Nace en Vigo 35.ESAV, escola-cooperativa de artes visuais

O equipo responsable da escola © 35Esav

Este venres preséntase en Vigo 35.ESAV, unha escola de artes visuais impulsada por un grupo de profesionais constituído en cooperativa. 35.ESAV nace coa intención de xerar un espazo de aprendizaxe e creación de vangarda na cidade viguesa, ofrecendo unha formación orientada integramente á experiencia artística e creativa que serve de ponte para a entrada do alumnado no mercado artístico e profesional. A presentación da iniciativa terá lugar ás oito da tarde no Marco, con dous concertos a cargo de BFlecha DJ Set e do Trío Caspervek, un evento con entrada de balde no que música, fotografía e cinema serán os protagonistas.

Centrada en distintas ramas da fotografía e o cinema, esta escola ofrecerá catro mestrados dun ano (máis de 600 horas) e un ciclo de formación superior (de dous anos, 2000 horas)

Centrada en distintas ramas da fotografía e o cinema, esta escola ofrecerá catro mestrados dun ano (máis de 600 horas) e un ciclo de formación superior (de dous anos, 2000 horas) que buscan converterse nun punto de recepción de alumnos non só españois senón de Portugal ou Latinoamérica. Un mestrado de Fotografía de Natureza e Científica dirixido por Juan Pablo Moreiras; mestrados en Fotografía de Publicidade e Moda dirixidos por Quique Touriño; un mestrado de Fotografía de Autor e Documental dirixido por Eutropio Rodríguez; un mestrado en Cinema e Creación Audiovisual dirixido por Xisela Franco; e un Ciclo Superior de Fotografía dirixido por Javier Fernández Pérez de Lis.

A escola está a acondicionar un local amplo no centro de Vigo que terá ademais galería de arte para propoñer exposicións e posibilitarlles aos alumnos e alumnas un lugar onde exhibir os seus traballos. Haberá colaboracións con outras institucións, concursos e festivais, estudos e centros de impresión de alto nivel. Tamén se promoverá de forma continuada a realización de desprazamentos e viaxes de inmersión a outros lugares para potenciar e desenvolver a aprendizaxe.

“Os nosos alumnos estarán en contacto seguido coa súa futura profesión grazas ás clases punteiras que imparten profesionais activos da fotografía e cinema, galegos, nacionais e internacionais, con innumerables profesores convidados que achegan a cada especialidade o seu coñecemento e experiencia", destaca Rubén de Torres, director da escola.

A escola está a acondicionar un local amplo no centro de Vigo que terá ademais galería de arte para propoñer exposicións e posibilitarlles aos alumnos e alumnas un lugar onde exhibir os seus traballos

A escola propón "un proxecto dinámico, atrevido, que medrará adaptado a cada grupo de alumnos fomentando unha viaxe excepcional e personalizada cara á procura da propia voz" e busca ser "un espazo-laboratorio de creación lúdico, vivo e dinámico, en contacto coa nosa cidade e coa contorna natural, un colector de coñecemento idóneo para a investigación e creación". "Xa era hora de que a nosa cidade acollese un proxecto educativo deste tipo que saiba conxugar vangarda, paixón e excelencia", destacan os oito profesionais que se agrupan para lanzar esta iniciativa, que contará nos seus primeiros mestrados e ciclos con ao redor dun cento de docentes.

 

O equipo responsable da escola © 35Esav

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.