Nigrán lembra o seu veciño Carlos co gallo do Día das Letras de Casares

Lugar onde repousan os restos de Casares, en Nigrán CC-BY-SA Praza Pública

Na parte máis baixa dun bloque de nichos como calquera outro do cemiterio de San Fiz de Nigrán hai unha lousa negra cunha inscrición austera: “Carlos Casares 1941-2002”, e unha sinatura. Alí, no Val Miñor que a diario era protagonista dos seus artigos de prensa, na súa casa de Vilariño, faleceu hai quince anos o protagonista deste ano do Día das Letras Galegas. Alí, no CEIP Carlos Casares de Vilariño, a Real Academia Galega iniciou o pasado 21 de febreiro o Ano Casares. E o Concello de Nigrán súmase agora ás celebracións con tres meses de actividades que incluirán espectáculos de teatro, humor, ocio infantil e visitas guiadas.

A vila na que residía e faleceu o escritor organiza tres meses de actividades na súa memoria

O pasado sábado a biblioteca municipal acolleu unha sesión de contacontos infantil a cargo de Cris de Caldas na que a través da obra de Casares A galiña azul os rapaces puideron coñecer a figura e a obra do autor. A Galiña azul volverá ser protagonista o mesmo Día das Letras, o 17 de maio, cando Ubú Teatro a representará no auditorio municipal.

Antes, o próximo venres, o mesmo auditorio municipal acolle Entre un galo e un polbo, un espectáculo de Avelino González  para público adulto e xuvenil con Carlos Casares como fío condutor. Seguidamente, entre o mércores 3 de maio e o luns 8, a praza do Concello será escenario de diferentes actividades organizadas dende a institución municipal para os colexios públicos de Nigrán.

O Concello e a Fundación Carlos Casares organizan rutas polos lugares que percorreu o autor, "un dos veciños máis ilustres de Nigrán", salienta o alcalde

O día 13 de maio as actividades volven á biblioteca municipal co espectáculo de Álvaro Muras Carlos Casares con maxia e música. Ese mesmo día inaugúrase no auditorio municipal a exposición Carlos Casares e a fotografía, no que se recollen imaxes tomadas polo autor, e desde ese mesmo punto sairá posteriormente unha ruta guiada na que se percorrerán os lugares máis senlleiros de Nigrán na biografía do escritor, dúas actividades que foron deseñadas xunto a Fundación Carlos Casares. Finalmente, o sábado 3 de xuño a mesma Fundación Carlos Casares dirixirá outra ruta polos lugares de Nigrán que percorreron Carlos Casares, Julio Cortazar e Torrente Ballester.

"Carlos Casares foi un dos veciños máis ilustres de Nigrán e descansa no seu cemiterio municipal desde hai quince anos, aínda que vive en nós a través das súas obras, referentes da literatura galega universal. É un orgullo para o Concello recordar a súa presenza e o seu talento e trasladalo ás novas xeracións con actividades específicas para eles", resume o alcalde, Juan González.

Programa de actividades do Concello de Nigrán sobre Carlos Casares Dominio Público Concello de Nigrán

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.