'Crónicas dunha desmemoria': as historias do "silenciado" Reino de Galicia en pílulas de 5 minutos

'Crónicas dunha desmemoria' foi gravada nos castelos de Pambre e Salvaterra © O cable inglés

O Reino de Galicia existiu como entidade política independente ata o ano 1126, cando o título ficou integrado dentro das competencias do Rei de León. Con todo, pódense rastrexar as súas orixes como realidade política ata o primeiro reino suevo (410), constituíndo polo tanto o reino máis antigo da Europa Occidental, e a súa continuidade como división territorial ata a reorganización provincial do Estado español de 1833.

A rica historia do Reino de Galicia non é todo o coñecida que debera, unha eiva que busca corrixir o congreso que acolle o Museo do Pobo Galego entre o 19 e o 22 de setembro

Nestes séculos de historia houbo tempo para unha manchea de reis e raíñas (Ordoño, García, Sancho II, Alfonso VI, Urraca, Raimundo de Borgoña, Alfonso Raimúndez...), a creación do Camiño de Santiago, a conquista militar cara ao sur do territorio ocupado anteriormente polos árabes, a revolución cultural da lírica trobadoresca e mesmo a revolta social dos Irmandiños contra o poder dos señores.

Porén, esta riquísima historia non é todo o coñecida que debera, unha eiva que nos vindeiros días busca corrixir o congreso que acolle o Museo do Pobo Galego entre o 19 e o 22 de setembro e que pretende deitar luz sobre o Reino de Galicia, "unha realidade calada, silenciada e relegada pola historiografía oficial". En paralelo coa celebración deste Congreso, a Deputación da Coruña impulsou o Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia, co que está a impulsar distintas iniciativas de investigación e divulgación para dar a coñecer esta realidade histórica.

A Deputación da Coruña impulsou o Fondo de Proxectos Culturais Reino de Galicia, co que está a impulsar distintas iniciativas de investigación e divulgación para dar a coñecer esta realidade histórica.

Un dos máis interesantes vén de presentarse este xoves, co lanzamento do proxecto audiovisual 'Crónicas dunha desmemoria', unha iniciativa de divulgación audiovisual e dixital ligada ao libro ‘O Reino Medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria’ (Xerais 2020). A través de 12 capítulos a bookstagramer Irene Pérez Lis irá debullando os principais capítulos e personaxes do Reino Medieval de Galicia, mediante vídeos curtos que dende esta semana e ata finais de outubro se irán publicando en Youtube, Facebook, Instagram e TikTok, ademais da propia web do proxecto.

A través de 12 capítulos a bookstagramer Irene Pérez Lis irá debullando os principais capítulos e personaxes do Reino Medieval de Galicia, mediante vídeos curtos

A modo de crónicas contemporáneas, é dicir, dixitais e breves, Irene vai tecendo pequenos relatos históricos sobre distintos aspectos, ao tempo que reflexiona sobre a escaseza de información sobre esta etapa histórica nos contidos curriculares, "configurando unha idea de Galicia totalmente descoñecida para ela e que a fai sentir aínda máis orgullosa do seu país", destaca O Cable Inglés, impulsora do proxecto, realizado en colaboración con Suseia Coop e que contou tamén co apoio da editorial Xerais e de Anselmo López Carreira na revisión histórica.

A bookstagramer Irene Pérez Lis guia esta viaxe histórica gravada nos castelos de Salvaterra e Pambre © O cable inglés

Percórrese a chegada dos suevos á antiga Gallaecia no 409 e chégase ao proceso de "doma" do Reino de Galicia a cargo dos Reis Católicos no século XV

Nos 12 capítulos, gravados en escenarios coma o Castelo de Pambre ou a Fortaleza de Salvaterra, percórrese a chegada dos suevos á antiga Gallaecia no 409, o primeiro espertar cultural de Galicia no século V, o priscilianismo, os infortunios do rei don García, a lírica trobadoresca en galego-portugués, as revoltas irmandiñas, a historia do arcebispo Xelmírez e a xestación do fenómeno xacobeo, o papel estratéxico da estirpe dos Castro, ou a crise política do século XIV na que quedou anulada a gran nobreza condal galega.

'Crónicas dunha desmemoria' foi gravada nos castelos de Pambre e Salvaterra

Chégase finalmente ao proceso de "doma" do Reino de Galicia a cargo dos Reis Católicos no século XV, sen esquecer o importante papel de mulleres coma a soldadeira María Balteira, as raíñas Dona Urraca, Inés de Castro e Leonor de Aquitania, a escritora Exeria ou María Castaña. Publicaranse dúas novas ‘Crónicas dunha desmemoria’ cada semana ata o final do mes de outubro.

A viaxe guiada por Irene Pérez Lis parte do libro ‘O Reino Medieval de Galicia. Crónica dunha desmemoria’ (Xerais 2020) © O cable inglés

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.