Lourenço é, a súa maneira, un rebelde. Un xograr que soña con ser trobador. Mais bate unha e outra vez co clasismo dunha sociedade desigual cunha elite tan parasitaria como ignorante e despreciativa. Como agora. Así é ‘Lourenço, xograr’ (Galaxia), a novela coa que Manuel Portas gañou o García Barros 2015. Que fala da nosa historia. E de nós.
Deches con Lourenço cando che encargaron, hai anos, uns artigos para a Gran Enciclopedia Galega…
Cando eu comezaba a estudar a lírica medieval, un profesor, Xosé Luís Rodríguez, encargounos a Pilar Tovar e a min unhas entradas para a Gran Enciclopedia Galega. Desde entón quedoume na memoria a figura do xograr Lourenço, a súa vida fascinante e o que se ría del a xente, nun tempo no que ser xograr e aspirar a ser trobador era algo inaudito. Iso fíxome cavila en que había moito clasismo arredor da lírica galego-portuguesa.
O libro ten moito diso. É normal falar de clasismo, -palabra moderna-, nunha sociedade estamental. Pero na túa novela pintas unha nobreza que ten moito de frívola, ignorante e inútil…
O que quería era pintar a sociedade da época, si, e niso traslúcese unha análise crítica. Non sei se é verosímil que un xograr faga as análises que fai Lourenzço, pero tamén chega ás conclusións que chega cando está desencantado, porque esa división social é unha barreira que sempre se lle pon diante. Lourenço era unha persoa cunha capacidade impresionante. De feito, todos querían tenzoar con el, así que debía de ser bo. Con outro dos poetas da época, João Soares Coelho, metéronse moito porque tivo o atrevemento de cantar as virtudes dunha ama de cría, unha muller de baixa condición. Así era aquela sociedade.
"Lourenço era unha persoa cunha capacidade impresionante. De feito, todos querían tenzoar con el, así que debía de ser bo"
De todas maneiras, o libro é homenaxe tamén a outros trobadores. Aires Nunes, por exemplo.
Si, e iso apoiouse en moita documentación. De moitos trobadores non temos máis que referencias cruzadas, alusións… Non hai moita información. Tratábase, así, de construír unha historia verosímil a partir da documentación. E se non è vero… è ben trovato... Non sei se Lourenço estivo en Santiago.
É novela histórica e novela de iniciación e de aventuras. Por non fuxir das etiquetas.
O conflito bélico, a guerra civil de Portugal… dan moito xogo. O que dis é, si, na primeira parte do libro. Na segunda xa hai unha reflexión sobre a guerra que non é a dun rapaz. Os labregos sendo utilizados como carne de cañón e despois abandonados, porque quedabas tolleito e tiña que coidarte a túa familia. Ninguén máis miraba por ti.
Dicías na presentanción no Airas Nunes que o mellor fora mergullarse no xeito no que vivían, na vida cotiá. Alén de batallas e intrigas palacianas. Nese sentido, hai moitos detalles. Como o que cheira un cuarto despois de ser compartido por varios homes… que daquela non se lavaban moito.
Sitúo esa anécdota na casa de Rodrigo de Trastámara, que non a teño situada historicamente. Eu póñoa na Algalia de Arriba. Creo que non é inverosímil… Pero si, interesábame moito a historia humana: como vivían, como comían, como amaban…
"Interesábame moito a historia humana: como vivían, como comían, como amaban..."
Iso ten, ademais, relación coas túas dúas primeiras novelas. Como o feito de ser unha narración coral, sobre todo cara ao final. Especialmente interesante é a voz de María, a Balteira. Contrasta moito con outras personaxes femininas.
Na primeira parte hai un narrador en terceira persoa que conta a historia e as aventuras dun xograr. Na segunda pareceume máis interesante que houbese distintas perspectivas sobre a realidade. A Balteira é unha personaxe moi potente, cunha mentalidade avanzada para a época. Afástase do modelo de muller recatada e submisa que está máis presente na poesía popular. No modo provenzal, porén, a muller é o cumio da beleza física e moral e o trobador, que ten que ter mesura, non debe nin dicir o seu nome. O xogo do amor é outro dos temas que aparecen no libro. Na visión popular, nas cantigas de amigo, a rapaza vai á fonte, á romaría… Todo é máis sinxelo. No amor provenzal, a muller é señora (senhor), e o home é o seu vasalo, porque eran realmente mulleres que tiñan poder: mulleres herdeiras, donas das propiedades. E o amor é máis requintado… e de plástico.
"Na visión popular, nas cantigas de amigo, a rapaza vai á fonte, á romaría… Todo é máis sinxelo"
A nosa historia, -dicías no Aires Nunes-, é para namorar do país. Pero o país foi vendido por unhas rendas. Por que escolliches esa etapa histórica?
Afonso VIII -que na historia oficial é Alfonso IX- dispuxera desherdar a Fernando, fillo de Berenguela, a súa segunda muller, e deixar o trono ás fillas do seu primeiro matrimonio con Teresa de Portugal. Pero Berenguela, que era unha estadista, negociou con Teresa para deixarlles ás fillas unha pensión a cambio dos seus dereitos, e entón Fernando, que era xa rei de Castela, sucede ao seu pai na coroa de Galicia e León. Se non fose así, tería mudado bastante a historia. Escollín esa época histórica porque cadraba co esplendor da lírica galego-portuguesa. A propia guerra dos Castelos foi tratada nas cantigas. Predominaba a crítica ao Boloñés, Afonso, o candidato apoiado pola Igrexa, e non a Sancho II. E iso que era unha época de crise, con moita inseguridade nos camiños. A Igrexa interviña entón moito nos asuntos de Estado, aceptando ou anulando matrimonios e así pechando vías de sucesión.
"A Igrexa interviña entón moito nos asuntos de Estado, aceptando ou anulando matrimonios"
Sae tamén Afonso X. O rei culto. Que non foi o mellor para Galiza tampouco.
Si, é que esa imaxe del sempre metido entre música e poemas é enganosa. É moi ditador, non dubida en machucar a quen faga falta para cumprir os seus obxectivos. Era moi ambicioso. Quere controlar non só a Península, senón ser a cabeza do Sacro Imperio Romano. E as Cantigas a Santa María son tamén un xeito de disputarlle o poder a Santiago, que estaba controlado polo poder eclesiástico.
A etapa medieval é bastante frecuente como tema da nosa literatura. Pero con outros enfoques, como a materia de Bretaña. Seguimos a precisar ir a ese tempo para reforzar a nosa identidade? O pasado de “esplendor”...
Non hai tanto desta etapa. Si se contou a historia de Xelmírez, por exemplo. Eu penso que é unha etapa moi interesante. Non por unha cuestión de vanagloria, e nunca mellor dito. Pero é que coñecer a nosa historia é moi importante. Naquel momento, se querías trobar tiñas que facelo en galego porque era a lingua de prestixio. Non ten sentido ter oculto ou descoñecer quen somos.
"Eu penso que a medieval é unha etapa moi interesante. Non por unha cuestión de vanagloria, e nunca mellor dito"
Mais que a literatura fose parte da construción nacional galega, nese sentido, tamén puido ser nalgúns aspectos unha limitación para a súa autonomía. Que pensas disto?
Non creo que fose así. Todas as literaturas procuran a súa historia. É a identidade literaria dun pobo. Xa o facía López Ferreiro a fins do XIX… Despois tamén se falou desde a literatura de épocas posteriores, as guerras irmandiñas… Non creo que fose unha limitación. É que había unha carencia nese sentido. É interesante saber de onde vimos.
Dicía Gracia Santorum na presentación que era o teu mellor libro. Non sei, pero se cadra si é o máis complexo.
Pode selo no aspecto da documentación. Non coñeces os datos da xente da que falas, nin sabes como vivían. Por iso eu reivindico especialmente os investigadores que se dedicaron a deitar luz sobre a vida cotiá. Non todo é batalliñas. Lin artigos e teses feitas en Santiago, na Coruña, en Porto… e no Brasil.
"Eu reivindico especialmente os investigadores que se dedicaron a deitar luz sobre a vida cotiá"
Estaría ben poder ler o libro en portugués padrón.
Pois non penses que atopei moito sobre o mesmo tema que trato eu na literatura portuguesa. Se o hai, eu non o coñezo. Estaría ben ter unha versión na outra variante da nosa lingua, si. Aínda que o mundo editorial portugués non está moi ben neste momento.