O Museo Galego da Marioneta pecha despois de 19 anos reclamando máis apoio institucional

Museo Galego da Marioneta © Santiago Turismo

O Museo Galego da Marioneta, situado no Pazo de Liñares de Lalín, pechou as súas portas hai uns días, despois de 19 anos de actividade. Este martes Viravolta Títeres, responsable da instalación dende hai dúas décadas, explicou en rolda de prensa os motivos que a levaron a poñer fin a este proxecto, único en Galicia e con escasos exemplo no resto do Estado. "O Museo pecha pola fartura que provoca bater coa realidade burocrática, pola demora institucional para outorgarlle unha entidade xurídica tras 19 anos de traxectoria e polos incumprimentos do Concello para dar unha solución definitiva que garanta o seu funcionamento", destacaron.

"Representaba un grande esforzo pola nosa banda e ante o desinterese que advertimos por parte do concello, decidimos pechalo"

"Representaba un grande esforzo pola nosa banda e ante o desinterese que advertimos por parte do concello, decidimos pechalo", explica Anxo García en conversa con Praza. "O desinterese non é exclusivo do Concello de Lalín, senón que se dá en todas partes sobre o mundo das marionetas. Sempre parece que é algo secundario, algo só para os nenos pequenos. E a nosa visión é moi distinta, dende logo", engade.

O Museo Galego da Marioneta fundouse co obxectivo de amosar a colección de marionetas de Viravolta e todo un conxunto expositivo de gran valor histórico e etnográfico conformado a través de doazóns e depósitos ata superar as trescentas pezas. Os seus fondos inclúen coleccións tradicionais chegadas dende Chequia ou Bélxica, pezas facilitadas por compañías galegas como Cachirulo, Tanxarina, Os Monicreques de Kukas, Artello alla Scala, Trécola..., e pezas históricas vinculadas a Barriga Verde. Ademais, o Museo conta cunha biblioteca con máis de 3.700 volumes, convertendo o centro “nun espazo referencial para fomentar o desfrute, a investigación e a recuperación da arte da marioneta”.

Instalacións do Museo Galego da Marioneta © Santiago Turismo

"O museo leva 19 anos dando pasos. Nese tempo asináronse dous convenios co concello que eran lesivos para os intereses da compañía de Viravolta Títeres, pero mesmo así aceptámolo en interese do proxecto", explica Anxo García. Dende Viravolta sinalan que, malia que o Concello elaborou en 2017 un anteproxecto para o Museo, deixou sen cumprir unha series de condicións imprescindible para asegurar o correcto funcionamento do centro. A compañía salienta a importancia de "dotar de estrutura xurídica ao Museo", unha carencia que foi dificultado enormemente o seu funcionamento, "xa que resulta imposible contar con orzamentos, contratar persoal ou optar a subvencións e convenios coas administracións autonómicas e estatais".

"Esta situación vense arrastrando dende hai 19 anos"

Igualmente, o anteproxecto recollía a necesidade de trasladar a mostra permanente no seu emprazamento actual ás plantas superiores do Pazo Liñares, xa que a colección corre graves riscos de conservacións no espazo actual. "Non obstante, ese traslado nunca se materializou e as plantas superiores do inmoble foron ocupados por outras propostas", sinalan dende Viravolta.

Finalmente, no momento en que o Concello quixo iniciar a catalogación das pezas, propiedade da compañía, Viravolta condicionou a súa execución á reactivación da actividade no ano 2018, especificándolle ao Goberno local que de non producirse tal recuperación, cumpriría pechar. Nos meses seguintes, desta Viravolta, produciuse unha "falta de comunicación" cos responsables municipais.

"Ao final tratouse de elixir entre a continuidade de Viravolta e a continuidade do museo", conclúe Anxo García

"Esta situación vense arrastrando dende hai 19 anos. Houbo períodos en que o museo estivo pechado e sen actividades. Despois apareceu a posibilidade de facer o Museo no Pazo de Liñares, pero tampouco nesta fase houbo un compromiso claro", explica Anxo García. "Supoñía un prexuízo para a compañía, porque realizabamos actividades, exposicións itinerantes..., sen ningún rendemento para nós. Estabamos destinando moitos esforzos a conseguir que funcionase o museo, e deixando un pouco de lado a actividade da compañía", di. "Ao final tratouse de elixir entre a continuidade de Viravolta e a continuidade do museo", conclúe.

Un museo único en Galicia

O Museo botou a andar no ano 2001 e neste tempo converteuse nunha referencia ineludible para todos os interesados no mundo do monicreque. Mantivo unha programación estable cara ao público, organizando talleres de iniciación, cursos para profesionais dos monicreques e da educación e mostras de teatro de monicreques e outras actividades como Titerentroido, Titirideza, Ruada e Cantos e Contos do Nadal.

A finais de 2010, o Museo pechou as súas portas en espera dun mellor emprazamento

A finais de 2010, o Museo pechou as súas portas en espera dunha mellor emprazamento e a partir dese momento a compañía Viravolta exhibiu habitualmente parte dos seus fondos en exposicións temporais. En setembro de 2014 asinouse un novo convenio co Concello de Lalín asignándoselle a ubicación no Pazo de Liñares.

"É un museo único en Galicia", destaca Anxo García. "Cando empezamos non había ningún máis en todo o Estado. Agora si que nos últimos anos se puxo en marcha un en Abizanda, en Huesca, que está funcionando moi ben", di, en referencia á Casa de los Títeres desta pequena localidade oscense. "Sempre pensamos que a eles lles foi ben e a nós mal porque eles tiraron para adiante sen chegar a ningún acordo coas administracións", remata.

Unha das funcións da edición 2018 de Titirideza © Museo Galego da Marioneta
Un dos paneis da exposición sobre Barriga Verde © Museo Galego da Marioneta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.