O Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e Agadic, convoca a producións galegas e portuguesas a participar en ÁNCORA, un foro de posprodución cuxa primeira edición terá lugar durante a celebración do festival, do 20 ao 27 e outubro.
O obxectivo de ÁNCORA é ofrecer asesoramento e favorecer o investimento en proxectos cinematográficos nunha fase de produción avanzada, axudándoos a que se completen nas mellores condicións posibles. Poden participar filmes de produción galega ou portuguesa que se atopen iniciando a súa fase de posprodución, coa rodaxe xa terminada, ou que estean nun proceso avanzado da mesma. Así mesmo, os e as directoras galegas e portuguesas que estean desenvolvendo un proxecto, aínda sen contar con produtora nalgún destes dous territorios, poderán tamén presentarse a esta convocatoria.
O OUFF seleccionará de entre todos os solicitantes catro proxectos en total, dos cales un como mínimo será de produción ou dirección galega
O OUFF seleccionará de entre todos os solicitantes catro proxectos en total, dos cales un como mínimo será de produción ou dirección galega. O festival ademais, convidará tres profesionais do sector a formar parte do comité asesor de ÁNCORA. O seu labor será ofrecerlles asesoramento aos e ás cineastas logo de presentacións a porta pechada dos proxectos. Este comité asesor será o encargado elixir que dous filmes levarán os premios que ÁNCORA entregará: o Premio Cinemar Films (premio de posprodución de Son en Cinemar Films valorado en 7.000 euros) e o Premio NUMAX (premio de posprodución de imaxe no Laboratorio NUMAX, valorado en 4.000 euros). Todos os interesados e interesadas en participar deben enviar os seus proxectos a ancora@ouff.org ata o próximo 23 de setembro e consultar aquí as bases.
Encontro Profesional de Coprodución Portugal-Galicia
O 22º OUFF acollerá tamén o III Encontro Profesional de Coprodución Portugal-Galicia, promovido por AGADIC en colaboración co portugués Instituto do Cinema e Audiovisual
O 22º OUFF acollerá tamén o III Encontro Profesional de Coprodución Portugal-Galicia, promovido pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) en colaboración co portugués Instituto do Cinema e Audiovisual (ICA). Esta iniciativa vai dirixida a aquelas empresas produtoras con interese en establecer contacto directo con posibles socios estratéxicos na coprodución de proxectos audiovisuais para cinema e televisión (ficción, animación, documental, programas...), co obxectivo de aumentar as oportunidades de financiamento, favorecer o intercambio de profesionais técnicos e artísticos e abrir novas canles de distribución e difusión.
O encontro celebrarase o sábado 21 de outubro a partir das 10 horas no Liceo de Ourense (Rúa Valentín Lamas Carbajal, 5). Trala rolda de reunións individuais terá lugar un cóctel-xantar nese mesmo espazo. As produtoras que acudan con proxecto en desenvolvemento terán a oportunidade de facer unha presentación e participar en reunións bilaterais previamente concertadas. O prazo para confirmar a participación e inscribir os proxectos está aberto ata o día 3 de outubro.