O luns recibirá unha despedida civil na Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei, previa a recibir sepultura no cemiterio de San Xoán
Saleta Goy faleceu este sábado aos 90 anos de idade na Coruña, onde residía dende a súa xubilación en 1998. Os seus restos mortais serán velados este domingo no tanatorio de Servisa, na cidade herculina, para seren trasladados o luns á Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei, onde ás 17 horas se levará a cabo unha despedida civil, previa a recibir sepultura ás 18 horas no cemiterio de San Xoán, a 250 metros da Casa-Museo. Os seus restos repousarán xunto aos de Manuel María, falecido o 8 de setembro de 2004, con quen compartiu 45 anos de vida e de intensa actividade cultural.
A traxectoria vital de Saleta Goy estivo nas últimas cinco décadas inseparablemente ligada á de Manuel María e, de feito, desde o ano 2007 era a Presidenta da Fundación Manuel María de Estudos Galegos, depositaria do legado do escritor, homenaxeado no 2016 no Día das Letras Galegas. Porén, Saleta Goy sempre foi moito máis que a parella -e dende hai 18 anos a viúva- de Manuel María, desenvolvendo unha intensa actividade cultural e profesional, na que destaca por exemplo o labor da libraría Xistral.
Rexentou en Monforte a libraría Xistral que abriran para dinamizar culturalmente a vila e obter "os medios económicos para que o escritor conservase plena independencia creativa"
Desde o ano 1970 Saleta rexentou en Monforte a libraría Xistral que xunto a Manuel María decidiran abrir co obxectivo de dinamizar culturalmente a vila e a comarca, pero tamén como un xeito de obter "os medios económicos imprescindíbeis para que o escritor conservase a súa plena independencia creativa", destaca a Fundación Manuel María. Aquel lugar foi un punto habitual de encontro de escritores e intelectuais, tanto galegos como de fóra, e un importante foco de difusión da literatura galega.
"A nosa vida foi moi interrelacionada, inclusive as profesións. No ano 70 abrimos en Monforte de Lemos a libraría Xistral. El ía ao seu traballo e despois sempre estaba na libraría. Quen traballaba nela era eu, pero el era un referente"
Saleta e Manuel María coñecéranse no ano 1956, como lembra nesta entrevista publicada pola Real Academia Galega en 2016, e casaron dous anos máis tarde pasando a residir en Monforte de Lemos onde o escritor exercía como procurador dos tribunais.
A partir dese momento compartiron non só a vida, senón tamén a actividade cultural, social e política, sufrindo en varios momentos a represión da ditadura "con multas cuantiosas, vixilancia domiciliaria permanente e detencións arbitrarias", sinala a Fundación. "A nosa vida foi moi interrelacionada, inclusive as profesións. No ano 70 abrimos en Monforte de Lemos a libraría Xistral. El ía ao seu traballo e despois sempre estaba na libraría. Quen traballaba nela era eu, pero el era un referente", lembraba neste senso Saleta Goy nesa entrevista.
Os poemas del que máis lle gustaban eran "os que son menos de amor". "Gústanme todos, pero neses nos que estou na vida, sen que sexan ex profeso poemas de amor, gústanme máis", dicía
Manuel María dedicoulle a Saleta Goy moitos dos seus poemas, como 'Rosa namorada' (versionado por Uxía Senlle), que di: “A terra faise en ti,/ Saleta, sutileza,/ chama apaixonada/ e transparente,/ levidade de neve,/ torrente e forza/ de seiva poderosa”. Con todo, a propia Saleta sinalaba que os poemas del que máis lle gustaban eran "os que son menos de amor". "Hai un poema sobre a Casa de Hortas que me gusta moito, porque sei canto a quería. Gústanme todos, pero neses nos que estou na vida, sen que sexan ex profeso poemas de amor, gústanme máis", dicía.
En 2004 Saleta Goy, xunto cun grupo de amizades do escritor, impulsou a creación da Fundación Manuel María de Estudos Galegos
Dende a súa xubilación, no ano 1998 a parella trasladouse á cidade da Coruña, a unha casa do barrio de Monte Alto na que viviron xuntos ata o falecemento do escritor en 2004. Nese momento Saleta Goy, xunto cun grupo de amizades do escritor, impulsou a creación da Fundación Manuel María de Estudos Galegos co obxectivo, en primeiro lugar, de adquirir a casa natal do autor, coñecida como Casa de Hortas, e convertela en Casa-Museo, concibida como "unha homenaxe permanente ao escritor" e "unha casa da memoria, dentro da batalla contra o esquecemento ou da loita por rescatar aquilo que lle sigue sendo útil e funcional á sociedade galega".
A Fundación, presidida pola propia Saleta, creouse no ano 2007 e a Casa-Museo inaugurouse no ano 2013 despois de ser remodelada convenientemente para a nova función. Alí deposítase e móstrase todo o legado do escritor e promóvese a difusión da súa obra literaria mediante publicacións, certames de teatro para compañías profesionais e a organización doutros certames e concursos.
Galería de imaxes de Saleta e Manuel María
Podes acceder aquí á galería completa