Hai unha Galicia que non aparece nas campañas turísticas, tampouco na maior parte da literatura que se escribe no país, nin nas páxinas principais dos xornais ou noutros produtos culturais. Unha Galicia que non é bonita, que non é moderna nin cosmopolita, pero que tampouco é o rural idílico do hórreo, a vaca (limpiña, iso si) e a horta ecolóxica. Hai unha Galicia na que a xente caza, planta eucaliptos, espera con ansia as orquestras, tunea coches e con eles tenta evitar acelerando polas corredoiras os alcoholímetros de Tráfico nas fins de semana. Unha Galicia real pero nunca reivindicada nin elevada a símbolo do país.
"Hai unha Galicia que existe, pero ou non se mira porque non é conveniente ou non se considera digna, pénsase que é unha cousa de lumpen, de xente que non le libros e se non len libros pois tampouco nos interesa moito falar deles"
Fran Ferreiro Chao-Abella si que o fai cada quince días nos seus artigos deTáboa Redonda, suplemento cultural de El Progreso. Se cadra, máis que reivindicala, simplemente decide non pechar os ollos a esta realidade e déixase sorprender por ela. "Hai outros mundos, pero están neste", dixo nunha ocasión o surrealista Paul Éluard. Nós poderíamos dicir que están nas pezas do Galicia Noticias da TVG ou que están, simplemente, aí á beira das estradas secundarias (dende logo non na AP-9), se queremos mirar para eles. E facelo sen condescendencia nin superioridade moral.
Os artigos de Fran Ferreiro agora son un libro, Un John Deere envorcado na cuneta (Morgante), unha segunda entrega que dá continuidade a País estático, tempos salvaxes, publicado na mesma editora. Obras que, como escribiu Manuel Gago no prólogo desta última, "revelan que as sociedades non adoitan deitar nos xornais –nin nas novelas– as realidades que lles resultan máis incómodas", o relato dun país que queda fóra da cultura oficial. "Nunha época tan petada de textos, estas historias resultan novidosas postas por escrito no papel", engade Gago.
Falamos con Fran Ferreiro sobre esta aparente tensión que se produce entre o país real e o país oficial, entre a Galicia (e sobre todo a Galicia rural) que asumimos como correcta e a que efectivamente existe. Sobre Cunqueiro, San Martiño de Dumio, o conxuro da Queimada, o Luar e a enorme cantidade de BMWs e Mercedes que se ven en Galicia.
"Algo que sempre me chama moito a atención e me fascina son as pezas do Galicia Noticias, que son sucesos que contradín ese tópico de que aquí en Galicia nunca pasa nada. Aí hai altísima literatura todos os días en pezas dun minutiño"
Cando a xente destaca a forma en que escribes e os temas que escolles, salienta sobre todo que pos o foco en historias e realidades que están ausentes, cando menos que están ausentes no relato oficial. Unha Galicia real pero invisible?
Non están completamente ausentes. Por exemplo, algo que sempre me chama moito a atención e me fascina son as pezas do Galicia Noticias, que son sucesos que contradín ese tópico de que aquí en Galicia nunca pasa nada. Aí hai altísima literatura todos os días en pezas dun minutiño. Quedan unhas peciñas que evidencian unha fantasía ben rechamante e ben bonita, unha capacidade para non sorprenderse con cousas que moitas veces son tremendas.
Amosan un país que está absolutamente inflamado e en ebulición, con cousas que parecen moi discretas como 'mátase un vello nun tractor' e que ves que son cíclicas e que pasan todos os días. Que facía un señor de 90 anos un tractor que ten 50, un modelo que parece os que saían na peli de As uvas da ira? Pois traballar. E que facía un home de 90 anos, como todos os días, traballando? Pois iso é o que me chama a min para ver con cousas supostamente triviais ou case cotiás na súa desgraza e na súa beleza, pois darlle unha voltiña á natureza humana.
"Neira Vilas é totalmente unha aldea recreada para a cultura e para unha mensaxe, non é algo realmente real, senón que é unha construción cun programa"
Esa Galicia existe, pero non se fala dela, non aparece nas campañas de Turgalicia, nin nas seccións de opinión dos xornais e tampouco (habitualmente) na literatura...
Sí, claro, hai unha Galicia que existe, pero ou non se mira porque non é conveniente ou non se considera digna, pénsase que é unha cousa de lumpen, de xente que non le libros e se non len libros pois tampouco nos interesa moito falar deles.
Hai unha imaxe de Galicia que é unha construción culta e cultural, fixémola para sacar os cartos dos incautos dos turistas. A ver, o conxuro da Queimada inventouno un señor nos anos 60 e en realidade a Queimada é unha cousa non se traga. O que pasa que é unha cousa que queda moi bonita nunha época previa a Instagram: facer así ese conxuro, co disfrace e demais. Ao final somos unha aldea recreada moitas veces dentro da cultura. Mira, por exemplo, Neira Vilas, que lle van dedicar o Día das Letras. Neira Vilas é totalmente unha aldea recreada para a cultura e para unha mensaxe, non é algo realmente real, senón que é unha construción cun programa.
"O que pasa é que, como dicía Otero Pedrayo, nós somos moi de medir o tempo en eras xeolóxicas, somos de maduración moi lenta. E igual pensamos que a rapazada escoita rap, en plan El Príncipe de Bel Air, pero El Príncipe de Bel Air foi hai 35 anos"
Semella que hai unha distancia moi grande entre o país real e a cultura oficial e tamén a 'literatura oficial', por chamarlle de algunha maneira. A maior parte das novelas galegas, ao final, están construídas cunha pátina de normalidade, da que quedan fora moitas historias e moitas realidades. Penso que o escribía Manuel Gago no prólogo ao teu libro anterior, que mesmo cando se quere representar a 'modernidade', o que se representa é a modernidade de hai unhas cantas décadas, cando en realidade a Galicia moderna hoxe en día son outras cousas -rapaces ecoitando música urbana e reggaeton- e que seguramente tampouco aparecen nas novelas feitas no país...
Si, naturalmente. O que pasa é que, como dicía Otero Pedrayo, nós somos moi de medir o tempo en eras xeolóxicas, somos de maduración moi lenta. E igual pensamos que a rapazada escoita rap, en plan El Príncipe de Bel Air, pero El Príncipe de Bel Air foi hai 35 anos. E dende logo, si, a nosa cultura oficial, que moito lle gusta dicir que está nas marxes e que está sempre á contra, pois en realidade vai aos seus ritmos. Porque tamén a media de idade é bastante elevada. O único produto cultural que fai agora a rapazada, pois é música urbana. En temas, por exemplo, de literatura, pois aínda non temos moito do que tirar, penso eu.
Volvendo a esas olladas sobre a Galicia real, en varios textos botas man de As Bestas, e desa tensión que se crea entre os habitantes da aldea e o Francés, que acaba de chegar cunha visión moi distinta do rural (está, por exemplo, en contra dos eólicos). Hai aí unha tensión, que podemos estender a outros ámbitos, entre a realidade e o relato? Dá a impresión que mesmo cando se quere defender o rural, ou a cultura do país faise dende unha idea preconcibida e que moitas veces choca contra a realidade...
Si, claro, por exemplo o Luar: estamos falando do mainstream absoluto, feito ademais pola tele pública, pero como é un programa que só ven os xubilados pois non chega ao discurso cultural
Claro que hai unha tensión entre o discurso da aldea e o que a aldea realmente é. O que pasa é que a aldea é tremendamente diversa e tamén é fráxil. Hai anos, Fraga organizaba esas visitas no verán para que a xente que estaba emigrada puidese ver outra vez as súas aldeas, pero creo que se deixou de facer porque era moi duro para estas persoas ver como cambiaran as súas aldeas; a algúns dos emigrantes non lles gustaba que nas aldeas houbese estradas, luz eléctrica..., que iso non era Galicia.
"Penso que temos que remexer un pouco cada certo tempo, hai que meter un pouco de lume ao discurso que temos. Se quedamos co que escribiron de nós os vellos hai un tempo, pois xa non somos os mesmos"
O tema este da tensión existe, por suposto. Por exemplo, a caza. Hai xente á que non lle gusta a caza, eu quixen ir cazar, pero non quero tirarlles aos bichos, en absoluto; eu fun cazar e peguei un par de tiros ao aire por usar ao escopeta, porque tiña medo de darlles aos cans, pero eu o que quería era participar do acto cultural da caza antes de que ou a prohiban ou xa non queira ir ninguén. Este discurso non está na axenda e non está visibilizado case nunca, malia que todas os fins de semana sen falta, hai unha chea de rapaces que van alí.
Cando foi a explosión do bravú, nos anos 90, estivo sobre a mesa a cuestión de se, alén da música, existía un cine bravú ou unha literatura bravú en Galicia, ben por estilo ben sobre todo polos temas escollidos. Creo que nese momento falouse de Jaureguizar, de Fran Alonso ou dalgunha cousa de Manuel Rivas ou Suso de Toro. Sen querer poñer agora etiquetas, que penso que está ben que un movemento se circunscriba a un tempo determinado sen necesidade de estendelo nin replicalo, consideras que o que fas ten relación co bravú?
Creo que non. O que pasa é que aquí somos bastante híbridos, bastante bastardos e ás veces un pouco orgullosos desa hibridación e de quedar en terra de ninguén. Non somos dunha aldea perdida de mulleres de pano negro nin somos de cidade, da cidade entendida como a xente que pensa que o leite vén dos tetra-brick do súper. O que pasa é que mudou moitísimo a sociedade, a distancia entre aldea e cidade acurtouse moito. Cando eu tiña 20 anos, ti saías a Uxes, que está a 15 minutos da Coruña, e iso era unha aldea. Era unha aldea na que non había pallozas, pero notabas que as modas chegaban aí moito máis tarde. Había unha desconfianza, en plan 'ti vés da Coruña, a que vés ti aquí?'.
Penso que temos que remexer un pouco cada certo tempo, hai que meter un pouco de lume ao discurso que temos. Se quedamos co que escribiron de nós os vellos hai un tempo, pois xa non somos os mesmos.
"Gústame Cunqueiro antes que nada pola súa biografía como o máster trapalleiro, a persoa máis informal da historia de Galicia. E logo tamén, o que me interesa moito del é que escribía sempre do que a el lle gustaba. Ademais, cun respecto absolutamente nulo por todo: polos personaxes, polo público..."
Dis que empezaches a escribir en prensa animado por Xosé Manuel Pereiro, que seica un día te viu baixar pola rúa da Torre, na Coruña, “nunha tarde de trebón feliz, despreocupado e totalmente enchoupado” e que “supuxo que alguén así tería algo interesante que dicir”. Como foi ese encontro que deu lugar a que comezases a escribir en Luzes e a que despois te chamase Jaureguizar para escribir en El Progreso?
Xa, pois a historia era que Pereiro xa me tiña fichado do Twitter, xa seguía por aí o que eu escribía. Antes a xente, imaxino, para aprender a escribir ben pois facíase poeta, pero o malo diso é que cantos máis poetas haxa no mundo pois ser un problema. Entón, hoxe o Twitter cumpre esa función. E un día que eu ía pola Rúa da Torre, un día máis ou menos como agora, polo verán, ía coa camisa hawaiana e lentes de sol. E empezou un trebón de moito estalo e eu, consciente do romántico da situación, de que estaba na Coruña en pleno verán e non facía frío, e de que me podía mollar sen consecuencias para a saúde, disfrutón, camiñando moi cinematograficamente.
E Josito viume aí e despois escribiume: “Mira, Fran, vinte antes e tiñas unha pinta caralluda, gustaríache escribir en Luzes?”. A ver, un señor que se criou no post-punk, pois é normal que pense que un fulano con estas pintas ten que escribir ben.
Un dos teus referentes, porque o citas moito, é Cunqueiro. Por estilo? Polos temas que lle interesaban? Pola súa forma de ver Galicia e de ver a realidade?
Pois para min, antes que nada pola súa biografía como o máster trapalleiro, a persoa máis informal da historia de Galicia. Alguén que mentía moitísimo, que sempre dicía que tiña libros que entregar e nin os tiña escritos. Alguén que na súas épocas máis macarras, facía calotes; houbo unha vez que vendeu un tío vivo que non era seu a outro fulano.
E logo tamén o que me interesa moito del é que escribía sempre do que a el lle gustaba. Ademais, cun respecto absolutamente nulo por todo: polos personaxes, polo público..., pero quitado ese respecto tiña todo o cariño do mundo. E penso que iso é tamén o que intento, o que me sae.
Ás veces, conto escenas moi duras e a moitos personaxes (ou provincias enteiras) parece que os trato de ridículos, pero non, é simplemente unha extrema humanización, que, por suposto, tende a ir máis alá de todo o cariño do mundo. Penso que iso é o que me gusta de Cunqueiro, que loxicamente era un home moito máis culto, moito máis escritor e moito máis do mundo ca min.
"Somos un país estático nese aspecto, que cambian as marxes, como un remuíño, pero o centro máis ou menos segue no mesmo sitio"
Galicia é un país moi complexo, moi diverso, cunha heteroxeneidade que probablmente se beneficia da orografía, do poboamento disperso e os seus 30.000 núcleos de poboación. Pero o que non me queda claro é que esta unicidade sexa realmente orixinal. Non son todos os países únicos, orixinais e internamente diversos? Somos realmente especiais?
Eu non creo que nos creamos especiais ou que haxa cousas aquí que non haxa no resto do mundo. Sempre dixemos que eramos moi parecidos aos irlandeses ou aos escoceses, e en realidade igual o que somos é un país balcánico, pois tamén temos unha chea de BMWs e Mercedes. Somos un país non especialmente rico pero máis ou menos próspero onde a xente coida máis de si mesma. E claro que, loxicamente, somos un país como outro calquera, o que pasa é que temos unha enorme virtude, que é que nos gustan moito as nosas cousas, e gústanos inventalas directamente.
Porque tamén somos unha historia de éxito: se agora somos un polo turístico é porque nos inventamos ese discurso de que aquí é todo baratísimo, todo é precioso e todo é salvaxe. E se cadra é todo o unha mentira. Pensa que toda a historia do Camiño de Santiago é unha unha invención turística das boas. Non somos un país único, dende logo, e nin nos fai falta, porque o que somos é un país tremendamente mutante.
O teu primeiro libro chamábase País estático, tempos salvaxes. O dos "tempos salvaxes" téñoo claro, pero Galicia é realmente un "país estático"? Dáme a impresión de que todo o país mudou moi rapidamente nos últimos 60 anos, tamén as aldeas...
Claro, pero no básico, case a nivel antropolóxico, seguimos sendo un vello reino medieval con raíces pagás e iso está aí a pouco que rasques. Ves que somos un país estático nese aspecto, que cambian as marxes, como un remuíño, pero o centro máis ou menos segue no mesmo sitio.