'Maridos e sodomitas' afonda nos casamentos entre homes na Galicia medieval

Captura de pantalla de 'Maridos e sodomitas' ©

“A realidade galega no medievo amósanos que os casamentos e as relacións afectivas entre homes estaban máis normalizadas do que podíamos pensar”, di responsable de Igualdade, Lingua e Dereitos civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra

“A realidade galega no medievo amósanos que os casamentos e as relacións afectivas entre homes estaban máis normalizadas do que podíamos pensar”. A responsable de Igualdade, Lingua e Dereitos civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, presentou deste xeito o documental 'Maridos e sodomitas, os casamentos de home no reino da Galiza medieval’, unha produción de Nós TV e con idea orixinal, guion e documentación de Carlos Callón que se estrea este xoves ás 21 horas en Nós TV (na canle 119 de R e tamén en Movistar +) e na canle de youtube da Deputación. 

Na peza, de 36 minutos, Callón vai viaxando por diferentes puntos da xeografía galega para dar a coñecer algúns fitos, documentación e monumentos da historia medieval do país dando a coñecer unha realidade que o autor xa debullou en Amigos e sodomitas, unha investigación editada por Sotelo Blanco que afondaba nas orixes do matrimonio entre persoas homosexuais e a relativa normalidade coa que se producían na Galicia medieval, por exemplo con unións como a que estableceron Pedro Díaz e Muño Vandilaz o 16 de abril de 1061.

O documental, con guion de Carlos Callón, estréase este xoves en Nós TV e na canle de Youtube da Deputación da Coruña, que impulsa o proxecto

Na presentación da peza audiovisual, Callón destacou que se trata "do primeiro documental europeo que fala das unións entre homes na Idade Media” e que contribuirá a “desarmarizar a historia” a través dun percorrido con “auténticos eruditos que nos amosan que outros tipos de masculinidades xa existían no medievo”. Para Callón, esta produción representa “unha loita pola verdade histórica”.

Callón sinala que é "o primeiro documental europeo que fala das unións entre homes na Idade Media” e que contribuirá a “desarmarizar a historia”

A produtora executiva de Nós Televisión e do documental, Rosabel Candal, agradeceulle á Deputación “a confianza” para “abordar por primeira vez a historia da homosexualidade no Reino Medieval en Galego”. Un fito que representa “un paso máis en positivo no coñecemento da memoria tanto da diversidade sexual como do propio pobo galego”. 

Carlos Callón é o responsable de 'Maridos e sodomitas' ©

Para a produtora, Rosabel Candal, representa “un paso máis en positivo no coñecemento da memoria tanto da diversidade sexual como do propio pobo galego”

A produtora afirmou que “a homofobia non existía do mesmo xeito que na actualidade, pois hai unha serie de pegadas que dan conta de que as relacións entre homes estaban máis normalizadas do que nos pode parecer” e anima a “formar parte desta viaxe con moitas espertas que nos axudarán a entender o noso pasado sen a presenza de mitos e prexuízos que o deturpen”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.