ADEGA e Mariña Patrimonio veñen de denunciar perante o Servizo de Protección da Natureza, SEPRONA, posibles danos nun petróglifo situado no Xistral, concretamente no Chao de Sinás (Ourol-Lugo). Segundo sinalan ambas asociacións, os danos terían sido ocasionados pola propia Xunta, ao realizar a comezos de ano unha queima controlada do mato que cubría unha zona arqueolóxica, catalogada e protexida. O lume tería afectado especialmente o petróglifo 13.
A queima e o paso dun tractor con desbrozadora de cadeas para controlar o lume non contaban coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura, afirman ADEGA e Mariña Patrimonio
Nesta zona arqueolóxica do Chao do Sinás, onde a Xunta de Galicia ten catalogadas trece laxes con petróglifos e dúas mámoas (das cales unha alberga o coñecido dólmen da Arca de Sinás).
A queima e o paso dun tractor con desbrozadora de cadeas para controlar o lume non contaban coa preceptiva autorización da Consellería de Cultura, afirman ADEGA e Mariña Patrimonio. Estas asociacións consideran "especialmente grave" que sexa a propia administración quen dane o patrimonio cultural. Engaden que esta queima sobre un petróglifo, e nunha zona arqueolóxica protexida, "é unha nova mostra do desleixo e da incompetencia da Xunta de Galicia".
Mariña Patrimonio leva anos denunciando as agresións que están a sufrir os xacementos arqueolóxicos do norte de Lugo, nomeadamente por parte da industria forestal, pero tamén por canteiras e actividades mineiras. Critica decote, así mesmo, as eivas na protección que a Xunta está obrigada a ofrecer a estes elementos patrimoniais. Noutras ocasións, como podería ser nesta ocasión, os danos prodúcese por erros ou desleixo, confirmando a insuficiente protección coa que contan estes elementos catalogados e teoricamente protexidos.