O xurado recoñeceu a obra Diarios do ilustrador, autor de cómics e director de animación nacido en Boiro. Ademais, outorgou un accésit con diploma, a Silver Andree (Adriana Soriano), pola súa obra Antología de un recuerdo
Martín Romero, grazas á súa obra Diarios, é o gañador da terceira edición do Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, correspondente ao período 2025-2026. Estaba aberta a participación de todos os cómics autoeditados ou fanzines gráficos en lingua galega ou realizados en Galicia entre o 15 de maio de 2025 e o 31 de maio de 2026. O galardón, promovido pola Asociación Cultural Autobán, co apoio do Concello da Coruña, ten unha dotación económica de 1.250 euros e un trofeo personalizado a man pola artista Julia Abalde (gañadora da pasada edición do certame).
Ademais, o xurado especializado do certame, integrado polas e polos profesionais Julia Abalde Herrero, David Fernández Fernández e Helena Rodríguez Blanco, decidiu outorgarlle, tamén, o accésit con diploma, cunha dotación de 350€, a Silver Andree (Adriana Soriano), pola súa obra Antología de un recuerdo.
A entrega do premio terá lugar o venres 14 de agosto no Circo de Artesáns da Coruña, no marco das actividades da edición de verán de 2026 do Festival de autoedición e BD Autobán
Este III Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego 2025-2026 recibiu un total de 35 proxectos válidos. Na rolda final de clasificados foron tamén seleccionados os fanzines O Campo de Concentración de Lavacolla, de Colective Pipueca; Mi nick ya no era húmeda, de Gemmi Pérez Feijoó (Muller6ollos); Moon Junction, de Anabel Colazo; e O verán que nunca existiu, de Clara Artiaga.
A entrega do premio terá lugar o venres 14 de agosto no Circo de Artesáns da Coruña, no marco das actividades da edición de verán de 2026 do Festival de autoedición e BD Autobán. Ademais, o público poderá ver e ler todas as obras válidas presentadas a concurso –un total de 35– na mostra ‘ExpoFanzines Autobán’ no marco do festival Viñetas desde o Atlántico 2026, do 10 de agosto ao 27 de setembro, na Biblioteca de Estudos Locais da Coruña.
Na súa primeira edición, celebrada en 2024, Luis Yang alzouse co galardón do I Premio Autobán. Na súa segunda edición, celebrada en 2025, Julia Abalde obtivo o premio
Na súa primeira edición, celebrada en 2024, Luis Yang alzouse co galardón do I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra Sunny 16. Na súa segunda edición, celebrada en 2025, Julia Abalde alzouse co galardón do II Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego grazas á súa obra La ilusión.
Autobán é o festival coruñés de cómic autoeditado. No ano 2023, a iniciativa constitúese como asociación cultural. O seu obxectivo é a promoción da banda deseñada e a ilustración, a autoedición e a autoxestión, así como tecer unha rede de apoio para as persoas que se dedican a estas disciplinas.
A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico
A asociación organiza cada mes de agosto o Festival Autobán coincidindo co encontro internacional Viñetas desde o Atlántico. Trátase dun mercado de autoedición que ofrece a autores e autoras, colectivos, proxectos de autoedición e microeditoriais de toda a Península a oportunidade de amosar e vender o seu material. O encontro propón, tamén, combates de debuxantes, presentacións de proxectos, obradoiros, exposicións, música e gastronomía durante a súa celebración.
Martín Romero
Martín Romero (Boiro, A Coruña, 1981) é ilustrador, autor de cómics e director de animación. Combina todas estas disciplinas para desenvolver os máis diversos proxectos. Como ilustrador realiza traballos que van dende o ámbito publicitario ata o editorial, con clientes como El País, Seat ou Abanca. Os seus cómics foron publicados en revistas como Le Monde Diplomatique (Francia), Kuti Kuti (Finlandia), Stripburger (Eslovenia), Bile Noire (Francia), Mille Putois (Canadá), O Suplemento (Brasil) ou a americana Vice. As súas novelas gráficas “Las fabulosas crónicas del ratón taciturno” (2011), “Episodios Lunares” (2015) e “La deuda” (2017) foron publicadas tanto en España como en Francia.
Actualmente está desenvolvendo a serie de cómics infantís “Uxío”, con dous títulos publicados ata o momento: “Uxío” (2019) e “Uxío e amigos” (2023). No eido audiovisual dirixiu dúas curtametraxes: “La noche” (2017), baseada nun dos seus cómics, e “To Bird Or Not To Bird” (2023), gañadora do Goya a Mellor Curtametraxe de Animación na edición de 2004.