Galicreques achegará 13 funcións para escolares, creando "novos públicos para a escena"

Unha das obras representadas o pasado ano © Festival Galicreques

O Festival Internacional de Títeres Galicreques celebrará a súa 24ª edición entre o 12 e 20 de outubro de 2019. A programación incluirá un total de 13 funcións para o público escolar, ofrecidas todas elas por compañías de prestixio e longa traxectoria procedentes de Madrid, Valencia, Galicia e Arxentina. 

 A programación incluirá un total de 13 funcións para o público escolar, ofrecidas por compañías de prestixio e longa traxectoria procedentes de Madrid, Valencia, Galicia e Arxentina

O evento, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde coa colaboración do Concello de Santiago, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o Instituto Nacional de Artes Escénicas e Musicais (Inaem), a Deputación da Coruña e a Fundación SGAE, ten entre os seus obxectivos o de achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos títeres e o de crear novos públicos para a escena. 

Os espazos nos que se realizarán as funcións da programación para escolares serán a Fundación SGAE, o Teatro Principal e o Centro Sociocultural Santa Marta e concentraranse en horario de mañá dos días lectivos para o estudantado, entre o luns 12 e o venres 18. 

Os centros interesados en levar os seus estudantes ás funcións poderán contactar nos teléfonos 981 80 12 37 ou 667 771 147 de luns a venres, en horario de 09.30 a 13.30 h. A adxudicación de prazas farase atendendo á orde na que se fagan as reservas. 

Representación na Praza de Praterías, no ano 2016 © Galicreques

O evento ten entre os seus obxectivos o de achegarlles aos novos espectadores o xénero escénico dos títeres e o de crear novos públicos para a escena

A programación escolar abrirase o luns 14 de outubro da man da compañía madrileña Tropos Teatro, que representará a súa adaptación de Blancanieves para maiores de 5 anos. A compañía galega Títeres Cachirulo ofrecerá Camiños de aventuras. A xornada rematará con A Xanela do Maxín e a súa obra A toupiña que quería saber quen lle fixo aquilo na cabeza. Xa o martes 15, os galegos Títeres Brincadeira ofrecerán A carteira de Augasclaras. O mércores 16 a compañía galega Danthea Teatro ofrecerá a súa versión do clásico Cincenta. E os madrileños de La Mar de Marionetas realizarán un pase da súa peza Pazzzzzz.

O xoves 17, a Fundación SGAE acollerá La caperucita, adaptación do clásico infantil asinada polos arxentinos de Tres Tigres Teatro. O venres 18, finalmente, os valencianos de Teatro la Estrella pecharán a programación coa peza Los músicos de Bremen. Pola súa banda, o Teatro Principal porá o ramo coa coprodución arxentina-galega Cronopios, de Títeres Cachirulo, Tres Tigres e ChachaKün Teatro.

O público escolar do segundo ciclo da ESO e Bacharelato contarán con dous espectáculos diferentes na programación escolar do XXIV Festival Internacional Galicreques. O primeiro deles poderase ver o martes 15 de outubro no Teatro Principal. Trátase de Varioleto, pechito libertario, dos arxentinos de La Pelela Títeres. E o xoves, 17 de outubro, o Teatro Principal acollerá para as mesmas idades a función de Ultramarinos Finisterrae, montaxe da compañía galega Títeres Alakrán. O conxunto da programación do Festival Galicreques para esta 24ª edición darase a coñecer nas vindeiras semanas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.