Galicia, capital Portobello

Unha imaxe da rúa londinense © Galicia Portobello road

Portobello road é unha das rúas máis coñecidas de Londres. As súas casas de cores, a feira que alí se celebra, os seus murais e o cruce de culturas ao longo das décadas converten esta zona da capital británica nun dos seus principais símbolos. Por Portobello teñen pasado milleiros de galegos e españois, e o barrio segue acollendo un bo número de emigrantes. De emigrantes galegas en Londres trata a curtametraxe Galicia Portobello road, de Adriana Páramo, unha historia, por riba de todo, de mulleres nai e filla, a cabalo entre os dous países.

Trátase do segundo filme de Páramo, que en 2010 presentou Illa Pedra (unha curta realizada a partir dos versos de Lara Dopazo) que lle serviu como traballo de graduación na London Film School e que, ademais, acadou premios en Ourense e Braga. Para a realización desta nova curtametraxe, que se rodará en galego e inglés en Londres, a autora busca financiamento a través da web de crowdfunding Verkami. Necesita cinco mil euros, dos que xa recadou ao redor da metade. Como recompensas, o equipo do filme ofrece, ademais de agradecementos nos créditos ou de descargas de balde para as achegas máis modestas, outras contrapartidas, que chegan até a proxección da curtametraxe (en Galicia ou Londres) acompañada dunha charla ofrecida pola directora e as actrices da produción.

Galicia Portobello road conta a historia de Celtia, cuxa nai, María, ten a oportunidade de vender o restaurante que rexentou durante 40 anos en Portobello, para así poder retornar a Galicia e retirarse alí coa súa actual parella. Celtia, frustrada no seu traballo, ve truncado o seu soño secreto de dirixir o restaurante onde se criou. Nun intento de convencer á súa nai para que quede, vai falar con ela. Nese proceso, as dúas aprenderán a entenderse como mulleres máis alá do seu vínculo materno-filial. A directora explica que a idea do filme naceu no momento "no que empecei a ver miña nai como muller, máis alá de vela como nai". Engade que, ademais, sempre lle fascinou ·a pegada que deixou a comunidade española, e en concreto os galegos, que emigraron a esta cidade décadas atrás". En Portobello road atópase un mural conmemorando a axuda que prestaron as tropas de Kensington na Guerra Civil española, e tamén o único colexio español do Reino Unido no que ademais se imparten clases de galego.

Lucía Regueiro e Mariana Carballal son as actrices protagonistas nun filme que contará coa achega musical do Xan Campos Trío e a fotografía de Xela Cuñarro. A rodaxe está previsto que se realice en agosto e a estrea da curtametraxe en decembro e xaneiro, con pases en Londres e en Galicia.

Mural en Portobello Road © Galicia Portobello Road
Colexio español Cañada Blanch en Portobello road, anteriormente un convento de dominicas © Galicia Portobello road
Unha imaxe da rúa londinense © Galicia Portobello road

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.