O barrio compostelán de San Pedro, convertido en arte no CGAC

Unha imaxe do barrio de San Pedro © Manu Suárez

Na exposición No espazo e na voz lemos o tempo cinco artistas amosan os traballos realizados no taller sobre o barrio dirixido por Claudio Zulian entre 2022 e 2023

Entre outubro de 2022 e febreiro de 2023 tivo lugar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) Vidas, unha exposición individual do artista e cineasta Claudio Zulian que se centrou na produción dun novo traballo inspirado no barrio de Vite, en Santiago. A mostra tivo como corolario un taller de artista, concibido como un espazo de reflexión, experiencia e creación sobre o tecido urbano e as comunidades que o habitan. Ao estar o CGAC situado no barrio de San Pedro, parecía lóxica a elección desta veciñanza como obxecto do taller.

Agora o CGAC ofrece o resultado dese taller na exposición No espazo e na voz lemos o tempo, que inclúe os traballos de cinco dos participantes, que amosan a súa ollada sobre o barrio. A mostra pode verse na entrada e no hall do museo ata o 21 de setembro.

Tres das pezas incluídas nesta mostra —os traballos de Noemí Moisés Méndez-Benegassi Gamallo, Irina Malyuchenko e Candela Conde— son obras videográficas; Ramón Yoshimura, pola súa banda, produciu unha serie de fotografías e Silvia G. Armesto, un conxunto de debuxos a carbón e acuarelas sobre papel.

Con obras videográficas, fotografías e debuxos a carbón e acuarelas sobre papel, Noemí Moisés Méndez-Benegassi Gamallo, Irina Malyuchenko, Candela Conde, Ramón Yoshimura e Silvia G. Armesto achegáronse á contorna na que se insire o museo

Este proxecto insírese nunha liña de traballo do CGAC que promove a participación do público e a conexión cos potenciais usuarios e usuarias do museo, coa veciñanza e cos barrios non monumentais da nosa cidade, alicerces fundamentais da armazón urbana que manteñen viva a cultura popular contemporánea.

Ao longo dunha semana, unha serie de discusións permitíronlle ao grupo de participantes no taller sentar co artista unhas bases comúns de actuación que, desde o visual, lles permitisen abordar a complexa realidade do barrio. Atendendo ás demandas das persoas participantes, tanto o artista como o museo mostráronse de acordo en ampliar a duración do taller e estender as sesións de traballo ao longo de todo un ano. Esta decisión permitiu madurar mellor un conxunto de proxectos susceptibles de conformar un fresco do barrio e traducirse máis tarde a un formato expositivo.

No taller propúxose unha lectura da cidade como organismo complexo co obxectivo de mergullarse nas diferentes historias (sociais, políticas, urbanísticas, locais ou globais) que poboan a urbe

No taller propúxose unha lectura da cidade como organismo complexo, e utilizouse como ferramenta primeira o concepto de experiencia estética. A partir de aí, o taller desenvolveuse cun dobre obxectivo. Por unha banda, mergullarse nas diferentes historias (sociais, políticas, urbanísticas, locais ou globais) que poboan a cidade e reflexionar coidadosamente sobre como se diferencian as experiencias estéticas dos seus habitantes (algúns detalles dos edificios, por exemplo, non os vemos porque non nos parecen significantes). 

Por outra banda, cada unha das persoas participantes no taller foi convidada a activar a súa propia cultura —experiencial, visual, literaria, filosófica…— para así poder ler o barrio e, ao mesmo tempo, tecer un diálogo cos veciños e coas veciñas no propio acto de observar.

Festas do Barrio de San Pedro © http://fbsp.info/

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.