Morre o actor Ernesto Chao

Ernesto Chao, na gala dos premios María Casares © Tragaluz/AAAG

Morreu Ernesto Chao. O actor, nacido en Ribadavia hai 74 anos, finou esta noite en Compostela. Acadou unha enorme popularidade polo seu papel de Miro en Pratos Combinados, mais interveu en 15 filmes e nunhas 35 obras de teatro, obtendo os premios María Casares e Mestre Mateo entre outros recoñecementos. Ademais, dirixiu o CDG entre 1986 e 1987, foi presidente da Academia Galega do Audiovisual, de Escena Galega e en 2016 converteuse en presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), cargo do que foi relevado o pasado ano por Nieves Rodríguez. Ademais, en 2001 puxo en marcha a súa propia compañía teatral, Lagarta Lagarta, xunto con Rosa Álvarez. Será velado no cemiterio de Boisaca.

"Ernesto comezou cando todo estaba por inventar e, grazas a el, xunto a toda a súa xeración, impulsou o noso sector, tanto dende a súa vertente escénica como audiovisual", destaca a Xunta Directiva da AAAG

A AAAG manifestou o seu pesar polo falecemento de Chao, "auténtico pioneiro da escena do noso país e un referente apreciado e querido tanto para a profesión coma para o público". A Xunta Directiva da asociación subliña que "era un referente para toda unha profesión, unha profesión que sería difícil de imaxinar sen o seu traballo e o seu tesón dende os comezos da súa traxectoria. Ernesto comezou cando todo estaba por inventar e, grazas a el, xunto a toda a súa xeración, impulsou o noso sector, tanto dende a súa vertente escénica como audiovisual". Destaca tamén que foi "un cohesionador da profesión".

Chao dedicou a maior parte da súa vida á interpretación e ás artes escénicas. Iniciou a súa carreira no teatro en 1969, vencellado á Agrupación Cultural Abrente, e participou en máis dunha trintena de espectáculos, como Galileo Galilei, Fobias, Carambola, O país da comediaAs últimas LúasAs vodas de Fígaro, NoiteboaAeroplanos ou Cásting (a comedia).

Foi tamén un habitual no cinema e na televisión, converténdose nun dos rostros máis coñecidos do audiovisual galego. Por suposto, a través de Pratos Combinados, unha das series de máis éxito da TVG, emitida entre 1995 e 2006, que protagonizaba interpretando a Miro Pereira, de Ribadavia, ao igual que el. Tamén participou noutras producións, como Escoba, Efectos Secundarios e, máis recentemente, en Fariña, onde interpretou a Xerardo Fernández Albor, finado hai unhas semanas.

Foi o primeiro presidente da Academia do Audiovisual, presidiu Escena Galega e a Asociación de Actores e Actrices e, ademais, dirixiu o Centro Dramático Galego

No cinema, apareceu nuns 15 filmes, dende Divinas palabras (1987) ou Urxa (1989) ata Trece badaladas (2002), Os mortos van á présa (2009) e María (y los demás) (2016), pasando por Condenado a vivir (2001), na que interpretou a Ramón Sampedro, unha historia que se levaba á ficción por primeira vez e que despois recolleu Alejandro Amenábar en Mar Adentro, gañadora dun Oscar. 

Na súa longa traxectoria recibiu numerosos premios e recoñecementos, comezando polo Premio Chano Piñeiro do Audiovisual Galego ao Mellor actor protagonista por Condenado a vivir (2002), o Premio de Honra Abrente no Festival Internacional de Teatro de Ribadavia (2002) ou o Premio María Casares ao mellor actor protagonista por As últimas Lúas (2008). Ademais, foi galardoado co Premio de Honra Fernando Rey dos Mestre Mateo (2007), nos que tamén estivo dúas veces nomeado como Mellor Actor. Recibiu igualmente o Premio de Honra do Festival de Cans 2010.

"Os gobernos non están a apostar pola cultura e o recorte de orzamentos é tremendo. Aquí ninguén se fixo rico coas subvencións, pero antes podías traballar con certa tranquilidade", denunciaba en 2016

Así mesmo, foi director do Centro Dramático Galego durante dúas tempadas (1986-87), presidente de Escena Galega, presidente da Academia Galega do Audiovisual e presidente da Asociación de Actores e Actrices de Galicia entre 2016 e 2017, despois de ter estado entre os seus fundadores en 1985. Nesta entrevista que lle fixo Alberto Ramos en 2015, Chao amosábase moi crítico coa xestión do Centro Dramático nos últimos anos: "A min dáme a sensación que dende arriba queren rematar co Centro Dramático, deixalo morrer aos poucos". Unhas críticas que reiteraba nestoutra entrevista, que lle realizou Montse Dopico no momento en que accedeu á Presidencia da AAAG: "Os gobernos non están a apostar pola cultura e o recorte de orzamentos é tremendo. Aquí ninguén se fixo rico coas subvencións, pero antes podías traballar con certa tranquilidade".

 

© AAAG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.