Morre, aos 72 anos de idade, a actriz Dorotea Bárcena

Dorotea Bárcena, nunha imaxe de arquivo © AAAG / Remitida

Dorotea Bárcena morreu esta noite, con 72 anos de idade. A actriz sufría problemas de saúde dende había un tempo, aínda que o seu falecemento sorprendeu ás súas compañeiras e compañeiros de profesión. Comezou a súa actividade no teatro nos anos setenta, actuando nunha vintena de obras. Acadou gran popularidade pola súa participación en varias series emitidas pola TVG.

Nacida en Oviedo, pero afincada en Galicia dende nova, diplomouse en Maxisterio, pero pronto abandonou a carreira docente para dedicarse á interpretación. En 1970 participou na creación, con Xulio Lago, do grupo Esperpento Teatro Xove, un dos grupos máis activos do incipiente teatro independente galego, e no seu seo dirixiu varios textos, ademais de actuar noutras obras.

En 1985 participou como actriz no primeiro espectáculo de Teatro do Atlántico, Xoana, creado a partir dun texto de Manuel Lourenzo con dirección do propio Xulio Lago. Ademais, colaborou na dramaturxia e como axudante de dirección do primeiro espectáculo do Centro Dramático Galego, Woyzeck, dirixido por Xulio Lago, estreado en 1984. Así mesmo, en 1988 foi directora do Centro Dramático Galego e posteriormente traballou en varias producións do Centro Dramático Nacional. En 1987 fundou a compañía Teatro da Lúa, na que desenvolveu traballos como dramaturga, actriz e directora de escena.

Nunca abandonou o teatro, pero a partir dos anos noventa converteuse nun rostro habitual da televisión, sobre todo grazas á súa participación en varias series, tanto de ámbito estatal como galego. Entre 2005 e 2008 foi Amadora en O show dos Tonechos, actuando como a sogra do personaxe interpretado por Roberto Vilar. No cine participou en películas como Divinas palabras, Os mortos van á presa ou Lobos de Arga,

 

"Un referente artístico e persoal"

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) manifestou esta mañá o seu "pesar" polo falecemento de Dorotea Bárcena, que representaba “un referente artístico e persoal tanto para a súa xeración, que foi a que puxo en pé o teatro profesional ao longo dos anos setenta, como para as que viñeron despois e seguiron a construír a escena do noso país”, en palabras da Xunta Directiva da entidade.

Bárcena representaba “un referente artístico e persoal tanto para a súa xeración, que foi a que puxo en pé o teatro profesional ao longo dos anos setenta, como para as que viñeron despois e seguiron a construír a escena do noso país”

A AAAG sinalou que tamén compre lembrar “o inmenso afecto” que sentía toda a profesión por Bárcena, “gran compañeira de traballo, de escena e da vida” e sinalan a súa traxectoria como exemplo, xa que ao longo da súa carreira cultivou o oficio dende diferentes facetas: actriz, dramaturga, directora, produtora e fundadora de compañías de teatro. Neste senso a entidade salienta que Bárcena é, “ademais de pioneira e referente, un exemplo rotundo para as profesionais do sector, ao ter aberto camiños laborais e por se converter na primeira muller que dirixiu o Centro Dramático Galego".

 

Dorotea Bárcena Dominio Público Praza Pública
Dorotea Bárcena, nunha escena de 'Escoba' © CRTVG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.