En febreiro do ano 2016 dous integrantes da compañía Títeres desde Abajo foron detidos en Madrid acusados dun delito de enaltecemento do terrorismo, despois de que aparecera unha pancarta co lema “Gora Alka-Eta” nunha representación “La bruja y don Cristóbal”. Evidentemente, o proceso xudicial ficou en nada e os dous titiriteiros foron absoltos un ano despois. No medio dun linchamento mediático e dunha guerra cultural impulsada por grupos conservadores, o mundo do monicreque tivo que saír a defender non só a liberdade de expresión, senón tamén a explicar que os títeres teñen dende hai séculos un carácter transgresor e crítico, representado por numerosos personaxes clásicos, entre eles o noso Barriga Verde.
"Pretender que os titeres de cachaporra non teñan cachaporra é como se queixar de que os peliqueiros batan coa zamarra no entroido de Laza", sinala a asociación
Hai uns días unha representación en Sarria da obra 'Dona Barriga Verde' de Larraitz Urruzola a cargo da Asociación Cultural Morreu o Demo deu lugar á publicación dunha denuncia en Facebook a cargo dunha persoa que cualificou o espectáculo de "bochornoso e fóra de lugar". "Vimos como a títere protagonista pegou cunha cachiporra a todos os protagonistas, colgou da forca a un xuíz e zarandeouno fóra do escenario, meteu nun cadaleito ao seu marido, ao que previamente mallara cunha tixola, machacou un crocodrilo...", escribiu o home.
A cousa podería ter ficado aquí, nun comentario máis nas redes sociais, pero a suposta polémica foi crecendo en intensidade, ata o punto de que a concelleira de Cultura da localidade viuse obrigada a realizar declaracións públicas nas que xustificaba a elección da obra, que forma parte dun catálogo de espectáculos da Xunta de Galicia, defendía a tradición dos títeres e recomendaba que os pais e nais se informasen previamente do tipo de espectáculos aos que deciden levar os seus fillos e fillas. Un espectáculo que, ademais, se pode ver integramente en youtube.
Ante as críticas recibidas, a propia Asociación Cultural Morreu o Demo para recuperación do Títere Tradicional Galego lembra que a obra representada "correspóndese cunha tradición de séculos viva e recoñecida en toda Europa, con personaxes senlleiros como Guignol, Punch ou Pulcinella" e engade que "pretender que os titeres de cachaporra non teñan cachaporra é como se queixar de que os peliqueiros batan coa zamarra no entroido de Laza". "O descoñecemento e os prexuízos, como pensar que os títeres só son para cativos, son inimigos da cultura", conclúe.
"Sabemos que a falta de coñecemento ante a nosa propia tradición dificulta moitas veces comprender o que se está a ver"
A entidade denuncia que "en gran medida as queixas sobre os contidos das obras de títeres derivan de preconceitos sobre os mesmos e non se darían sobre outras formas plenamente aceptadas como expresións artísticas e culturais". Exemplos de pinturas non aptas para menores como o 'Saturno devorando os seus fillos' de Goya, de cinema violento como os deseños animados clásicos da Warner Bros ou as comedias mudas de Buster Keaton e moitos outros "non son cuestionados por seren manifestacións consideradas artísticas", sinala. E critica que "son as propostas marxinalizadas na nosa cultura como os títeres sobre as que se verten denuncias e reclamacións".
A asociación remata sinalando que "sabemos que a falta de coñecemento ante a nosa propia tradición dificulta moitas veces comprender o que se está a ver, por iso cómpren proxectos coma o noso, para evitar que esmoreza unha parte da nosa cultura que durante anos foi un referente da escena en galego e que continúa viva na memoria de grande parte da poboación do país".
Quen é 'Barriga Verde'?
Barriga Verde foi o títere (de luva) por excelencia en Galicia durante o século XX, percorrendo da man da familia Silvent feiras e festas de todo o país entre os anos 10 e os anos 60, fundamentalmente no verán: o San Froilán de Lugo, a Ascensión de Santiago, a Peregrina de Pontevedra, María Pita da Coruña e o Corpus de Ourense, entre outras moitas. Barriga Verde está moi presente no imaxinario colectivo de varias xeracións de galegos e galegas, deixando na fala popular expresións como “Morreu o Demo, acabouse a peseta" (unha peseta é o que custaba a entrada ao espectáculo).
"O espectáculo de Barriga Verde conseguía incrustar tan eficazmente a crítica que moitas veces as autoridades franquistas nin se daban de conta", conta Comba Campoy
A partir de estruturas e fórmulas fixas (e comúns a outros territorios europeos), entre elas os golpes de cachiporra, Silvent conseguía atraer a atención do auditorio incorporándolles aos diálogos dos personaxes elementos de actualidade e sucesos de tipo local. Os espectáculos constituían unha crítica ao poder establecido e serviron para canalizar e expresar de xeito público as críticas, anceios e frustracións de boa parte da poboación da época, como explicaba nesta entrevista para Praza Comba Campoy, que hai tres anos defendeu unha tese de doutoramento na que analizou a través de Barriga Verde O teatro popular de marionetas como medio de comunicación das subalternas.
Campoy destacaba que "o espectáculo de Barriga Verde conseguía incrustar tan eficazmente esa crítica que moitas veces as autoridades franquistas nin se daban de conta", aínda que "si constan algunhas amoestacións verbais, con orixe no cura da parroquia". A autora engadía que "o réxime miraba con receo aquelas expresións que sobardaban o seu control, mais permitíaas porque desprezaba a súa influencia. A fin de contas, duraban o que un sorriso”.
A tradición galega de Barriga Verde lígase a personaxes moi semellantes existentes no norte de Portugal (Don Roberto) e tamén en Italia, Inglaterra ou Francia (Pulcinella, Punch e Polichinelle)
A tradición galega de Barriga Verde lígase a personaxes moi semellantes existentes no norte de Portugal (Don Roberto) e tamén en Italia, Inglaterra ou Francia (Pulcinella, Punch e Polichinelle) e mesmo en Brasil (os mamolengos), Asia ou África. A asociación lamentaba hai tres anos (ao fío da detención dos dous titiriteiros) a "redución dos títeres a un espectáculo para crianzas", algo que "vivimos desde hai décadas", cando en realidade "estes entretementos desempeñaron durante moitos anos unha función catárquica para as clases populares e se dirixían a espectadores de todas as idades".
Dende hai seis anos a asociación Morreu o Demo traballa en distintos eidos para recuperar a memoria deste personaxe e dos propios titiriteiros. Dende o inicio a entidade fixo fincapé non só no pasado, senón en reivindicar a vixencia de Barriga Verde para a actualidade, de recuperalo, entendendo esta recuperación tanto por "recobrar a súa memoria" coma por "garantir a transmisión interexeracional da historia do personaxe como popularizalo e achegalo aos máis novos". "Queremos facer de Barriga Verde un personaxe máis da nosa cultura", destacan.