Editoras, librarías e autores premian “a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial” o pasado ano en Galicia
O Teatro Principal de Santiago acolleu este sábado a II Gala do Libro Galego, organizada pola Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia. As distincións, sen dotación económica, recoñecen “a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial” ao longo do ano 2016 en Galicia. A gala foi presentada pola actriz Iria Pinheiro e contou coa actuación do grupo De Vacas. Estas son as obras gañadoras en cada categoría e os argumentos do xurado:
- Ensaio: Labrego con algo de poeta: biografía de Manuel María. De Mercedes Queixas. Editorial Galaxia. O xurado estima que é unha obra moi pedagóxica, de fácil lectura e moi divulgativa, con funcionamento moi exitoso nas librarías.
- Tradución: Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña. Anónimo. Tradución de Henrique Harguindey Banet. Rinoceronte Editora. O xurado valora nesta tradución a dificultade técnica de imitar o estilo doutra época e valora positivamente a idoneidade e necesidade a escolla esta obra para a tradución ao galego.
- Proxecto literario na rede: A Sega. Plataforma de Crítica Literaria. Valórase que aúna esforzos de crítica literaria e divulgación. Capacidade de artellar a varias mulleres facendo crítica, resaltando a vertente feminista da plataforma.
- Literatura infantil e xuvenil: Jules Verne e a vida das mulleres planta. De Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia. Estimouse o proceso de transformación moi imaxinativo empregando o recurso da muller planta, a partir do que se teceu unha historia moi imaxinativa e plástica, que permite unha lectura moi visual.
- Iniciativa bibliográfica: Aulas sen paredes. De Rosalía Fernández Rial. Edicións Positivas. O xurado valora a metodoloxía empregada e a introdución de linguaxe non verbal. Trátase dunha obra que pon en valor un xénero que non soe ser a primeira escolla polo que se inclina o lectorado. Trátase dos poucos traballos de didáctica probada en galego.
- Iniciativa cultural ou de fomento da lectura: Ciclo Vermú entre libros (Libraría Paz). Valórase que é unha iniciativa con moito esforzo e reducido orzamento. Aposta por un modelo empresarial moi axeitado para dinamizar o mundo da libraría
- Libro ilustrado: Canta connosco. De Óscar Villán. Kalandraka Editora. Pola súa fluidez e narrativa do ilustrador. A súa plástica orixinal escapa da redundancia co texto, achegando un significado propio co seu deseño.
- Teatro: Moito Morro Corporation. Sociedade Limitada. De Carlos Labraña. Editorial Galaxia. Sobrancéase o feito de ser capaces de introducir nunha obra unha cuestión de actualidade. É un libro orientado a un público que non soe consumir este xénero, polo que se valora a necesidade de darlle valor ao teatro infantil. Destacan o labor do autor como escritor teatral.
- Xornalismo Cultural: Zig-zag Diario. Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na necesidade de espazos culturais dentro da televisión pública. É un proxecto que valora a cultura e, concretamente, visibiliza o sector do libro
- Narrativa: Todo canto fomos. De Xosé Monteagudo. Editorial Galaxia. Pola súa calidade, moi ambicioso que acada o seu obxectivo: reflectir a realidade dunha época. É unha grande novela con pouco recoñecemento.
- Poesía: O cuarto das abellas. De Antía Otero. Edicións Xerais de Galicia. Destácaseque crea un mundo propio a través de imaxes. Trátase dun diálogo coa literatura que conmove ao lectorado
Ademais destes galardóns, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Platero, de Ourense; a Asociación de Galega de Editoras recoñeceu a traxectoria como editor de Ánxel Casal e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeulle o galardón á Escritora Galega Universal á autora portuguesa Hélia Correia.