O achado de numerosas tumbas de diferentes épocas revela os segredos do convento de Santa Clara

Traballos realizados en Santa Clara © Deputación de Pontevedra

Os traballos arqueolóxicos que dende o mes de xullo se levan a cabo no convento de Santa Clara, en Pontevedra, continúan a ofrecer intetresantes resultados e un gran número de achados de gran valor histórico. A finais do pasado ano o Concello de Pontevedra fíxose co convento de clausura despois de 750 anos e un acordo entre o Concello e a orde relixiosa pechou a etapa relixiosa do conxunto de edificios e xardíns para abrir unha nova como espazo público. Así o detallamos nesta reportaxe.

As escavacións están a localizar numerosos enterramentos en moi diferentes espazos da finca e das construcións

As escavacións están a localizar numerosos enterramentos en moi diferentes espazos da finca e das construcións, mesmo a diferentes niveis: na horta, no claustro, na igrexa, na entrada baixo o cemento, no refectorio vello ou no coro baixo. Polo de agora están escavadas unhas 40 tumbas, mais calcúlase que os enterramentos foron masivos polo que a decisión será non abrir todos, senón localizalos por xeorradar e só abrir os que se consideren máis representativos.

Traballos arqueolóxicos en Santa Clara © Deputación de Pontevedra

Tamén se detectaron diferentes técnicas mortuorias segundo a época na que se fixo o sepelio. Nalgúns casos os corpos están dentro de caixas de madeira e noutros simplemente nun sudario. Así mesmo, parece estar documentado que tamén hai enterramentos de xente allea ao convento, que acabou dentro do recinto por ter feito algunha cesión no seu testamento a cambio do enterramento no lugar, ou ben por colaborar coas monxas dalgunha maneira. 

A información sobre os corpos, a maneira en que estaban dispostos, a súa localización, servirá para facer unha primeira achega ao modo de vida do convento

A información sobre os corpos, a maneira en que estaban dispostos, a súa localización, servirá para facer unha primeira achega ao modo de vida do convento. A maiores tamén se realizarán as analíticas forenses dos ósos, que probablemente estarán finalizadas a finais de ano ou primeiros de 2023. César Mosquera, presidente en funcións da Deputación de Pontevedra, destacou este mércores que os avances son continuos e a equipa arqueolóxica terá suficiente documentación nas vindeiras semanas para realizar unha primeira reconstrución cronolóxica de como era a vida no convento e a evolución da construción nos seus 750 anos de historia.

Algúns dos achados realizados nos traballos que se levan a cabo en Santa Clara © Deputación de Pontevedra

Xa na primeira semana dos traballos, saíron á luz máis de 2.000 restos cerámicos, así como construcións como pavimentos e canalización de auga soterradas

Xa na primeira semana dos traballos, saíron á luz máis de 2.000 restos cerámicos, así como construcións como pavimentos e canalización de auga soterradas. Entre os elementos máis destacados dos traballo están a aparición dun pavimento ao carón do cemiterio do convento; pode corresponderse cun patio ou un claustro secundario,  aínda que está por datar e determinar se era un espazo de interior ou exterior. O que si indica é que esa zona (agora bosque), era un espazo construído. 

Santa Clara “non foi un espazo monolítico, senón que as transfomacións nestes oito séculos foron grandes"

Tamén se descubriu unha canalización de auga, xa que na zona había bastantes mananciais, mais está por determinar se era de abastecemento para interior do convento ou para o exterior. Prevese ampliar esta cata para obter máis información. Xa no interior do edificio do século XVIII apareceu unha construción (posiblemente un muro) a escasos 50 centímetros do muro de peche do edificio actual que posiblemente correspóndese cunha edificación anterior, aínda por datar.

Algúns dos achados realizados nos traballos que se levan a cabo en Santa Clara © Deputación de Pontevedra

O director do Museo de Pontevedra, José Manuel Rey, explicou que os traballos amosan que Santa Clara “non foi un espazo monolítico, senón que as transfomacións nestes oito séculos foron grandes e permitirán definir as fases construtivas”. Tamén lembrou que os distintos achados se se van atopando “xa nos fixo cambiar a idea inicial que tiñamos de como puido evolucionar o convento”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.