación en Galicia (1961-2000)”, Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación 11, pp. 7-35.
(2008). “Los pájaros de Guadalajara tienen la garganta llena de trigo. Escuela y deslegitimación etno-cultural en Galicia”, Historia de la Educación. Revista interuniversitaria 27, pp. 245-266. https://dialnet.unirioja.es/servlet/ articulo?codigo=3010161.
(2013). “Aínda non raiaba o día: Educación e sociedade galega nun tempo agrisallado (1961-1977)”, Sarmiento. Revista Galego-Portuguesa de Historia da Educación 16, pp. 9-39. https://doi.org/10.17979/srgphe.2012.16.0.4086.
Con Bolaño Amigo, Uxía (2017). “Memoria social, literatura e historia da educación. Rastros sobre o tempo do Franquismo e a Transición”, Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación 20, pp. 17-40.
(2021). “De pedra son os muros: Sociedade e educación en Galicia nos anos 50-60 do século XX”, en Manuel Rivas (coord.), Dino Pacio Lindín. O guía dunha vangarda cultural (pp. 73-102). Lugo: Servizo de Publicacións da Deputación Provincial.
Escolano Benito, Agustín (2000). La educación en la España contemporánea. Políticas educativas, escolarización y culturas pedagógicas. Madrid: Biblioteca Nueva.
Gurriarán, Ricardo (2012). Un canto e unha luz na noite. Asociacionismo cultural en Galicia (1961-1975). Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega-Fundación 10 de Marzo.
Gutiérrez Roca, Xoel (2020). Prácticas e innovacións pedagóxicas no contexto rural galego: As “Escolas Agrícolas” (anos 50-60 do século XX) como expresión da Escola Nova. Lugo: Deputación Provincial de Lugo, Servizo de Publicacións.
Malheiro Gutiérrez, Xosé Manuel (2021). “La modernización educativa en España en un escenario de cambio social y de apertura democrática. Conversaciones con Pedro Caselles Beltrán, Director General de Educación Básica (1976-1982)”, Historia y Memoria de la Educación 14, pp. 695-745.
Ministerio de Educación (1970). Planificación de la Educación. Galicia. Madrid.
Piñeiro López, Ramón (1967). A linguaxe e as linguas. Vigo: Editorial Galaxia.
Villanueva Gesteira, María Dolores (2010). A lingua galega entre 1963 e 1975. Pontevedra: Deputación de Pontevedra.