Máis de 100.000 persoas asistiron aos concertos do Noroeste, distribuídos por toda A Coruña

Concerto de Los Punsetes no Paseo das Pontes © Festival Noroeste

Os concertos do Festival Noroeste xuntaron a máis de 100.000 persoas nos seus seis días de celebración. O evento, cun total de 75 citas repartidas por toda a cidade da Coruña, levou a música a rúas, prazas, parques e praias da urbe herculina e tamén a recintos emblemáticos, coma o Castelo de San Antón, Teatro Colón ou Fundación Seoane. 

Houbo un 45% de mulleres no cartel, con 75 concertos, a metade de bandas galegas

O concerto que o venres pasado ofreceu Patty Smith na Praia de Riazor foi o de maior asistencia de todo o festival, pero tamén destacou a crecente aposta polo Mercado da Colleita, polo que pasaron máis de 20.000 persoas nos seus dous días de celebración, no Paseo das Pontes.

O concerto de Patty Smith na praia de Riazor foi o de maior asistencia de todo o festival © Festival Noroeste

20.000 persoas pasaron polo Mercado da Colleita, no Paseo das Pontes

Nathy Peluso, Soleá Morente, Baiuca, Toundra, Belako, The Last Internationale, La URSS, Los Estanques, Anni B Sweet, Los Punsetes, Derby Motoreta’s Burrito Kachimba, Joe Crepúsculo ou Paco Ibáñez estiveron entre os concertos máis celebrados, nunha edición na que a chuvia (ao igual que o ano pasado) obrigou a modificar algúns horarios e escenarios, dificultades solucionadas sen anulación de concertos.

O evento, cun 45% de mulleres no cartel e un 50% de bandas galegas, consolídase así como "un referente entre as citas musicais do calendario estatal", destaca a organización, un festival urbano e extendido, caracterizado por levar a música ás rúas e prazas de toda a cidade en lugar de concentralo nuns poucos concertos de gran formato.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.