O CDG celebrará o seu 40 aniversario cunha programación na que destaca un espectáculo de produción propia e gran formato, que incluirá a presenza de 20 actores e actrices en escena
O Centro Dramático Galego naceu en 1984 co obxectivo de "contribuír á normalización e regularización da actividade teatral galega". Así, en 2024 celebrará o seu 40 aniversario, catro décadas nas que estreou un cento de obras dende as iniciais Woyzeck e Agasallo de sombras, e farao cunha programación na que destaca un espectáculo de produción propia e gran formato, un dos máis ambiciosos da historia do CDG, que incluirá a presenza de 20 actores e actrices en escena.
Este espectáculo, que se estreará en abril, estará dirixido por Tamara Canosa. Antes, en xaneiro, poderase ver a reposición de Terceiro acto, obra dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e estreada coas limitacións propias da pandemia en abril de 2021.
A obra, ademais, explorará novas vías para a creación escénica grazas ás residencias artísticas internacionais que se desenvolverán co proxecto europeo Phone
O Diario Oficial de Galicia publicou este luns o anuncio do proceso de selección dos integrantes do elenco, en tanto que as bases do procedemento se poden consultar na páxina web da Axencia Galega das Industrias Culturais. A montaxe xoga coas premisas que rexen os talent shows, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. A competitividade, as expectativas da superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio son algunhas das coordenadas deste tipo sobre as que pivotará unha produción.
A obra, ademais, explorará novas vías para a creación escénica grazas ás residencias artísticas internacionais que se desenvolverán co proxecto europeo Phone, no que participan de xeito transversal distintos departamentos da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e outras entidades teatrais galegas.
Antes, en xaneiro, poderase ver a reposición de Terceiro acto, obra dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e estreada coas limitacións propias da pandemia en abril de 2021
A traxectoria de Tamara Canosa (A Coruña, 1983) abrangue tanto o traballo no audiovisual como na escena. Participou en series televisivas como Valderrei ou A vida por diante e en fitas como Heroína ou Pradolongo, pola que recibiu o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina. En teatro, como actriz participou en producións como A pensión, de Redrum Teatro, e exerceu a dirección en espectáculos como Liberto ou Amantis, ambas as dúas con Rebordelos (produtora propia que encabeza xunto a Xacio Baño), e Soños, de Culturactiva.
Reposición de Terceiro acto en xaneiro
O CDG rescata a montaxe polo seu significado de homenaxe á historia do noso teatro, xa que o seu elenco reunía a Mabel Rivera, Belén Constenla, Fernando Morán, Roberto Leal e Eduardo R. Cunha Tatán como representantes da xeración que emprendeu a profesionalización do sector escénico en Galicia
O Centro Dramático Galego recuperará en xaneiro Terceiro acto, obra dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e estreada en abril 2021. A súa exhibición, realizada integramente no escenario do Salón Teatro, produciuse nunha época de restricións na actividade escénica por mor da crise sanitaria derivada da covid-19.
A Xunta rescata a montaxe por ese motivo e tamén polo seu significado de homenaxe á historia do noso teatro, xa que o seu elenco reunía a Mabel Rivera, Belén Constenla, Fernando Morán, Roberto Leal e Eduardo R. Cunha Tatán como representantes da xeración que emprendeu a profesionalización do sector escénico en Galicia. Todos eles volverán encarnar o espectáculo en 2024.
Terceiro acto volverá en xaneiro así ao Salón Teatro e xirará por Galicia ao longo do segundo semestre do vindeiro 2024
Terceiro acto volverá en xaneiro así ao Salón Teatro e xirará por Galicia ao longo do segundo semestre do vindeiro 2024. Neste 40º aniversario, ademais de traer de novo a cartel Terceiro acto e de estrear a montaxe dirixida por Tamara Canosa, o Centro Dramático Galego continuará coa súa labor a prol da accesibilidade e da territorialización da súa actividade anual. Esta dinámica incluirá, entre outras iniciativas, a coprodución dun espectáculo de pequeno formato que percorrerá numerosos concellos de Galicia no vindeiro 2024, ano en que tamén cumprirán 25 anos desde a reapertura do Salón Teatro como sede do Centro Dramático Galego.