Miguel é un rapaz que, coma moitos outros adolescentes, vive para conseguir seguidores nas redes sociais. Un día é castigado no instituto por gravar un vídeo humillante para un profesor. Outro día é el mesmo vítima dunha agresión que é rexistrada en vídeo e compartida nas redes sociais. A partir de aí, todo se vai complicando. O patriarcado e as formas de relacionarse que este crea acaban agromando onde Miguel menos o agarda. Porque ata entón non fora nin consciente da violencia. Polo que terá moito que andar para, simplemente, decatase de que hai outras formas de ser home e de ter amigos. Diso vai Amantis, de Rebordelos, que vén de pasar polo Teatro Principal de Santiago. Falamos coa súa directora, Tamara Canosa.
Como comezou o proxecto de Amantis?
Non sabería precisar, pero era unha idea á que ter un fillo deulle unha forma definitiva. Tanto Xacio Baño coma min tivemos adolescencias “movidas”, polo que sempre queda aí unha ferida. Queriamos falar diso, da adolescencia. E tiñamos que facelo dentro dunha produción que fose asumible para Rebordelos. Pensando sobre a diferencia entre as nosas adolescencias e as de hoxe, tiña todo o sentido falar do mundo dixital, co seu individualismo, polo que tamén encaixaba que houbese unha soa persoa en escena. Ter un fillo determinou a idea de falar de adolescentes, pero falándolles a eles. Tendo en conta as dificultades que nós tiñamos para educar o noso neno no feminismo. Ten tres anos e medio e flipábanlle os unicornios. Un día chega da escola dicindo que os unicornios son de nenas, e ademais iso é algo malo. Queriamos falarlles a eles especialmente, aos adolescentes, porque as redes son unha máquina de triturar os vimbios máis básicos da igualdade.
A pornografía é aí un elemento que marca unha diferencia xeracional clara. O sexo é fundamental no desenvolvemento da personalidade, e máis na adolescencia. A pornografía crea un imaxinario de violencia que inflúe nas formas de relacionarse dos adolescentes. Investigando sobre o tema, atópaste con auténticas películas de terror. Nenas que chegan ao hospital con desgarros con 13 anos… E falo de pornografía mainstream heteronormativa. Que hai outra, pero é de pago.
Como foi ese proceso de documentación sobre o tema?
Os nosos procesos son longos. Fun lendo cousas. Primeiro, teatro escrito por adolescentes. Todas esas ideas de: a min non me importa o que pensen, eu son eu… Tentei atopar os fíos comúns que unían esas ideas. Tamén lin bastantes libros sobre como xestionar a adolescencia. Ou informes sobre pornografía e outras cousas. E falamos con moitos adolescentes. De feito o vídeo que poñemos ao final está feito con estas entrevistas, Queriamos escoitalos falar de como se ven, que agardan do futuro… Os seus soños e aspiracións.
Como escollestes a Roque Ruíz para interpretar o papel?
Primeiro decidimos falar da adolescencia e que o proxecto ía ser unipersoal. Non é fácil atopar rapaces que poidan soster un proxecto así. Rapazas hai máis, pero non rapaces. Estivemos vendo material da asociación de actores, de representantes, etc. Había unha serie, El desorden que dejas, na que estaba Roque. Vimos que era carismático, que podía encaixar. Tamén tiña que haber conexión entre nós, porque ía ser unha dirección unipersoal. El nunca fixera antes teatro profesional. Empezamos a probar, fixemos unha estrutura dramática tendo o actor xa en mente. A partir desa estrutura traballamos con improvisacións. E logo Xacio e eu xa sentamos a escribir o texto. E despois xa comezamos os ensaios.
Amantis fala de bullying, de ghosting, de pornografía e videoxogos violentos… Detrás de todo está o patriarcado.
“Hai unha violencia normalizada na adolescencia que me preocupa moito. E sinto que niso é a xeración máis vulnerable de todas”
Eu tampouco racionalizo tanto e detrás están sempre, claro, as propias feridas. A miña mirada sempre está aí, pois é unha ollada desde a consciencia feminista. De cabreo tamén, pero evitando o mitineo. O noso fillo volve da escola con saídas e expresións que nos preocupan, E cando sexa adolescente vai seguir pasando. O porno e os videoxogos normalizan unha violencia machista e misóxina. No Call of Duty, que ten xa dez anos, e que sae en Amantis, o personaxe pode ser proxeneta, podes matar prostitutas…
E é un videoxogo moi popular na adolescencia. Eu pregúntome, a xente sabe a que xogan os seus fillos? Hai unha violencia normalizada na adolescencia que me preocupa moito. E sinto que niso é a xeración máis vulnerable de todas. A que o ten máis difícil. E paréceme terrorífico. No bólo de Santiago unha rapaza dicíanos que lle parecera unha película de terror. O patriarcado está detrás dun imaxinario que fai crer, por exemplo, que ás rapazas non lles gustan certas prácticas sexuais, é porque son unhas fríxidas. E eu vexo unha solución non tan difícil, pero non vexo vontade de solucionalo.
O personaxe é agresor e agredido ao mesmo tempo. A violencia que normaliza e practica vólvese contra el. Iso fai a obra máis interesante.
“Os rapaces tamén sofren o patriarcado, aínda que as mulleres levemos a peor parte”
O usuario máis seguido de Tik Tok, Naimdarrechi, é un rapaz misóxino e machista que presumiu de exacular dentro sen permiso. E ten millóns de seguidores. Os rapaces tamén sofren o patriarcado, aínda que as mulleres levemos a peor parte. Esa obriga de ter que estar sempre facendo de macho alfa. A determinadas personalidades sentaralles como unha luva, pero á maioría failles sufrir. Colócaos, si, na posición de agresor e de vítima que ten que sorrir e finxir que non lle importa cando exercen violencia sobre eles. Porque a todos nos manca o patriarcado, e a eles tamén. Que che digan desde sempre o que tes que querer ser, manca. O noso personaxe vaise achegando algo á súa amiga Ana, vai dando pequenos pasos, pero non consegue desfacerse do patriarcado así tan fácil. Nin as persoas máis conscientes poden. E agora mesmo hai moitos rapaces que asumen un discurso antifeminista.
Un dos temas de fondo é a identidade. Quen queres ser e quen non. O personaxe fala co público diso.
Porque unha das preguntas é como inflúen as redes na creación da propia identidade. Ese é un dos asuntos fundamentais na adolescencia. Atopar quen es. É o punto de inflexión no que ou atopas quen es ou quizais xa non o atopes nunca. Ou atopas o teu propósito ou vas dando bandazos… Un adolescente hoxe ten que querer ter followers. Ter followers como fin en si mesmo. E para iso tes que facer un determinado tipo de vídeos, ter un determinado tipo de estética, de casa, de discurso…E penso que así é máis difícil atopar quen es. Agora é 24/7 a obriga de converterte nun personaxe influínte. E penso que é máis difícil atopar o teu espazo se está enchido polas redes. As redes tamén teñen cousas boas, como facerche sentirte acompañado se non tes un perfil heteronormativo, etc. Pero as redes son deixan de ser un negocio que funciona a base de facer que te sintas insatisfeito para que sigas consumindo.
É unha obra bastante espida, coma a anterior que fixestes, Liberto. É teatro de actor, con pouca escenografía…
Igual iso tampouco é unha decisión moi consciente. Sempre me centro moito nos actores, nos porqués… E iso fai que o resto dos elementos se vaian disipando, De entrada tampouco formulei unha escenografía que estivese moi presente. Os procesos lévanme a centrarme nos actores. Pero tampouco é un mandamento. Quizais máis adiante fago outra cousa.
O personaxe interactúa bastante co público. A ruptura da cuarta parede é moi normal hoxe, pero non sempre sae ben. Neste caso si funciona.
“As redes son iso: unha persoa falándolle ao mundo, dicindo o que é ou o que quere ser”
Iso faise un pouco por intuición porque, claro, nos ensaios non tes público. Roque ten carisma e non lle dá medo falar co público. Ao ver que el se desenvolvía ben, mantivémolo. E iso facilita ao público querelo. Porque ao principio compórtase como un flipado ao que só lle importa ter followers, que pensa que o fai súper ben… Pero chega un momento no que o agriden nos baños do instituto. E despois desa agresión baixa a onde está o público. E eu quería que o público sentise a súa ferida. Logo hai un momento no que el fala en directo e vese a súa cara na pantalla. Os chavales entran moi ben aí. É el falando co público. As redes son iso: unha persoa falándolle ao mundo, dicindo o que é ou o que quere ser.
Como reacciona o público adolescente ante a obra?
Nós collemos a conta de instagram de amantis_oficial sen intención de xestionala moito. Pero os seguidores que ten son adolescentes que viron a obra. De cada función que temos, máis ou menos un terzo segue a conta, fálalle a Roque… Os rapaces entran a distintos niveis. Igual nun principio están máis vacilóns, máis pasotas, pero logo faise o absoluto silencio, aplauden no medio da función, escóitanse uns aaaahhhh! de susto cando ao personaxe lle pasa o que lle pasa… É un carrusel de emocións. E a escena da separación dos pais é unha das que máis os golpean. Buscan o personaxe, escríbenlle, pregúntanlle se o que conta lle pasou a el… O que pasa é que non hai un circuíto moi estable de teatro para adolescentes.
O personaxe é agredido polos seus amigos, ou polos que consideraba os seus amigos.
“Todo o mundo tende a exculparse, a non asumir que é parte do problema”
É que moitas veces non é fácil decatarse do que é violencia e do que non o é, cando a violencia está normalizada. Ademais o máis fácil é pensar: que malos, eu non son así, os malos son os outros. A cuestión é que se fagan conscientes do que fan eles, do grao de violencia, de machismo, etc, que están asumindo. Igual ti non agrides a un compañeiro pero ris cando outros o agriden. E todo o mundo tende a exculparse, a non asumir que é parte do problema. Por iso nós quixemos enfocalo poñéndolle a el a etiqueta de culpable e de inocente. Ademais eses ritos unen moito, polo que é difícil saír deles. E tamén é difícil facer que os adolescentes o vexan doutro xeito. Porque a pouco que lles digan xa se poñen á contra.
Tamén é bo que se faga desde a perspectiva dun rapaz. Hai outras pezas teatrais que tratan o mesmo tema desde a ollada feminina.
Cando traballamos a escena na que Roque é agredido ns baños, eu preguntáballe, xa que é moi deportista, se nunca vivira unha situación de rito masculino na que tivese que finxir que as agresións non lle molestaban, que lle estaban facendo gracia. Porque así funciona: non teñen que ter medo. E hai estudos que relacionan con isto a incidencia da violencia e a mortandade nos homes. Con esa construción da masculinidade. Agora empeza a construírse outra masculinidade. Homes que se tocan, que se abrazan, que se coidan, que se relacionan doutra maneira. O camiño que percorre o noso personaxe ten que ver con iso, con aprender que hai outras formas de relacionarse e que a amizade é outra cousa. Ademais os estudos mostran que hai un retroceso nisto, no machismo dos adolescentes. Nós o que tentamos é achegarnos a eles, dentro do que podemos facer como Rebordelos. Para iso fixemos esta peza. Mágoa que non a visen máis adolescentes. Queríamos falarlles con proximidade de algo co que poidan identificarse e que lles dea para reflexionar.