O proxecto dirixido por Tamara Canosa interpela a 'Xeración Z' para que reinterprete a obra de Rosalía e brinda unha nova oportunidade de adentrarse na súa obra, a través dos audiolibros coordinados por Xosé Barato
Alegre, forte e indomable. Empática, conectada co seu tempo. Rompedora. Unha punky na súa época. Feminista antes do feminismo. Ecoloxista antes do ecoloxismo. Así describe Tamara Canosa a Rosalía de Castro, á que nos anima a descubrir ″máis alá do académico″ a través de ′Es ti que cantas′, o proxecto que dirixe desde Rebordelos e co que pretenden abrir unha nova fiestra para que nos acheguemos á poeta e á súa obra.
′Es ti que cantas′ quere chegar á xeración z cun concurso no que se apropien das obras de Rosalía e ten elaborada unha unidade didáctica para traballar sobre a poeta nas aulas. Ademais, presenta os poemarios Cantares Gallegos e Follas Novas, e mais o relato Contos da miña terra en formato audiolibro. E da man do cineasta Xacio Baño bríndanos a oportunidade de asomarnos de verdade ás fiestras que habitou ao longo da súa vida.
"A xeración z ten uns valores que vemos perfectamente reflexados na obra de Rosalía", di Tamara Canosa
″Cando eu estudaba, Rosalía era só a muller nostálxica da escultura que hai en Santiago de Compostela, a da Negra Sombra. E si, claro que si. Pero a súa obra é tamén política, contestataria e inconformista. Isto é moi poderoso e moi empoderante. Todo isto, ademais, é compatible con que fora alegre. Estaba moi conectada co seu tempo, e daquela os nenos andaban descalzos pola rúa e morrían de frío debaixo dunha ponte e ela vía iso. Ese pesar está na súa obra porque estaba nos seus ollos, pero ela o expresaba con moitísimo poder. Nós queriamos reivindicar e celebrar esa Rosalía″, debulla Tamara Canosa.
O chamado á xeración z comeza precisamente este 23 de febreiro, data na que agora sabemos que naceu Rosalía de Castro en 1837. "Tiñamos claro que cando aprendes algo de verdade é cando fas ti esa descuberta, por iso queriamos incentivar que as rapazas e os rapaces se achegaran a Rosalía pola súa conta e que a experimentaran eles desde as súas linguaxes e as súas ferramentas", conta a directora.
Por iso, o concurso #ESTIQUECANTAS está enfocado á rapazada de entre 12 e 18 anos e se desenvolverá en Instagram e Tik Tok. Trátase de que graven calquera tipo de vídeo no que interpreten a obra da poerta en galego desde o seu ollar.
Os vídeos serán case como clips, de menos de 60 segundos de duración, e poderán pendurarse nestas redes sociais ata o vindeiro 15 de marzo. Un xurado formado pola poeta Lucía Aldao e as tiktokers Prado Rúa e Malva dará a coñecer os nomes das gañadoras e gañadores o 21 de marzo, no Día internacional dos bosques e da poesía.
"Esta xeración ten uns valores que vemos perfectamente reflexados na obra de Rosalía", incide Tamara Canosa coa vista posta no compromiso co ecoloxismo, o feminismo e a diversidade. "Pensamos que había que presentalos".
Como di Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, a poeta representa a oralidade máis pura. Esa que se recupera cos audiolibros dispoñibles no sitio web do proxecto. ″Os audiolibros non están pensados só para as novas xeracións, supoñen unha nova experiencia coa obra de Rosalía para todas as persoas. Pensamos que ler a súa obra impresa é un camiño que moitas xa percorremos e que escoitala, coa súa musicalidade, é a Rosalía pura″, defende Tamara Canosa.
Xosé Barato é o director artístico destes primeiros audiolibros da obra de Rosalía de Castro e Rocío González, que leva moitos anos interpretando obras escritas en audio para persoas cegas, é quen os interpreta. ″A poesía ten moito sentido neste formato porque ten unha carga moi forte, polo menos no caso de Rosalía, de musicalidade e rítmica″, di Barato.
"Canto máis te metes nos versos de Rosalía, máis ves a musicalidade", salienta Xosé Barato
″Rosalía converteuse nunha figura tan icónica e de tal relevancia na nosa cultura –que incluso traspasou todos os niveis ata converterse nunha icona pop– que, ás veces, semella que a personaxe se comese a obra. Entón, todo o que se fai arredor de Rosalía faise con moito respecto –e hai que facelo así– pero tamén hai que debater e volver cara ao punto no que ela conta as cousas nos seus poemas. Como intérpretes da súa obra, tócanos trasladar a esencia do que a autora quixo transmitir″, sinala Barato.
O actor e intérprete conta que enfrontaron o reto con liberdade e trataron os poemas como unha partitura. "Canto máis te metes nos seus versos, máis ves a musicalidade", destaca sobre o proceso no que lle atoparon o xeito ao texto, como fan os actores nas obras de teatro.
"Hai xente que, mentres le, pon voces na súa cabeza segundo os personaxes. É moi curioso como trasladamos a grafía a ideas no noso cerebro para comunicarnos con nós mesmos. Cando se fai un audiolibro hai que intentar que haxa un espazo para que o lector/ouvinte poña da súa parte e poida completar o proceso e imaxinar. Moitas veces é un traballo máis de evocar e suxerir que de dar as emocións moi mascadas", describe Xosé Barato.
As fiestras de Rosalía
Xacio Baño filmou o que se ve hoxe desde as fiestras das diferentes casas nas que viviu Rosalía. Resulta imposible non lembrar esa frase que se lle atribúe nos seus últimos momentos de vida, cando desde a súa cama na Casa da Matanza en Padrón di "abride esa fiestra, que quero ver o mar".
Tamara Canosa lembra que a poeta tivo unha vida nómade, e que nunca chegou a ter unha casa propia. "Desde a infancia estivo dun sitio para outro e iso marcouna, a influencia da paisaxe marca toda a súa obra. Todos vivimos mudanzas e sabemos o desarraigo e a pegada que deixan", conclúe a directora de 'Es ti que cantas', que se leva a cabo grazas ao financiamento da Deputación da Coruña a través dunha liña de axudas para empresas cun especial valor cultural.