A Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela organizará unha gala de premios da música galega e portuguesa, Ari(t)mar Galiza e Portugal, o vindeiro 25 de outubro no Teatro Principal. O obxectivo é dar a coñecer e difundir a poesía e a música editada en Galicia e en Portugal, así como achegar a cultura e a lingua dos dous países, no marco das accións de desenvolvemento da Lei Valentín Paz-Andrade para o aproveitamento da lingua portuguesa e vínculos coa lusofonía.
A retirada de billetes para asistir a esta gala con actuación dos premiados pódese facer na sede da Escola Oficial de Idiomas de Santiago (Vite), de luns a venres, de 09:00 a 20:00 horas, e no Teatro Principal de Santiago, de martes a sábado, de 18:00 a 21:00 horas. A entrada é libre até completar a capacidade da sala.
O certame consta de catro categorías: mellor tema musical galego e en portugués, mellor poema galego e en portugués. A escolla foi feita polo público, galego e portugués, entre 10 poemas e cancións finalistas seleccionadas polo xurado do certame.
Este evento, que será presentado polos artistas Carlos Meixide e Isabel Risco, está promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela e pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; está patrocinado polas secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística e Concello de Santiago de Compostela e conta coa colaboración da Deputación Provincial da Coruña.
Músicas gañadoras:
- Galicia: Cantiga da montaña (Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre)
- Portugal: Medusa (Capicua).
Poesías gañadoras:
- Galicia: O corazón (María do Cebreiro, O deserto)
- Portugal: Não sei, minha filha... (José Ricardo Nunes, Andar a par)