Producións Teatrais Excéntricas estreou este venres en Santiago 'A cabeza do dragón', a primeira adaptación en galego de Valle-Inclán. Dirixida por Quico Cadaval e cun elenco de oito intérpretes (María Costas, Víctor Mosqueira, Iván Marcos, Patricia Vázquez, Josito Porto, Yelena Molina, Marcos Orsi e o propio Cadaval), a obra dispón dun equipo artístico que inclúe a Baltasar Patiño no deseño de escenografía e espazo lumínico, e Suso Montero no deseño do vestiario, atrezzo e deseño gráfico. Ademais, Excéntricas contará cunha partitura composta para a ocasión por Javier María López e a gravación da banda sonora está dirixida por Diego García, comandando o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC).
Estes son os compoñentes dun espectáculo que estará de xira nas vindeiras semanas. Tras a estrea deste venres, 'A cabeza do dragón' continúa no Teatro Principal de Santiago este sábado 4, o domingo 5, o xoves 9, o venres 10 e o domingo 11 de marzo. A partir de aí, a xira levará a Excéntricas ao Teatro Colón da Coruña os días 17 e 18 de marzo, ao Barco de Valdeorras o 25 de marzo, a Cangas o 31 de marzo, a Carballo o 1 de abril, Muros o 21 de abril ou Vigo ao 22 de abril, entre outras localidades. Entrevistamos a Quico Cadaval para falar de Valle-Inclán e d'A cabeza do dragón.
Na presentación ante a prensa, vostede aseguraba que 'A cabeza do dragón' é unha “festa” máis que unha “fazaña histórica”. Pero un pouco das dúas cousas haberá, non?
É o final dunha anomalía e pasamos a unha normalidade: imos facer unha obra de teatro dun gran autor e imos facelo o mellor posible. E por que escollemos esta obra? Porque 'A cabeza do dragón' é unha farsa, é carnavalesca e hai un choque entre o conto tradicional e as actitudes críticas do teatro máis épico. Despois, hai que destacar que aquí temos un traballo de compañía, hai unha implicación que vai máis alá de ser un actor ou unha actriz contratada para unha produción, houbo unha busca conxunta da linguaxe. Entón, queremos que sexa unha festa do teatro. O feito de que sexa un fito histórico parece que vai traer máis xente ao teatro e virán persoas con ganas de celebralo e persoas con espírito crítico. Ambos os dous públicos son recibidos.
Aínda non estrearon a obra e xa teñen case trinta funcións programadas. Semellante número de funcións é unha anomalía para o teatro nos últimos tempos...
É unha recuperación da normalidade. É dicir, cando dixemos: “que ben, temos xa 25 funcións”, Víctor Mosqueira comentou que hai quince anos diríamos algo diferente: “Temos 25 funcións, que horror!” Despois, o que comentas ti o de “sen estrear”, tamén é unha cuestión que cómpre explicarlles aos programadores. Os espectáculos hai que vendelos sen estrear. Poñerse na hipótese de “nós estreamos e veñen programadores a vernos e logo dentro de seis meses nos contratan”, fai inviable un espectáculo.
"Sempre se di que Valle-Inclán é moi bo de traducir porque está case en galego. Ese é un tópico e mesmo Josep Pla dixo: “Valle-Inclán é o mellor; pero non se lle entende nada porque escribe en galego”
Sobre todo un espectáculo de gran formato. Falamos dun espectáculo de oito actores. Semellante dimensión tampouco é habitual nestes tempos. É unha aposta e un risco para Excéntricas?
Excéntricas pretende ter a posibilidade de facer espectáculos grandes que interesen tanto aos circuítos como ao público. Para dar ese salto, fai falla contar con moitos apoios e nós tivemos eses apoios. A parte das institucións, tamén temos un apoio moi importante por parte do propio equipo, da compañía, que practicamos un xeito antigo de ver o traballo teatral. É dicir, non hai unha visión tan laboral como se ve nos últimos tempos, senón que hai un verdadeiro compromiso. Para min ese compromiso foi moi importante. E tamén está o compromiso e o apoio do público, que sempre o sentimos moi preto... É que hai público, está aí. E, a verdade, ultimamente as funcións de teatro galego no Teatro Principal de Santiago cóntanse por cheos. As últimas veces que fun ao teatro, sempre estaba cheo. Esa é moi boa noticia.
Nun ensaio aberto ao público que fixeron no local de Santa Marta, comentaba vostede que talvez 'A cabeza do dragón' era a obra menos galega de Valle-Inclán...
Ese é un comentario técnico, que ten que ver coa tradución. Sempre se di que Valle-Inclán é moi bo de traducir porque está case en galego. Ese é un tópico e mesmo Josep Pla dixo: “Valle-Inclán é o mellor; pero non se lle entende nada porque escribe en galego”[Risos]. Entón, dá a sensación que as obras de ambiente galego, onde hai un cruzamento de galeguismos lingüísticos, parecería que serían máis fácil traducilo. Por que? Porque parece que el o provoca empregando determinados termos léxicos, estruturas verbais, aínda que nesta obra hai moi poucos destes elementos. Ese tipos de usos é un recurso valleinclanesco do que, algún día, habería que discutir se realmente homenaxeaba como país ou non. Valle dicía que si...
E vostede que pensa?
A min non me gusta falar moito do autor nin do que pensaba, porque non teño nin idea do que podía pensar e ademais non me interesa. Eu trato a Valle como trato a Shakespeare: alguén do que non sabemos nada. Os ingleses dedícanse a escribir libros sobre Shakespeare porque é un acto literario en si mesmo. Sobre Valle tamén se fan actos literarios: se dixo isto, se dixo aquilo... Por exemplo, hai xente que di que era anarquista, outros que era ultradereitista, outros que foron épocas. A min dáme igual, xa que teño a sensación de que foi deixando pistas falsas para a construción dunha máscara, que é algo que máis ou menos todos facemos.
"Valle di que dotou a Galicia dunha dimensión estética e iso, probablemente, é certo"
En realidade, Valle di que dotou a Galicia dunha dimensión estética e iso, probablemente, é certo. Probablemente na literatura española Galicia non aparecería para nada, sería un lugar impropio da épica, un lugar onde non merece pasar nada se non fose por Valle-Inclán. Tamén creo que el tiña unha opción estética, pero non creo que estea honrando nada. Onde realmente honra é nos personaxes nos rituais. Aí, como diría Castelao, é onde el se declara autor galego: na importancia que lle dá á cultura simbólica.
Como encaixa a música na obra? Falamos dunha composición realizada para a montaxe por Javier María López e gravada polo Taller Atlántico Contemporáneo.
'A Cabeza do dragón' é unha obra moi da súa época. Por que? Porque conta unha historia marabillosa, aparentemente inocua, mesmo conservadora e logo toda esa aparencia é dinamitada por desafines e disonancias. Iso parécese moito á música que se realizaba na súa época. A Diego García e o TAC pareceulles unha proposta moi interesante, pero pareceulles moito máis interesante realizar unha nova partitura. É dicir, encargarlle a un compositor vivo unha partitura orixinal para que a música dialogase coa obra. Para nós foi un esforzo económico, pero sobradamente compensado. E estamos moi contentos: hai unha peza máis no catálogo musical galego que é 'A cabeza do dragón', de Javier María López. É satisfactorio para nós e tamén para o TAC.
"Para nós foi un esforzo económico, pero sobradamente compensado. E estamos moi contentos: hai unha peza máis no catálogo musical galego que é 'A cabeza do dragón'"
A obra tamén contou coa colaboración do Concello de Santiago. Excéntricas puido ensaiar dúas semanas no local de Santa Marta...
En Santa Marta e no Teatro Principal. A verdade, é dar un salto dende unha certa miseria a unha normalidade teatral. O compromiso co Concello de Santiago foi novo e permitiu estar algúns días de dúas semanas no Teatro Principal -que non foron todos, porque houbo concertos e compromisos previos- e estar tamén 15 días nunha sala excelente que é a de Santa marta. Dalgún modo, case se pode considerar unha coprodución. Porque se non fose por esa colaboración, teriamos ensaiado nun sitio inapropiado para facer teatro ou para velo dende a dirección. Ou teriamos que pagar moitos cartos por un lugar que, aínda por riba, non existe. Non existe un espazo privado que poidamos alugar. Eu lémbrome de montaxes do Centro Dramático Galego, nos que durante os ensaios, había xente literalmente morta de frío alá arriba, nunha nave totalmente inadecuada para a práctica teatral. Nós non pasamos frío. E non sei se isto é bo para o espectáculo ou era mellor sufrir. Lembro unha entrevista de fai tempo a María Pujalte. Nesa entrevista, preguntáronlle: “Que é facer teatro en Galicia?” Ela respondeu directamente: “Pasar frío”. Esta vez pasamos pouco. [Risos]
Xa que falamos do Centro Dramático Galego, quería preguntarlle pola situación que atravesa a adaptación de 'Martes de Carnaval'. De entrada, que lle parece que aborden Valle-Inclán cunha produción de dez actores? Parece unha cifra moi baixa para un teatro público, cando hai compañías como Excéntricas que fai unha montaxe de oito intérpretes...
Penso que non é cuestión do número de intérpretes. O teatro público tamén pode facer 'Esperando a Godot', que son cinco actores. Realmente, a cuestión é que o teatro público debe asumir cuestións inasumibles polo risco privado e que son importantes para a nosa cultura. Que podían facer algo máis? Si, pero probablemente non teñan diñeiro e aí onde está a cuestión. Hai que cuestionarse por que o teatro público non ten orzamento para facer unha política teatral máis potente. Non é cuestión de discutir polo número de actores, o que hai que valorar é por que hai alguén facendo números, sudokus e cábalas para poder facer un espectáculo.
"O CDG debería constituírse en teatro público dunha vez, ser unha institución e non ter que depender de regulamentos inadecuados para a práctica artística"
Tito Asorey, quen ía dirixir unha das dúas pezas nas que se dividirá o 'Martes de Carnal' do CDG, dimitiu e asegurou nun comunicado o seguinte: “A causa da miña renuncia é a falta de acordo coa administración en canto ao procedemento xurídico que regula a selección do elenco desta montaxe e cuxa aplicación, ao meu parecer, dificultaba enormemente o proceso artístico tal e como eu o entendo”.
Como director teatral, que opina dos procesos que se están a empregar no CDG para a escolla dos elencos?
O CDG debería constituírse en teatro público dunha vez. E ser unha institución e non ter que depender de certos regulamentos que son inadecuados para a práctica artística. Se a Real Filharmonía de Galicia fixese igual, talvez Paul Daniel tería menos puntos que o fillo dun conselleiro. Se se aplica un sistema de puntos, o único que podería achegar é que sabe de música e de dirixir orquestras. O que lamento de toda esta situación é que houbo certa escuridade na información. A información do que pasou no CDG debería ser máis clara, debería falar claramente o CDG e as persoas implicadas, pero sobre todo o CDG. E logo, as asociacións teatrais deberían ter unha postura clara. Eu non sei cal é a postura da miña asociación sobre o tema. En definitiva, a maneira de escoller elencos o CDG é inadecuada para a práctica teatral. Se houbese un interese político, esta situación estaría resolta. Se hai un interese político en contra, iso xa é para preocuparse.