Magín Blanco é un dos grandes talentos do pop-rock galego nas últimas décadas. Un artesán de cancións que dende os oitenta publicou grandes discos e grandes cancións, primeiro con La Rosa (La Rosa, Tren de azúcar, El sueño del camaleón...), despois en solitario (Ella, Realidad...) e tamén a dúo coa Burgas Beat (Clic). A fama nunca chegou, realmente, e moito menos a riqueza. Magín seguiu traballando nun serradoiro, e en 2011 un accidente laboral segoulle dous dedos, chegándose a dubidar de que puidese continuar facendo música, sobre todo tocando a guitarra. O impacto e a resposta do mundo musical galego pola fatalidade dun compañeiro tan querido foron inmediatos: chamadas, recoñecemento e un estupendo disco de tributo (Doutor Apertas), presentado no Felipop 2012.
Un pouco antes do accidente Magín Blanco gravara a música para o libro-cd infantil A nena e o grilo, editado por OQO en 2010. Uxía Senlle, Guadi Galego, Fred Martins, Quim Farinha e o propio Magín déronlle forma a un álbum que se acabou por converter en todo un éxito, e que tivo continuidade con A nena e o grilo nun barquiño, e que Magín e outros músicos presentaron en directo en ducias de espectáculos por teatros, auditorios, colexios e bibliotecas de toda Galicia. Magín demostrou que a música é música, que se poden facer grandes cancións, dirixidas ao público infantil, pero que lles gusten tamén aos adultos e que conteñan unha innegable calidade compositiva. Magín acadou, por fin, o recoñecemento merecido, e por vez primeira pode vivir do seu traballo como músico, creando ademais un estilo propio, un universo musical propio, naïf e cheo de cor. Falamos con el no descanso dunha sesión de gravación en Moaña.
Que estás gravando nestes momentos?
Estamos gravando un disco que, en principio, ía ser para bebés. Xa estreamos o espectáculo, e alí decatámonos de que iso era moi reducionista. Viñeron outros nenos máis maiores, e tamén o pasaron moi ben. Así que podemos dicir que o disco é para crianzas pequenas, de un a seis anos. O que pasa é que o disco o fixemos inspirado por un bebé, que é o fillo de Jorge e María; agora ten quince meses, pero comezamos a traballar nel, practicamente cando naceu. O que define o disco é que é o mundo visto a través dos ollos do bebé: é el quen canta a través de nós.
Ten título definitivo? Cando o poderemos escoitar?
Estamos gravando para ver se podemos editar o libro canto antes, antes do verán. Chámase Gatuxo, e para solucionar o problema do xénero -obviamente non iamos poñer unha arroba- fixemos un o que é tamén un a, así que tamén se pode ler como Gatuxa. E como as cancións cántaas o bebé en primeira persoa, ás veces é neno, e ás veces é nena. Cando canta María canta en feminino, como se fose unha bebé, e cando canto eu, canto en masculino. E as ilustracións non teñen xénero. As ilustracións fainas unha rapaza brasileira chamada Erica Maradona, que fixo un traballo cheo de cor.
Quen che ía dicir a ti hai 25 anos que estaría facendo con gusto, con éxito e con calidade música para nenos e nenas!
Si, quen mo ía dicir. Cando agora recapitulo sobre o tema, creo que hai algo que se me escapa. Sempre digo que cando gravei Ella, fun visitar a Gloria Van Aerssen (unha das dúas integrantes de Vainica Doble) á serra de Madrid, e gravamos unha canción con ela, que daquela tiña 75 anos, e empapeime do mundo de Vainica Doble. Fixémonos moi amigos, gravei tamén co seu fillo Álvaro de Cárdenas, que tocara en La Mode. Sempre digo que de aí me vén este achegamento ao mundo naïf este, e tamén por autores como Arnaldo Antunes ou Adriana Calcanhotto. Pero sería inxusto se non recoñecese que a primeira cousa que fixen para nenos ma pediu Uxía, para María Fumaça. Mandeille unha canción que finalmente non se publicou aí, e si en A nena e o grilo.
"Gatuxo é máis íntimo, seguindo o estilo de aCadaCanto, porque é o que buscamos, imitando esa relación íntima que pode ter unha crianza con seus pais"
Cada vez se publican máis e mellores discos dirixidos ao público infantil, e hai tamén cada vez máis espectáculos, e mesmo espazos específicos nos festivais pop. Que cambiou? Comeza a tratarse aos nenos e nenas como un público maior de idade, que pode apreciar a música pola súa calidade?
Están saíndo moitos produtos musicais para nenos, e máis que haberá, parece, porque Galaxia tamén se está especializando nese campo e xa creou un selo específico, o Gatipedro, mesmo co obxectivo de exportar as creacións. E non é fácil levar as cousas fóra. Antes xa había cousas: Oqo editara Contos en cantos, gravado en Casa de Tolos, onde tamén se fixo o Pelo gato vinte e catro. En xeral hai algo que funciona. Hai unha diferenza clara co que eu facía antes: os meus traballos de pop e de rock durante anos pasaban desapercibidos, e agora en cambio vólveme moitísimo feedback. E funciona tamén en directo: cada vez que actuamos énchense os teatros. Non sei cal é a explicación. Pode que como cada vez hai menos nenos, os nenos son moito máis mimados que antes. Na miña casa eramos sete irmáns; non había tempo para mimar a ninguén. A paternidade e maternidade converteuse nunha especie de dedicación case exclusiva, e por iso lévanos a espectáculos, mércanlles libros.
"Na miña casa eramos sete irmáns; non había tempo para mimar a ninguén. A paternidade e maternidade converteuse nunha especie de dedicación case exclusiva"
Fas cancións que lles gusta aos nenos, pero que pola calidade musical e os referentes que incorpora, pódelle gustar a calquera persoa...
É que nós seguimos facendo música, igual que antes. E cos nenos non falo de música, e si que o fago cos adultos. A min apetéceme que haxa un contido musical do que poida falar coa xente maior. Véxome na obriga de que o que faga me guste, e para que me guste ten que ser digno.
"A miña capacidade para tocar a guitarra é moi limitada, comparada con como era hai uns anos, pero a min antes custábame moito sintetizar, perdíame. A agora a miña incapacidade obrígame a concretar, estou máis centrado"
Como é o teu proceso de creación? Cambiou moito ao que tiñas hai dez anos, cando facías outro tipo de cancións?
Vai cambiando. No disco anterior, A nena e o grilo nun barquiño, non gravei practicamente ningún instrumento, só a voz. E neste disco, Gatuxo, gravei eu todas as guitarras, e ademais a guitarra é o instrumento base. A miña capacidade para tocar a guitarra é moi limitada, comparada con como era hai uns anos, pero de igual maneira, hai que dicir que a min antes me custaba moito sintetizar, perdíame. A agora a miña incapacidade obrígame a concretar, estou máis centrado. Tamén estou máis centrado grazas a que agora, por primeira vez, me dedico profesionalmente á música. Antes non podía. En canto ao proceso de creación en si, ti sabes que os creadores somos un pouco vampiros, temos que estar continuamente buscando o lugar no que xurda a inspiración, o lugar físico e tamén a situación persoal que nos inspire. Eu estou continuamente buscando inspiración. Cando estou con Jorge Juncal e María Faltri, tocando e gravando, van saíndo as cousas. Despois é só cousa de escribir e concretar. O que si intento é que cada disco me dea as pautas coas que traballar, que sexa un pouco conceptual. Gatuxo é máis íntimo, seguindo o estilo de aCadaCanto, porque é o que buscamos, imitando esa relación íntima que pode ter unha crianza con seus pais. En cambio, cando fixemos A nena e o grilo nun barquiño, quixen que fose máis pop, porque vía que en Galicia había algúns traballos máis vencellados á música tradicional, pero poucos cerca do pop. Non hai un método, en cada traballo é distinto.
Compós ou tes na cabeza outro tipo de cancións, digamos para adultos. Ou tes cando menos ganas de facer un disco así?
Na música, tan importante como o proceso creativo, é o feedback. Se fixese outro tipo de música seguramente non recibiría de volta todo o feedback que estou recibindo agora con estes discos infantís. Non me vexo facéndoo, tería que ter unha banda que fose moi boa, e iso hoxe en día é complicado. Se alguén me chama para pedirme unha canción para un disco concreto, fágoa, pero en principio estou centradísimo nisto. Tampouco me apetece facer pop-rock, seguramente apostaría por facer algo un chisco distinto. Pero en realidade atópome moi a gusto no que fago, tamén porque sempre fago guiños para o público adulto, musicalmente ou non temas que trato, por exemplo as referencias ás bibliotecas que hai en Don Ramón.
"Atópome moi a gusto no que fago, tamén porque sempre fago guiños para o público adulto, musicalmente ou non temas que trato"
E cun gran éxito en vivo, tamén...
Ao vivo movémonos máis no mundo do teatro que no mundo da músico. A xente está en silencio, escoitándote. Temos un compoñente teatral que sempre nos quita moito peso de enriba, grazas ao que os músicos non temos que ser os animadores da festa, simplemente temos que facer o ambiente no que se desenvolve a festa. Iso a min quítame moita responsabilidade, porque tampouco me sinto demasiado animador. De feito, fago bolos eu só, en bibliotecas, e tócame animar, e non é o meu.
Ides presentar os discos e os espectáculos fóra de Galicia?
Si que estamos tentando saír fóra. Imos tocar agora en Xixón e Ponferrada, hai pouco editouse o disco en castelán, La niña y el grillo en un barquito. Trátase simplemente de dar un salto para ampliar os lugares nos que poder tocar.
Sentes que estás recibindo agora o recoñecemento e o éxito que merecías e que durante 30 anos no mundo da música non recibiches?
Eu o que creo é que se deron as circunstancias, simplemente. A min gústame moito o meu disco Ella, pero o certo é que tampouco nunca tiven unha banda estable. O mundo da música non é só facer cancións. Para que un artista funcione e funcione ben hai que ter unha banda estable, hai que moverse moito, tes que ter unha boa axencia que te mova... O recoñecemento foi o que tiña que ser, sinxelamente. Agora hai máis, pero é circunstancial. Tamén depende de todo o traballo de promoción e distribución que hai.
"Para que un artista funcione e funcione ben hai que ter unha banda estable, hai que moverse moito, tes que ter unha boa axencia que te mova... O recoñecemento foi o que tiña que ser, sinxelamente"
Tres anos despois do teu accidente, e con todo o que che pasou dende entón, como ves ese proceso, xa cun pouco de distancia?
Ás veces reflexiono sobre iso, falando con amigos, e xa non sabes se foi fortuíto ou se provocaches ti o accidente. Foron dous anos de baixa, dous anos de paciencia, pero despois todo foi medrando cara arriba. No disco anterior non podía tocar ningunha guitarra, e agora estounas tocando todas. Todo foi como renacer, dedícome ao que me gusta e por primeira vez podo vivir da música, despois de toda unha vida de traballar noutras cousas. Non hai mal que por ben non veña, podemos dicir.
"Foron dous anos de baixa, dous anos de paciencia, pero despois todo foi medrando cara arriba. No disco anterior non podía tocar ningunha guitarra, e agora estounas tocando todas. Todo foi como renacer"
E, por último, poderías recomendar un ou dous discos? Que música escoitas ultimamente?
A forma de escoitar música cambiou moito, pero hai unha cousa que non me cambiou en absoluto dende que comecei a escoitar música, que é a radio. Son fiel a Radio3 dende os 15 anos e segue sendo a miña forma principal de escoitar música. Xa escoitaba daquela a Ramon Trecet, que facía un programa de rock polas tardes. E agora levántome ás seis da mañá para escoitar Músicas Posibles e despois póñoa . E por recomendar un disco, recomendaría o novo de María Fumaça, Xiqui-xoque, que vai saír en maio, e no que se nota unha evolución creativa, con composicións máis coitadas. E Petit Pop, que é xente da xeración do Xixón Sound, de Penelope Trip, Nosoträsh, Undershakers..., que agora xa teñen nenos e fan música para nenos e fixeron un disco, No me gustan los lunes, que é unha marabilla