Morre Santos Juliá, historiador clave da Transición e a Guerra Civil

Santos Juliá © Marta Jara / Eldiario.es

Nacido en Ferrol en 1940, é autor de obras clave no estudo da historia do Século XX en España

"Santos Juliá concibía o estudo da historia como unha forma de entender o presente, e non de maneira abstracta senón encarnada nos individuos". Este mediodía a editorial Galaxia Gutenberg escribiu isto a xeito de obituario do historiador Santos Juliá, falecido este mércores en Madrid aos 79 anos de idade por mor dun cancro. 

Nacido en Ferrol en 1940, é autor de obras clave no estudo da historia do Século XX en España, nomeadamente sobre a Segunda República, a Guerra Civil e a Transición Política. Ademais, foi colaborador en El País durante case tres décadas.

Doutor en Ciencias Políticas e Sociología pola Universidade Complutense e catedrático de historia social e do pensamento político na UNED, foi autor de obras como Manuel Azaña. Una biografía política (1990), Víctimas de la Guerra Civil (2005), Transición. Historia de una política española, 1937-2017 (2017), Nosotros los abajo firmantes. Una historia de España a través de manifiestos y protestas, 1896-2013 (2014) ou Historias de las dos Españas (2004), polo que recibiu o Premio Nacional de Historia de España, outorgado polo Ministerio de Cultura.

“O Valle de los Caídos só poderá ser fermoso cando sexa un lugar en ruínas”, afirmou en 2014

Santos Juliá morre un día antes da exhumación Francisco Franco, sobre o que afirmara nesta entrevista con Ramón Lobo que “o Valle de los Caídos só poderá ser fermoso cando sexa un lugar en ruínas”. "Resignificalo como lugar de encontro ou reconciliación parecíame imposible, non podía ser", concluía, apostando por "deixar que a natureza seguise o seu curso.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.