Emilio Cao faleceu esta noite no Hospital Clínico de Santiago aos 72 anos de idade
Emilio Cao faleceu esta noite no Hospital Clínico de Santiago aos 72 anos de idade. O artista compostelán foi un dos creadores pioneiros que abandeiraron a explosión da música folk en Galicia. O pasado ano os Premios Martín Códax recoñeceron a súa traxectoria cun Premio Honorífico que foi recollido polo seu fillo, un galardón que quixo homenaxear “unha figura clave na apertura da música galega ao ámbito internacional”.
Comezou moi novo na música, no vizoso ambiente que se vivía en Compostela nos primeiros anos da década dos setenta, colaborando en distintas formacións de estilos moi diversos, como Brétema ou N.H.U., e tamén como músico de apoio en Voces Ceibes, onde entrou da man de Benedicto. Nese tempo viaxou por distintos países de Europa e, nun dos seus regresos a Galicia, mercou unha arpa nunha tenda de segunda man, aprendendo a tocala de maneira autodidacta, un achado casual que marcaría profundamente a súa vida e a súa carreira artística.
O ano pasado os Premios Martín Códax entregáronlle o seu galardón honorífico, recoñecéndoo como “unha figura clave na apertura da música galega ao ámbito internacional”
En 1977, con só 24 anos grava o disco Fonte do Araño (1977), un dos álbums clave da historia da música galega, no que contou coas colaboracións de Xoán Piñón (guitarra eléctrica), Antón Seoane (zanfona) ou Xosé Ferreiros (gaita e percusión). Enste traballo ten moito que ver coa súa infancia, en Rianxo, onde pasaba os veráns cando era neno.
Gran admirador da figura de Alan Stivell, a súa idea era facer un desenvolvemento similar coa música tradicional galega. O disco supón o despegue do fenómeno da música celta e converteuno nunha estrela, “nun heroe local demasiado cedo”, como el mesmo recoñecería. Ademais, ascendeu a música feita en Galicia á primeira división das músicas do mundo que se facían nese momento en Europa, en especial nos territorios atlánticos nos que distintas formacións e artistas do ámbito do folk estaban a empregar a etiqueta de música celta..
En 1977, con só 24 anos grava o disco Fonte do Araño (1977), un dos álbums clave da historia da música galega
Nese momento Emilio Cao entra en contacto con Alan Stivell, cantautor, arpista e responsable en boa parte da popularización da música celta nos anos setenta e oitenta do século pasado. Como se destacou na entrega do premio honorífico dos Martín Códax, "o primeiro disco de Cao trouxo claramente aires novos para un panorama musical que en Galicia abalaba entre a canción protesta e a música tradicional".
Nos anos seguintes publica Lenda da pedra do destiño (1979) e No manto da auga (1981), discos que converteu a súa arpa nun sinal de identidade e que continúan a incrementar a súa popularidade. Unha mostra é a canción que en 1982 lle dedicaron Siniestro Total: "Yo quiero ser Emilio Cao/ tocar el arpa en el Caurel/ y ser tan guapo como él/ y tocar con Alan Stivell/ Yo quiero ser Emilio Cao". Tras iso, Cao tocaría a guitarra en temas dos vigueses como Balada de Cachamuíña y María Pita e os coros de Siniestro poden escoitarse no disco Amiga Alba e Delgada.
Como se destacou na entrega do premio honorífico dos Martín Códax, "o primeiro disco de Cao trouxo claramente aires novos para un panorama musical que en Galicia abalaba entre a canción protesta e a música tradicional"
Emilio Cao foi, como el mesmo afirmou nalgunha ocasión, un "arpista con alma de rock", manténdose sempre aberto a todo tipo de músicas e de novas influencias, que ían defininindo as súas propias cancións.
Nun disco de homenaxe a Jackson Browne no que participou en 1998, el mesmo escribe: "No meu pequeno país do Atlántico tocar con guitarras eléctricas nos anos setenta era como entrar nun bar e insultar á muller do dono. Motivo máis que xustificado para que che rompesen a cara. California, na nosa imaxinación, era o substituto das películas de Ben-Hur da nosa infancia, puro mundo dos soños, pero o sangue fervíanos da mesma maneira, e da mesma maneira saltabamos ao amencer, esperando a chegada doutro sol".
Cao foi un gran compositor de músicas para a poesía, ata o punto de que en máis dunha ocasión foi presentado como poeta ainda que el aseguraba "non ser tan ousado como para escribir versos".
Nos anos 80 comeza a compoñer un gran número de bandas sonoras para teatro, audiovisual e danza e ralentiza o ritmo de publicación de álbums, chegando en 1986 Amiga Alba e Delgada, en 1992 Cartas Mariñas e en 1996 Sinbad en Galicia, tres discos nos que traballa con textos de Uxío Novoneyra e Rosalía de Castro, de Manuel Antonio ou de Álvaro Cunqueiro.
Cao foi un gran compositor de músicas para a poesía, ata o punto de que en máis dunha ocasión foi presentado como poeta ainda que el aseguraba "non ser tan ousado como para escribir versos". En todo este tempo seguiu a actuar con frecuencia por todo o continente europeo e a realizar colaboracións con artistas como Fausto, Carlos Paredes ou Vainica Doble.
O ano pasado o seu fillo Mateo recolleu o premio no seu nome, destacando a emoción de seu pai por ser "os compañeiros da música os que lle fan este agasallo"
O ano pasado Músicas ao Vivo decidiu entregarlle o seu galardón honorífico. O seu fillo Mateo recolleuno no seu nome, afirmando: "meu pai agradece infinito este premio e quere dicirvos que se sinte como un pequeno verme da ría, ante a emoción de que sexan os compañeiros da música os que lle fan este agasallo". Emilio Cao -dicía nese momento- non quería ser máis que "un paseante anónimo escoitando a Leonard Cohen", un dos seus favoritos.