“Ningún dereito conquistado está garantido para sempre e a vaga ultraconservadora actual vai decididamente contra as mulleres”

Daniel Asorey © Jackson Renner

Distopía, mais tamén utopía. Chamada á revolta contra a máis que real posibilidade de retroceso nos avances dos dereitos das mulleres, das persoas trans e, en xeral, de toda a humanidade. Iso son –desde a humildade, que xa di o seu autor que se cadra é inxenuo- tanto ‘Transmatria’ como ‘As mulleres da fin do mundo’, os dous últimos libros de Daniel Asorey. En ambos, albíscase a matria como futuro. Un horizonte sen discriminacións de xénero, ou de clase, ou de raza. Liderado polas subalternas. As oprimidas. Falamos co seu creador, que respondeu as nosas preguntas por correo.

“A crise económica incendiaba o mundo e semellaba que en calquera momento puidesen esmorecer certas cousas que ata entón se nos dicían eternas”

As mulleres da fin do mundo’ e ‘Transmatria’ apelan, no fondo, ao mesmo: unha (trans)matria sen discriminacións nin violencias de xénero (nin binarismos obrigatorios). Foron escritos os dous libros máis ou menos ao mesmo tempo? En que sentido forman parte dun mesmo proxecto? 

Na verdade, a novela ‘As mulleres da fin do mundo’ é un proxecto que comezou moito antes, aínda que ambas as dúas obras, novela e poemario, concluíron nun momento semellante no 2018. A novela levoume nove anos, pois comecei a escribila no 2010, ante determinadas cousas que estaban a acontecer, que acababan de acontecer ou que sabiamos que viñan de acontecer. Estou pensando por exemplo en wikileaks, que ese ano adquiriu repercusión mundial ao desvelar certos crimes de guerra dos EUA.

Alén diso, a crise económica incendiaba o mundo e semellaba que en calquera momento puidesen esmorecer certas cousas que ata entón se nos dicían eternas, lembremos a posible caída do euro ou frases que se atribuíron a Ben Bernanke, daquela presidente da Reserva Federal, nas que afirmaba que no 2008, coa caída de Lehman Brothers, o mundo estivera piques do inferno, facendo súa tamén aqueloutra frase allea de que “un capitalismo sen quebras é como unha cristiandade sen inferno”. 

Transmatria’ foi escrita coma un berro tras a aparición do autobús transfóbico de HazteOír e as mortes que non cesan no Mediterráneo”

E iso fíxome reflexionar e decidir escribir unha novela coral sobre ese mundo en decadencia, sobre ese precipicio. Sobre a que talvez fose a quebra final do capitalismo. Alén diso, é verdade que nas dúas obras se soña cunha utopía, cun lugar onde se varran as discriminacións de xénero. Tamén se fala das fronteiras e se focaliza a atención en determinadas minorías sexuais ou étnicas. 

En certa maneira, eu creo que ás veces certas escritoras ou escritores temos determinados temas sobre os que escribimos, talvez mesmo escribamos a mesma obra durante toda unha vida. E, neste caso, ‘Transmatria’ e ‘As mulleres da fin do mundo’ comparten temas e posúen puntos de vista semellantes, independentemente de seren dous xéneros literarios distintos. Para aclaralo, ‘Transmatria’ foi escrita coma un berro tras a aparición do autobús transfóbico de HazteOír e as mortes que non cesan no Mediterráneo.

A novela que te deu a coñecer como escritor era unha ucronía que compartía algúns elementos con ‘As mulleres do fin do mundo’, coma o feminismo ou o antirracismo (e o antifascismo). ‘As mulleres da fin do mundo’ é unha distopía na que, como na última novela de Iolanda Zúñiga, as mulleres son as protagonistas (cousa que non é tan habitual na tradición deste xénero). Algunha razón especial para escoller a distopía e a ucronía?

Creo que a a ucronía e a distopía son dúas maneiras interesantes de se achegar á realidade, de amosar o mundo en que vivimos sen ter que narralo dunha maneira absolutamente realista, senón que nos outorgan unha determinada capacidade de afastamento. Por dicilo de algún xeito, son dous espellos útiles para amosar aquilo que somos, pero permiten distorcer un pouco esa realidade para que non sexa tan evidente o relato.

“Creo que a a ucronía e a distopía son dúas maneiras interesantes de se achegar á realidade”

Algo que se nota desde as primeiras páxinas é a vontade de estilo. Todas as palabras parecen moi pensadas, e ás veces achegan o relato á prosa poética. Mais iso pode supoñer ás veces tamén un risco, que é cargar a densidade. Pensaches nisto? Cal era a túa intención, respecto do estilo?

Recoñezo que esa vontade de estilo é algo para min moi importante. Considero que as escritoras ou os escritores somos artesáns da palabra e debemos coidala. Tamén sei que iso para min acaba por converterse nunha obsesión, que pode ser que “cargue” demais o texto. Podo asegurar que cada palabra está medida, lida en alto na busca da sonoridade. A novela foi revisada por min estilisticamente durante máis dun ano. Iso é algo que me produciu ata cansazo físico. Non sei se o resultado é positivo ou mesmo negativo, mais creo no coidado da lingua para quen traballa con ela, independentemente do estilo de cadaquén. 

“Podo asegurar que cada palabra está medida, lida en alto na busca da sonoridade. A novela foi revisada por min estilisticamente durante máis dun ano”

Albert Sabaf, o Supremo Líder do Imperio, parece inspirado nos líderes dos actuais gobernos neofascistas (de Europa e de América): patáns con discursos demagóxicos de creación do inimigo externo (inmigrante) e interno (terrorista) que están ao servizo dos intereses das corporacións do capitalismo industrial-militar e tecnolóxico. Albert ten máis de monicreque, de feito, ca de todopoderoso líder. Por que escolliches que fose así? 

Cando comecei a escribir a novela saíra da presidencia dos EUA George W. Bush, que fixo evidente no seu mandato que era a cara doutros poderes na sombra, e fora elixido Obama, que semellaba unha esperanza. Eu nunca imaxinei que o poder na actualidade ía volver ter unha faciana tan agresiva como é un Trump, un Bolsonaro, un Salvini: pensei máis en líderes de rostro amable que fan o que outros ditan. 

“Nunca imaxinei que o poder na actualidade ía volver ter unha faciana tan agresiva como é un Trump, un Bolsonaro, un Salvini: pensei máis en líderes de rostro amable que fan o que outros ditan”

E apeteceume entrar na súa cabeza, aínda que con personaxe de Sabaf dubidei moito, mesmo matinei suprimilo. Con todo, o bonito de escribir é que podes ser quen queiras e a min sempre me fascinou saber se certos personaxes históricos acabaron por crer o seu propio discurso, mesmo que fora unha gran mentira. Seguramente por iso a parte que acontece baixo a perspectiva de Sabaf é a máis introspectiva de todas. Que pensa quen manda? Terá remorsos co que fai? Crerá o que di? 

O relato vai alternando as historias de Albert, Faheema, Rebeca, Blau e Tichborne. Blau (muller trans) é unha activista, unha líder nata. Faheema, unha muller culta, e lesbiana, nun mundo que prohíbe as sexualidades non heteronormativas e que as mulleres pensen. A Rebeca parece movela máis a necesidade da supervivencia (aínda que en realidade as tres tentan sobrevivir), mais se cadra tivera unha posición máis de privilexio que as demais (mulleres racializadas, entendemos). Que representa cada unha destas tres personaxes femininas? 

Detrás das tres mulleres hai historias reais. Por exemplo, Blau foi unha muller transxénero que existiu. Ela veu vivir aquí e morreu aquí, porque, aínda que non o saibamos, no Estado español aínda hoxe a sanidade non é universal nin gratuíta e moitas migrantes teñen medo a ser repatriadas ou reciben facturas impagables por acceder aos servizos sanitarios básicos. Convertendo a Blau nunha heroína, quixen darlle outro final a aqueloutra Blau real, migrante e trans, morta aquí, nun lugar onde, repito, as autoridades non paran de mentir dicindo que a sanidade é universal e gratuíta, e nós como sociedade decidimos ollar cara a outro lado e aceptar esa mentira. 

Nos últimos meses estiven moi preto dun menor migrante de catro anos, cunha enfermidade rara e dexenerativa, ao que a Xunta de Galicia lle negou a tarxeta sanitaria. E iso non é unha distopía, é a realidade. Non é unha novela, tristemente, é o día a día de xente que vive connosco. O exemplo dun fracaso colectivo.

“Nos últimos meses estiven moi preto dun menor migrante de catro anos, cunha enfermidade rara e dexenerativa, ao que a Xunta de Galicia lle negou a tarxeta sanitaria. E iso non é unha distopía, é a realidade”

No caso de Faheema está inspirado tamén nunha Faheema real que eu coñecín nun país de maioría musulmá, unha muller culta, que sentín oprimida por un mundo patriarcal que lle pechaba o futuro, o que, por suposto, tamén acontece en Occidente coas mulleres. Teño unha foto dela nunha medina, o que inspirou a súa historia e tamén a idea que me obsesionaba e obsesiona da realidade das mulleres de determinados territorios onde perderon dereitos que posuían: pensemos en Afganistán ou mesmo en certas cousas sobre as mulleres que lle escoitamos a esa onda ultraconservadora, dende o Brasil ata o Estado español. 

“Tamén quixen denunciar como ese sistema heteropatriarcal loita por derrubar a sororidade, que talvez sexa unha das poucas esperanzas para tentar salvar este planeta” 

En canto a Rebeca, muller branca e occidental, con ela quixen reflectir tamén esa violencia estrutural que exerce o heteropatriarcado contra as mulleres occidentais e aparentemente privilexiadas, dende aquela violencia que marca o aspecto físico desexable a aqueloutra laboral ou afectivo sexual. Tamén quixen denunciar como ese sistema heteropatriarcal loita por derrubar a sororidade, que talvez sexa unha das poucas esperanzas para tentar salvar este planeta. 

Coma ‘Transmatria’, ‘As mulleres da fin do mundo’ ten moito de clara denuncia das distintas formas de violencia de xénero. Unha á que lle presta especial atención é á relacionada coa prostitución. De feito, das mulleres prostituídas partirá parte da revolta. Non creo que sexa casualidade. Por que é así?

Creo que a prostitución é un caso evidente de escravitude. O heteropatriarcado confinou as mulleres en situación máis feble a esa escravitude. Casos próximos en Galiza como a operación Carioca, con forzas de seguridade presuntamente implicadas en trata e mesmo a posible desaparición dunha muller, terían sido inasumibles se falásemos doutro tipo de abusos, pero semella que si o son cando se fala de prostitución e de migrantes. Cando na novela decido dar voz a realidades subalternas, oprimidas, non podo deixar de ollar para a prostitución, para as migrantes e soñar coa revolta. 

Daniel Asorey © Jackson Renner

“Casos próximos en Galiza como a operación Carioca, con forzas de seguridade presuntamente implicadas en trata e mesmo a posible desaparición dunha muller, terían sido inasumibles se falásemos doutro tipo de abusos” 

Os piares do réxime son a familia tradicional, o crecemento económico infinito, o consumismo e a relixión. Tanto a obsesión coa familia tradicional como a súa outra cara, a violencia contra as mulleres ou as persoas trans, parecen unha advertencia contra os posibles retrocesos nese eido, se se impoñen certas forzas políticas. A desigualdade é unha realidade cada vez máis presente entre nós e o consumismo ou o crecentismo non precisan comentarios. Pode estrañar máis a escolla que fas da relixión como elemento de alieanación, aínda que non tanto se pensamos no contexto americano, por exemplo, e non só no europeo... 

Interésame a voz das mulleres, porque, como dixen algunha vez, escribo para tentar escoitar a voz de quen moitas veces foi silenciado. Creo sinceramente que ningún dereito conquistado está garantido para sempre e creo que esa vaga ultraconservadora actual vai decididamente contra as mulleres, que son convertidas el albo, só hai que escoitar o que di certos partidos sobre a violencia de xénero. 

“Creo sinceramente que ningún dereito conquistado está garantido para sempre e creo que esa vaga ultraconservadora actual vai decididamente contra as mulleres”

No tema dos dereitos, pensemos por exemplo nos EUA, co dereito ao aborto, legal dende o 1973, con todo, reflexionemos que estados como Alabama ou Misisipi impoñen na actualidade as chamadas Leis dos latexos, que non deixan de ser xeitos de restrinxir ou impedir ese dereito. Se nos dixesen hai dez anos que iso ía acontecer, non o habiamos crer. Por outra banda, a resistencia a determinados persoeiros coma Bolsonaro ou Trump parte en boa medida das mulleres, velaí por exemplo o Ele não

Daquela, claro que me interesa ese punto de vista, alén de que os debates feministas ou transfeministas son dos máis apaixonantes dos que se están a dar a prol da igualdade a nivel mundial, por iso a teoría de xénero é demonizada dende a ultradereita ou tamén dende moitas igrexas. E por iso tamén creo que o control que exerce a relixión é algo que non debemos esquecer. Dende o meu punto de vista, tendemos a ter visións excesivamente eurocéntricas e esquecemos o poder ou o rexurdir de certas relixións ou igrexas no mundo. 

“Tendemos a ter visións excesivamente eurocéntricas e esquecemos o poder ou o rexurdir de certas relixións ou igrexas no mundo”

Por circunstancias persoais teño a posibilidade de coñecer e me sentir moi próximo a lugares afastados de nós. A miña experiencia en América Latina, especialmente no Brasil, é aterradora. Cando os estados entran en crise, acaban xurdindo determinadas igrexas que ocupan e substitúen as estruturas sociais deses estados. Esas igrexas ocupan medios de comunicación e buscan o fundamentalismo cristián: sempre nos esquecemos del e pensamos eurocentricamente noutros fundamentalismos. 

“Cando os estados entran en crise, acaban xurdindo determinadas igrexas que ocupan e substitúen as estruturas sociais deses estados”

Certas cerimonias que describo na novela son case descricións exactas de ritos relixiosos que eu contemplei no Brasil. Sen o poder dos evanxélicos, Bolsonaro nunca gañaría. E non esquezamos, como dixen, que por aquí pretiño paseou un autobús ultracatólico que atacaba directamente a rapazada transxénero, a máis vulnerable. E iso é poder da relixión na actualidade. Ou é que non lembramos Gallardón e o seu proxecto de lei do aborto? Cal é a influencia de certas igrexas-seitas nos EUA? Que opina Trump de certas relixións fronte a outras? Que din boa parte dos parlamentarios europeos acerca do cristianismo como alicerce dos valores do noso continente? Por que certas igrexas teñen tanto poder preto de nós? Por iso, logo desas preguntas que me fago, creo que se entende mellor o que imaxinei acerca das relixións nesa distopía. Penso que só hai que ollar o mundo. É un tema que me apaixona. 

“Non esquezamos, como dixen, que por aquí pretiño paseou un autobús ultracatólico que atacaba directamente a rapazada transxénero, a máis vulnerable. E iso é poder da relixión na actualidade”

As Lexións están formadas, sobre todo, por pobres e estranxeiros (como na realidade). Tichborne é un personaxe ao que, desde o principio, vemos dubidar do que fai ao servizo do Imperio. Mais non é ningún heroe sen tachas, precisamente. Como creas este personaxe? (Facíame pensar nalgún caso real, coma a da soldado Manning). 

A historia deste personaxe é para min moi interesante. Como falei, aproveito case todos os personaxes dos meus textos para render homenaxes, dende Blau a Faheema. Con Tichborne fago unha homenaxe á historia real de Roger Charles Tichborne. Foi un caso que tivo moita repercusión na Inglaterra de mediados e finais do século XIX e eu coñecino por Borjes na súa Historia universal da infamia. Tichborne, un rico herdeiro, probablemente morreu afogado nun naufraxio, porén, súa nai puxo anuncios reclamando o fillo, a estes anuncios presentouse un home, un tal Orton, tamén chamado de Tom Castro, que foi aceptado por ela como fillo auténtico, pero finalmente declarado como impostor polos tribunais, que o condenaron á cadea. 

“Como falei, aproveito case todos os personaxes dos meus textos para render homenaxes, dende Blau a Faheema”

Dándolle este nome ao soldado que loita nas lexións quixen indagar na figura do impostor que todas e todos somos, moitas veces ao asumirmos un papel obrigado ou mesmo decidido. Ademais, algo que como escritor sempre me atraeu, é saber que pensa quen mata por uns supostos valores. Será que asume unha mentira ou cre niso? Sabaf e Tichborne son impostores, un asume o papel do Líder Supremo, mais sabe que non o é, e o outro descobre que mata por algo que vai comprendendo que é falso. Podemos rebelarnos contra o personaxe que creamos ou que crearon para nós? Podemos abandonar a impostura? Que mellor nome para el que o dun posible mentirán famoso! Só tiña que pedilo prestado. 

“Sabaf e Tichborne son impostores, un asume o papel do Líder Supremo, mais sabe que non o é, e o outro descobre que mata por algo que vai comprendendo que é falso” 

Outro dos piares do réxime é o control da tecnoloxía e a manipulación a través dela. Certo que a tecnoloxía que agora existe para espreitar a poboación nin a terían imaxinado os autores dos clásicos do xénero, mais non sei se resulta crible a unidireccionalidade (en canto a discursos) das redes sociais, por exemplo. (De feito, a rebelión móntase máis ben a través do tradicional boca a boca, coa creación dunha rede non virtual). Que quixeches subliñar, nese aspecto, das redes sociais?

Cando comecei a escribir o texto as redes non eran tan importantes e fun refacendo a novela para darlles máis peso e mesmo mudar a percepción que ía tendo delas. Deste xeito, ao pouco tempo de comezar a escribila xorden as “primaveras árabes”, con movementos e manifestacións convocadas a través de redes sociais, Whatsapp ou Facebook, por exemplo, e estas semellaban que podían ser un instrumento para a autoorganización. 

“Unha mesma corporación controla varias redes ao mesmo tempo. Nelas o negocio somos nós”

Porén, as redes sociais son propiedade de corporacións multinacionais que venden os nosos datos, empresas ás cales cedemos intimidades persoais gratuitamente e que controlan a información que recibimos. Alén diso, unha mesma corporación controla varias redes ao mesmo tempo. Nelas o negocio somos nós. Non debemos esquecer casos como os de Facebook e o escándalo de Cambridge Analytica, no que esta rede social vendeu datos para influír na opinión de electores a prol de certos políticos conservadores. Ademais, personaxes como Steve Bannon, co seu emprego das redes para as eleccións de Trump ou Bolsonaro, deixáronme ben claro que elas son basicamente instrumentos de control. Esa visión é moito máis clara na última versión da novela que nas primeiras. 

Transmatria’ e ‘As mulleres da fin do mundo’ permiten albiscar un final “feliz”, malia ser finais abertos. ‘Nordeste’ era máis pesimista... 

Non imos desvelar os finais das obras. Eu son pesimista porque creo naquilo tan repetido de que un pesimista é un optimista ben informado. Talvez hai unha diferenza entre esas obras, en ‘Nordeste’ pretendía fabular sobre unha República Galega nacida da Revolta Irmandiña e enfrontar ao lector coas súas posibles contradicións. En ‘As mulleres da fin do mund’o e en ‘Transmatria’, o proceso é inverso, presento esa realidade que un crítico cualificou como distopía inminente e decido chamar á revolta. Seguramente son demasiado inxenuo, pero escribir tamén é soñar. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.