Congreso do Reino de Galicia: catro días "para poñer fin á ocultación" dunha realidade histórica

Apertura do Congreso sobre o Reino de Galicia, este luns no Museo do Pobo © Deputación da Coruña

“Non se pretende reconstruír a historia, senón exercer o dereito a saber de nós, de poder estudar e investigar, desde o rigor e o compromiso científico, a historia dun período absolutamente central para o noso país”, dixo o deputado provincial Xurxo Couto

Este luns botou a andar no Museo do Pobo Galego o Congreso sobre o Reino medieval de Galicia, organizado pola Deputación da Coruña, que durante catro días buscará afondar nunha realidade histórica "silenciada" e "ocultada", como destacan os responsables do evento, que conta con 18 relatores e relatoras procedentes das universidades de Nova York, Barcelona, Salamanca, Oviedo e Santiago e Compostela, que abordarán cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura, ou a organización administrativa. 

Ademais das catro xornadas de relatorios, que terán lugar no Museo do Pobo Galego, o Congreso inclúe un programa musical que se desenvolverá na contigua Igrexa de San Domigos de Bonaval. O Congreso esgotou as prazas presenciais, pero se pode ser a través da rede grazas a unha retransmisión en directo en streaming.

O evento conta con 18 relatores e relatoras e pódese seguir en directo a través da web

O deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, subliña a necesidade de "divulgar e socializar esta etapa da nosa historia", unha das épocas "de máis esplendor". Na inauguración das xornadas, Couto destacou que “chegou o momento de poñer fin á ocultación do Reino de Galiza”, sinalando que co Congreso “non se pretende reconstruír a historia, nin moito menos, senón que se trata de exercer o dereito a saber de nós, de poder estudar e investigar, desde o rigor e o compromiso científico, a historia dun período absolutamente central para o noso país, como é a época medieval”.

A data de inicio do Congreso foi elixida por coincidir no entorno da coroación, un 17 de setembro, de Alfonso VII como Rei de Galicia na Catedral de Santiago por parte de Xelmírez

A data de inicio do Congreso foi elixida por coincidir no entorno da coroación, un 17 de setembro, de Alfonso VII como Rei de Galicia na Catedral de Santiago por parte de Xelmírez. Anselmo López Carreira, curador científico do Congreso, explicou que “Alfonso VII, que foi coroado de neno, tería despois unha enorme trascendencia na historia medieval”. Asegurou que “aínda que non é primeira vez que un rei é coronado como Rei de Galicia, no caso de Alfonso VII o acontecemento queda perfectamente recollido na ‘Historia Compostelana’, o que nos dá a información máis completa que temos sobre como era unha cerimonia de coroación naquel período”.

Anselmo López Carreira, Xurxo Couto e Manuel Vilar, na presentación do Congreso no Museo do Pobo, a pasada semana © Deputación da Coruña

O primeiro dos relatorios versou sobre “Historiografía catalana versus historiografía española: un exemplo historiográfico alternativo”

Nesta xornada inaugural, o primeiro dos relatorios versou sobre “Historiografía catalana versus historiografía española: un exemplo historiográfico alternativo”, a cargo de Jaume Sobrequés da Universidade Autónoma de Barcelona; seguido  das intervencións de Simon Doubleday da Universidade Hofstra de Nova York sobre “Historia de dúas fronteiras. Algunhas reflexións sobre as relacións con Al-Ándalus durante o reinado de Fernando I e Sancha de Galicia-León”; e de Pablo Díaz Martínez da Universidade de Salamanca sobre “Fontes e historigrafía do reino suevo. Unha relectura”.

En paralelo coa celebración deste Congreso, a Deputación da Coruña impulsou o Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia, co que está a impulsar distintas iniciativas de investigación e divulgación para dar a coñecer esta realidade histórica

En paralelo coa celebración deste Congreso, a Deputación da Coruña impulsou o Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia, co que está a impulsar distintas iniciativas de investigación e divulgación para dar a coñecer esta realidade histórica. Entre elas, por exemplo, figura o proxecto de FOREGA (Fortalezas do Reino de Galicia), que ofrece información e medio milleiro de imaxes de 16 castelos medievais e 15 fortalezas da Idade Modernas da provincia coruñesa. Ou a iniciativa de divulgación 'Crónicas dunha desmemoria', unha serie de 12 vídeos curtos que debullan os principais temas e personaxes do Reino Medieval de Galicia nunha viaxe guiada pola bookstagramer Irene Pérez Lis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.