Hai algo máis dun século, en 1921, Vicente Risco publicou nos números 6 e 7 da revista Nós unha proposta de Plan pedagóxico para a galeguización das escolas. O obxectivo era crear unha guía docente que permitise galeguizar e modernizar o modelo escolar do momento. Risco elaborou esta proposta a raíz do encargo que se lle fixera na asemblea das Irmandades da Fala que se celebrou en Vigo en 1921 e foi aprobado na asemblea de Monforte en 1922. Posteriormente, Risco publicou unha nova versión do plan en 1934 en A Nosa Terra.
O obxectivo era crear unha guía docente que permitise galeguizar e modernizar o modelo escolar do momento
Agora a Fundación Vicente Risco vén de editar, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, unha edición facsimilar dese plan pedagóxico. A publicación inclúe os textos orixinais publicados en Nós e A Nosa Terra así como a súa transcrición ao galego actual, realizada pola profesora da Universidade de Vigo Isabel Mociño, e tamén un estudo introdutorio a cargo de Xosé Fernández, inspector de educación que ten realizado a súa tese de doutoramento sobre a pedagoxía de Vicente Risco.
Na presentación da edición facsimilar do plan, que tivo lugar hai uns días na Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense da Universidade de Vigo, Celia Pereira, presidenta da Fundación Vicente Risco, destacou que a pesar de ter pasado cen anos da publicación do plan, “moitas das cousas que están nel para nada se teñen conseguido". De igual xeito, no seu texto introdutorio, Xosé Fernández, destaca que, cen anos despois e "superados os corenta anos de Autonomía, abofé que o esforzo para a galeguización anticipado por Risco segue en certa medida en vigor e precisando de xenerosos compromisos".
"Reler o plan pedagóxico de Risco é cuestionarnos ata que punto o noso sistema educativo aínda adoece de moitísimos aspectos de conexión co contexto, en particular de conexión coa lingua, de conexión coa contorna”
Así mesmo, Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo Social, subliñou o carácter "adiantado aos seus tempos" da Xeración Nós, "reivindicando que o normal era que na escola se falase o idioma que se falaba fóra dela, o galego”. Pola súa banda, Isabel Mociño sinalou que “dende unha lectura de hoxe e desde o contexto no que vivimos, reler o plan pedagóxico de Risco é cuestionarnos ata que punto o noso sistema educativo aínda adoece de moitísimos aspectos de conexión co contexto, en particular de conexión coa lingua, de conexión coa contorna”.
Ensino galego e en galego
O plan reclamaba que "o ideal sería que o ensino se dera en lingua galega" ou, cando menos, que "o galego non sexa sistematicamente estrañado e botado fóra das escolas"
O Plan de Risco incluía recomendacións para o propio edificio da escola, que debía ter unhas determinadas condicións estéticas, hixiénicas, educativas e pedagóxicas, pero sobre todo para a organización da vida escolar, buscando "o desenvolvemento do carácter galego", cultivando "as virtudes propias da nosa raza" e corrixindo "os nosos vicios". Risco suxería, por exemplo, que "hai que facer que as primeiras impresións que o neno reciba sexan enxebres, que a escola sexa un prolongamento do seu ambiente natural galego, que estean os nenos o máis tempo posíbel en contacto coa Terra". Ademais, apostaba por incluír nos plans de estudos amplas nocións de xeografía de Galicia, historia de Galicia e vidas de galegos ilustres, lingua e literatura galegas e de Arte galega.
Por suposto, a proposta incidía na cuestión lingüística, sinalando que "o ideal sería que o ensino se dera en lingua galega" ou, cando menos, que "o galego non sexa sistematicamente estrañado e botado fóra das escolas", lembrando que "a apelación á nosa fala é indispensábel, polo demais, polo menos nas escolas rurais, se é que o escolante se ha facer comprender verdadeiramente dos rapaces".
Risco apostaba por incluír nos plans de estudos amplas nocións de xeografía de Galicia, historia de Galicia e vidas de galegos ilustres, lingua e literatura galegas e de Arte galega
Risco destacaba que "suprimir o galego equivale a condenar a morte o noso pensamento e a nosa literatura" e que "ter en pouco á nosa fala axuda case que nun todo á pobre idea que o galego ten de si mesmo. Neste senso, subliñaba como "vantaxes pedagóxicas" do ensino en galego o feito de "poñer o que se explique nesta lingua máis ao alcance da intelixencia dos nenos" e que "empregado alternando co castelán, favorece a memoria complicativa".
Risco subliñaba como "vantaxes pedagóxicas" do ensino en galego o feito de "poñer o que se explique nesta lingua máis ao alcance da intelixencia dos nenos"
Neste senso, Risco reclamaba a incorporación do galego ao ensino xunto co castelán pois "ninguén pode poñer en dúbida a vantaxe grande de posuír dous idiomas en troques de posuír un só", destacando que se o castelán abría aos estudantes "todos os países de fala castelá" o galego "na súa forma portuguesa -galego e portugués son dous dialectos dunha mesma lingua- (...) ábrenos todos os países da fala portuguesa".
O plan propoñía "non prohibir aos rapaces o falaren galego", indicando que "eles poderán falalo nos seus xogos, nas súas conversas, ata responderen en galego ás preguntas do escolante", que "pode dar exemplo dirixíndose a eles, polo menos algunhas veces, na nosa lingua".