Xa están aquí. Volven Os Resentidos, na súa voz e na de outros, volven como mostra de que nunca marcharan, de que a semente que deixaron: pop en galego, de calidade, comprometido (é dicir, que falaba do presente) e non autocompracente, agromou en ducias de bandas galegas, que percorreron o camiño aberto e que agora recrean, interpretan e actualizan 19 cancións, levándoas ao terreo de cada quen, que Os Resentidos lle daban a todo.
"Aquí non hai herdanza como lousa, senón músicas a contrapelo, memoria histórica, cruzamento de encrucilladas", salienta Daniel Salgado nun texto que acompaña A tribo toda baila, un álbum dobre formado por 19 versións realizadas por bandas galegas actuais (de The Homens a Ruxe-Ruxe, pasando por Emilio José ou El Puto Coke) e as correspondentes orixinais de Resentidos. Un anticipo do concerto de homenaxe aos 30 anos de música feliz da banda que o sábado 12 de maio terá lugar en Ourense, con tres dos cinco resentidos orixinais e a participación de moitos convidados.
Un regreso que, de todos os xeitos, non terá continuidade. Antón Reixa confirmou que “en ningún caso vai haber un retorno estable de Resentidos, non imos prolongar esta situación”. Disco e concerto, apenas, nun ano no que tamén poderemos asistir a un musical sobre os temas da banda, seguindo o ronsel aberto por Abba, Mecano ou Sabina. Reixa confesou estar sorprendido pola homenaxe pois “vivimos nun país taciturno, onde os recoñecementos non son habituais” e pola vixencia dos seus temas nas bandas actuais: “sempre pensei que Os Resentidos non tivéramos ningunha influencia posterior”.
Reixa: “sempre pensei que Os Resentidos non tivéramos ningunha influencia posterior”
Reixa salientou que “nos anos oitenta eramos o único grupo de pop-rock que utilizaba de forma habitual o galego, e agora afortunadamente hai un cento de grupos que o fan”, aínda que recoñeceu que “nos anos oitenta os grupos de pop tiñámolo moi fácil, porque formábamos parte dunha novidade sociolóxica, pero os grupos actuais non gozan desa atención". En calquera caso, sinalou que aínda que “dende os anos noventa e agora mesmo faise en Galicia música moito mellor que a que nós facíamos, con conceptos máis vivos, máis renovadores, e cunha orixinalidade absoluta" esta creatividade ás veces non se ve pola "falta dunha industria musical propia en Galicia".
A boa música ten “ironía, ritmo bailable e alegría ante a catástrofe"
“Apetecíanos ver como se podían actualizar e reinterpretar as cancións de Resentidos, para nós un grupo pioneiro e que lexitima a todos os grupos que despois fixeron pop en galego”
O álbum, que se poñerá á venda o 8 de maio, naceu como proxecto en 2009, nun momento no que viñan de facerse dous discos de tributo a Andrés Dobarro e Diplomáticos. Un grupo de xente, comezando por Miguel Mosqueira, e tamén Marcos Payno, Daniel Salgado, Samuel Solleiro e Roberto Sobrado, advertiron a necesidade de facer o mesmo con Resentidos, “o grupo paradigmático e referencial do pop galego”, segundo Mosqueira. “Apetecíanos ver como se podían actualizar e reinterpretar as cancións de Resentidos, para nós un grupo pioneiro e que lexitima a todos os grupos que despois fixeron pop en galego”, di Mosqueira, que salienta a “grande influencia que tiveron non só nas bandas que se expresan en galego, senón tamén nos grupos galegos que cantan en castelán”, que se percibe no gusto pola autoparodia e a ironía ao respecto da propia identidade que caracteriza moitos artistas do país, comezando por Tony Lomba ou Novedades Carminha.
Antón Reixa salienta que “fomos un grupo prolífico, compuxemos máis de cen cancións, pero había unha pequena frustración relacionada co esencialismo do noso líder natural, Alberto Torrado, que tiña unha tendencia conceptual a dicir que as cancións só podían ter unha forma, tanto para ser gravadas como para tocar en público. Estes vinte grupos quítanlle a razón”. As 19 bandas que participaron no disco “escolleron temas menos coñecidos, seguramente porque os máis coñecidos están xa moi trillados e arriscábaste a entrar en comparacións desagradables”, sinala Mosqueira, que salienta o carácter autoorganizado e alternativo do disco.
Os responsables do álbum salientan que a escolma de grupos participantes reflicte a propia “eclecticidade” dos Resentidos e sinalan que as bandas escolleron con autonomía os temas que querían versionar -moitas veces non os máis coñecidos-, levándoos ao seu terreo. “Ao igual que as cancións dos Resentidos eran imprevisibles e nelas podía pasar calquera cousa, neste disco intentouse iso”, salienta Miguel Mosqueira. O guitarrista de Ataque Escampe sinalou na rolda de prensa de presentación do disco que a música que é realmente grande debe ter “ironía, ritmo bailable e alegría ante a catástrofe”, características que para el están condensadas no título, A tribo toda baila e en toda a discografía da banda liderada por Antón Reixa.
"Os Resentidos espreguizan o campo do posíbel e transforman materiais vangardistas en consignas agit-prop, en palabras de orde para un hedonismo non amnésico, en música", escribe Daniel Salgado
Foron sete discos, máis dun cento de cancións que sumaban o texto autoparódico e a poesía de vangarda para as clases populares coa música que nese momento anticipaba o futuro en Europa sen pasar por Madrid (Talking Heads, Devo, Cabaret Voltaire, The Residentz). "Os Resentidos espreguizan o campo do posíbel e transforman materiais vangardistas en consignas agit-prop, en palabras de orde para un hedonismo non amnésico, en música", continúa Salgado, que salienta que "Un dos relatos máis agudos de como a nación sioux asumiu a autonomía e renunciou, maioritariamente, a ser ceibe e socialista estea rexistrado nos sete elepés dos Resentidos" e conclúe "A reconversión industrial é a paisaxe resentida (...) Eran os oitenta e estabamos en guerra e, daquela, precisabamos unha estratexia bélica".