• Entrevista | Anselmo López Carreira
  • Cultura

"A forma en que se construíu o paradigma da historia de España foi un camiño no que Galicia ficaba á marxe"

Intervención no Congreso de Anselmo López Carreira, no centro © Congreso do Reino de Galicia

O pasado xoves finalizou o Congreso sobre o Reino medieval de Galicia, impulsado pola Deputación da Coruña, que buscaba "poñer fin á ocultación do Reino de Galicia" e axudar a divulgar esta realidade histórica. Foron catro xornadas nas que 18 relatores e relatoras afondaron en cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura, ou a organización administrativa do reino ao longo das súas distintas etapas. “Non se pretende reconstruír a historia, senón exercer o dereito a saber de nós, de poder estudar e investigar, desde o rigor e o compromiso científico, a historia dun período absolutamente central para o noso país”, destacaba na presentación do encontro o deputado provincial Xurxo Couto. 

En paralelo coa celebración deste Congreso, a Deputación da Coruña puxo en marcha o Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia, co que está a impulsar distintas iniciativas de investigación e divulgación para dar a coñecer esta realidade histórica. Falamos co historiador Anselmo López Carreira, curador científico do encontro.

Finalizado o Congreso, que valoración facedes do seu desenvolvemento e da súa repercusión?

"Esperamos que este Congreso fora un chanzo adiante que axude a estimular as persoas que se dedican ao estudo e á investigación deste período histórico. E, sobre todo, a conseguir que se popularice o coñecemento de que existiu un Reino de Galicia"

Nós non eramos moi ambiciosos, realmente, porque sabemos cal é a realidade, pero pensamos que os obxectivos se cumpriron con creces. Rematado o Congreso, non podemos dicir que a partir de aquí se produce unha inflexión no referente ao coñecemento o Reino, porque estas inflexións non existen desta maneira, senón que é un proceso longo, que necesita de divulgación e de extensión deste coñecemento para que chegue sobre todo ao ensino. Pero esperamos que este Congreso fora un chanzo adiante que axude a estimular as persoas que se dedican ao estudo e á investigación deste período histórico. E, sobre todo, para conseguir que se popularice o coñecemento de que existiu un Reino de Galicia. Eu, persoalmente, aprendín moito neste Congreso, e supoño que os restantes asistentes tamén o fixeron.

Unha das sesións do congreso sobre o Reino de Galicia © Congreso do Reino de Galicia

Na introdución do encontro denunciouse o "silenciamento" e o "ocultamento" do Reino de Galicia na historiografía oficial. A que se debe a minimización desta realidade histórica?

"A forma en que se construíu o paradigma da historia de España, trazando unha liña recta dende o Reino Visigodo ata o Reino de Castela e, finalmente, o Reino de España, foi un camiño no que Galicia ficaba á marxe"

Eu creo que se debe a dúas razóns confluentes. En primeiro lugar porque dende o século XIX houbo pouco público receptor para a historiografía galega, faltou esa burguesía que si houbo noutros territorios; por este motivo as obras de Murguía, López Ferreiro ou Vicetto non tiveron a masa crítica necesaria, levando a unha debilidade da historiografía galega que se mantivo ata tempos recentes. A outra razón é a forma en que se construíu o paradigma da historia de España, trazando unha liña recta dende o Reino Visigodo ata o Reino de Castela e, finalmente, o Reino de España, un camiño no que Galicia ficaba á marxe.

"É posible chegar a unha historiografía feita dende as nacións periféricas. Nós temos este traballo en marcha"

Nese paradigma, por exemplo, adoita reducirse a importancia do reino Suevo fronte ao reino Visigodo... 

Si, esa ocultación, que non digo que fose feita a propósito, xa foi denunciada por Menéndez Pelayo no século XIX. É dicir, que a grande atención que se emprestou ao Reino Visigodo fixo que se fose esquecendo o Reino Suevo, o cal non era xusto.

Un dos relatorios opuxo a historiografía catalá á historiografía española. É posible alzar unha historiografía alternativa dende Galicia?

Ese relatorio sobre a historiografía catalá en oposición á historiografía española nós queríamos que servise de exemplo de que se pode elaborar unha historiografía alternativa e Cataluña foi capaz de elaborala. Polo tanto, é posible chegar a unha historiografía feita dende as nacións periféricas. Nós temos este traballo en marcha.

O Congreso celebrouse no Museo do Pobo Galego © Congreso do Reino de Galicia

Un dos elementos que se lle discuten ao Reino de Galicia é a súa propia duración. Cando comeza e cando remata o Reino de Galicia?

"O Reino de Galicia existe dende o século V, cando chegan os suevos e crean un reino. E a documentación posterior amosa como as mencións ao reino medieval de Galicia son constantes ao longo de toda a Idade Media"

O Reino de Galicia existe dende o século V, cando chegan os suevos e crean un reino, que durante algunhas décadas máis que “Reino de Galicia” podemos considerar como un “Reino dos Suevos en Galicia”. No século VI, xa claramente e de maneira explícita, temos referencias sobre o Reino de Galicia, por exemplo o francés Gregorio de Tours xa fala do Rei de Galicia e do Reino de Galicia, xa non dos suevos. E a documentación posterior amosa como as mencións ao reino medieval de Galicia son constantes ao longo de toda a Idade Media. 

E chega como entidade cando menos ata 1833, cando se crean as provincias e o Reino de Galicia deixa de ser o referente administrativo. Porén, Eduardo Pardo de Guevara subliña que en ningún momento houbo un documento que puxese fin ao Reino de Galicia, polo que a entidade -aínda que integrada na coroa española- nunca desapareceu.

Estes séculos de historia abranguen momentos nos que Galicia foi escenario dunha importante actividade cultural, relixiosa, política... Que aspectos ou momentos destacarías por riba de todo?

"Na Era Compostelá Galicia está no centro de Europa, como punto de chegada do itinerario xacobeo, non é en absoluto periferia"

Podemos destacar un par de momentos ou tres. Por suposto a chamada Era Compostelá, entre os séculos XI e XIII, que é a época que coincide coa construción da Catedral de Santiago e das demais catedrais románicas galegas. A enorme potencia que tivo o románico en Galicia é unha expresión da importancia que ten o Reino de Galicia neses tempos, que tamén queda reflectida na literatura e na música da época. Na Era Compostelá Galicia está no centro de Europa, como punto de chegada do itinerario xacobeo, non é en absoluto periferia.

Podemos engadir outro momento, no século VI, cando en Galicia se produciu un florecemento cultural e administrativo, redáctase o Parrochiale suevum, reúnense concilios... E mesmo no século XIV podemos ver unha grande influencia da nobreza galega no panorama político internacional, que xoga un papel moi importante no cambio de dinastía en Castela, na revolución portuguesa ou na proxección ata Galicia de personaxes da liña real inglesa.

Mapa do Reino de Galicia, por Fernando Ojea (1603) Dominio Público

Hai moitas investigacións sobre o Reino de Galicia. É na difusión onde hai que facer máis fincapé para estender socialmente o coñecemento sobre esta realidade histórica? Cales son os seguintes pasos despois deste Congreso?

"Falta que as investigacións que se están a facer cheguen de xeito sinxelo aos ensinantes de secundaria, que non poden verse obrigados a acudir a estudos moi especializados para despois impartir a materia ao seu alumnado"

Despois do Congreso hai que seguir traballando demoradamente na investigación, que nunca se fai en dous días e sempre require dun proceso moi lento. E, sobre todo, hai que facer un grande esforzo para que estas investigacións e o resultado destes estudos cheguen ao gran público.

Ademais, na derradeira xornada do Congreso Alexandra Cabana sinalou que falta un paso intermedio entre a investigación e a difusión, é dicir, falta que as investigacións que se están a facer cheguen de xeito sinxelo aos ensinantes de secundaria, que non poden verse obrigados a acudir a estudos moi especializados para despois impartir a materia ao seu alumnado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.