Melona Fest: Catro días de concertos en Compostela

Cartel do festival © La Melona

Compostela acolle a partir deste mércores a segunda edición do Melona Fest, un evento nacido o pasado ano e que desta volta amplía a súa programación a catro días (ata o sábado), ofrecendo as actuacións dos holandeses The Mauskovic Dance Band, dos galegos Fluzo, Esposa, BULTO, Esteban & Manuel, Pálida e Boyanka Kostova e dos portugueses Surma, O Manipulador e Tren Go! Sound System, entre outras bandas. Os concertos terán lugar na Unitaria, no Riquela Club, na Discoteca Ruta, no Bar Embora e na Gentalha do Pichel.

As entradas (18 euros na billeiteira, 15 euros anticipada) poden adquirirse no Bar Embora, no Sagrado Corazón Tatuajes e na Reixa Tenda. E, fóra de Santiago, en O Mercado Street Food (Lugo) e Honky Tonk Discos (Vigo).

O festival busca conxuntar as propostas musicais con espazos de reflexión e análise da música. Con Discoclube de Compostela, unha das novidades deste ano (baseada en proxectos anteriores semellantes como Vinyl Station ou Kafea eta Galletak), convídase os espectadores a realizar unha escoita conxunta de discos "co fin de converter o goce persoal da música nun exercicio común e enriquecedor onde intercambiar impresións".

A Melona nace así mesmo coa intención de probar sorte dentro da xestión artística e na actualidade está preparando o lanzamento do recompilatorio Galician Bizarre III, que verá a luz neste 2017. Está ademais a conformar un selo propio que, polo de agora, xa conta con dúas
bandas dentro do seu catálogo (Boyanka Kostova e Bulto). Así mesmo, editará o seu primeiro fanzine (INTRNT BSNSS) que esperan que sexa "o embrión dunha nova canle de acción do mundo das publicacións temáticas".

 

Cartel do festival © La Melona

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.