"A palabra pode ser tamén pomba da paz": o Festival Atlántica reivindica a memoria como amuleto protector

Unha actividade do Festival Atlántica nunha fotografía de arquivo © Festival Atlántica

"Cada conto, cando é verdadeiro, arrecende como unha flor, abrindo camiños no ar para aqueles que prenden o sono con medo", asegura Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica, en marcha ata o 6 de xullo con 51 artistas que falan galego, portugués e castelán e 27 sedes distintas

O Festival Atlántica, o punto de encontro para voces e historias de perfil atlanticista dende 2013, está en marcha ata o 6 de xullo con 51 artistas que falan galego, portugués e castelán e 27 sedes distintas. “Din que quen non vai a Santo André de Teixido de vivo vai de morto. Porque hai promesas que nos atan, como fíos invisibles vencellados á terra, á memoria, ao que fomos e ao que devecemos por ser”, conta a súa directora, Soledad Felloza. Por iso nesta décimo terceira edición escollen como emblema os sanandresiños de Teixido.

“Cada figura é un desexo cun corpo pequeno e unha alma antiga: a man ábrese á amizade e guía con sororidade; a pomba voa por riba das feridas; a coroa de Santo André é o escudo contra o medo ao outro; o Santo garda a vida para convivila; a barca é compañeira de quen marcha e regresa; o peixe, fartura sinxela, promesa do sustento; a herba de namorar danza cos ventos e a escaleira leva os nosos pés alá arriba onda ás estrelas”, debulla Felloza.

Sole Felloza durante unha edición pasada do Festival Atlántica © Xaime Cortizo

“A nave que leva os sanandresiños é tamén a nosa: unha barca de palabras que nos permite chegar a porto, mesmo cando o mundo semella navegar aloulado por discursos que afunden toda humanidade. Nestes tempos convulsos a palabra pode ser tamén pomba da paz, sobrevoando ruídos que confunden o rumbo, levando mensaxes de consolo a quen as precisar. As historias son escaleiras invisibles que nos permiten subir por riba das derrotas. E cada conto, cando é verdadeiro, arrecende como unha flor, abrindo camiños no ar para aqueles que prenden o sono con medo”, asegura a responsable do festival.

Felloza estrea o espectáculo 'Memorias do lume', que defende a narración oral como acto de resistencia, de coidado e de transmisión

Entre o 30 de xuño e o 5 de xullo, Compostela convértese nun dos grandes escenarios do festival, con 24 propostas de artistas galegos, estatais e internacionais. O espectáculo Artiloxios, do aragonés Oswaldo Pai, no Teatro Principal (luns 30 - 19h) abre a programación na capital cunha viaxe a través de máquinas imposibles, trebellos imaxinativos e contos que celebran o absurdo e a creatividade.

Tamén o día 30, ás 21h, os xardíns do CSC Maruxa Coralia acollen a estrea absoluta de Memorias do lume de Soledad Felloza, un exercicio de autonarración onde corpo, voz e memoria se entrelazan para manter aceso o facho do que fomos e do que poderiamos ser. Un espectáculo que defende a narración oral como acto de resistencia, de coidado e de transmisión.

Castelao será o protagonista da segunda xornada (1 de xullo, de 11.30 a 20.30 horas) cunha lectura pública de Como dicía Castelao no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres. A actividade está aberta á cidadanía que pode participar lendo, escoitando ou formando parte do garda-escoita que asegurará que nunca falte público neste acto colectivo. Haberá un peche musical a cargo de Bouba Pandeireteiras ás 21.00 horas no CSC Maruxa Coralia.

Sesión para crianzas no Festival Atlántica do ano 2023 © Festival Atlántica

O 1 de xullo celebran unha lectura pública de 'Como dicía Castelao' no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres

O mércores 2, as contadas espallaranse durante a mañá polos centros socioculturais da cidade. No CSC Marrozos, Paula Carbonell e Nuria Vázquez presentarán Un neno, un can, un gato e un pito, unha sesión para pequenos e maiores onde os contos camiñan, saltan e voan ao ritmo da imaxinación. Tamén haberá funcións de Dani Blanco (12h, CSC Vite, Circo de contos) e Lorena Pinheiro (12h, CSC Santa Marta, Cucú tapa o cu).

A partir das 19.15h do día 2 de xullo Manuel Gago e Rafa Quintía guiarán unha andaina especial (prazas esgotadas) polas rúas de Santiago sobre o Mapa dos seres máxicos do Reino de Galicia seguida dunha presentación do propio mapa no CSC Maruxa Coralia (entrada libre ata completar a capacidade).

Manuel Gago e Rafa Quintía guiarán unha andaina especial polas rúas de Santiago sobre o 'Mapa dos seres máxicos do Reino de Galicia'

Na mañá do xoves 3 os contos volverás aos centros socioculturais composteláns da man de Cris Collazo (11.30h, CSC Fontiñas, Procúrase Pepa a Loba), Charo Pita (12h, CSC da Gracia, Andar aos biosbardos) e Luís Prego e Samuel Soto (12h, CSC Figueiras, Na punta do pé). Pola tarde desenvolverase o roteiro narrado A pegada de Castelao na compañía de Carme Varela e Quico Cadaval, xa coas reservas completas.

O narrador portugués Miguel Gouveia traerá dende Figueira da Foz historias que xorden do cotián e convidan a compartir emocións. Estará o 3 de xullo ás 21h no CSC Maruxa e Coralia co espectáculo para público adulto Vénme ao bico un conto. Unha experiencia viva de comunicación e encontro entre quen conta e quen escoita, onde a imaxinación restaura o mundo palabra a palabra.

O venres 4 seguirán as contadas pola mañá e ás 21 horas, no CSC Maruxa Coralia, o festival explora as marxes da realidade con Carmen Conde en O que non estaba escrito. Unha oportunidade para mergúllase nas historias que nunca pasaron ao papel, mais que viven na memoria oral e na imaxinación. Conde estará acompañada de Aida Cobas, unha das novas voces da narración oral galega que se estrea nesta edición do Atlántica.

Presentación do Festival Atlántica deste ano no balcón do Pazo de Raxoi en Compostela © Miguel Muñiz

O sábado 5 de xullo Larraitz Urruzola estrea en Galicia Historias de ida e volta no Museo do Pobo Galego, ás 12 do mediodía. Un encontro para público familiar (+5 anos) no que conflúen contos populares, mitoloxía e memoria compartida. A través da súa experiencia vital entre Euskal Herria e Galicia, Larraitz ofrece unha mirada feminista e sensible sobre dúas culturas irmás, unidas pola palabra e a tradición.

E pola noite, ás 21horas no CSC da Rocha Forte, tempo para a estrea absoluta de Contara, de Celso Fernández Sanmartín, unha colleita de historias de vida para público adulto. Contos escoitados ao pé da cociña e nas leiras, historias doutras persoas que o narrador lalinés devolve coa súa palabra viva, directa e sen artificios. 

O narrador portugués Miguel Gouveia traerá dende Figueira da Foz historias que xorden do cotián e convidan a compartir emocións. Larraitz Urruzola estreará en Galicia 'Historias de ida e volta'

Co leitmotiv da memoria como amuleto protector, o Festival Atlántica pon o foco no poder simbólico da narración oral como acto de protección e resistencia nesta edición. 

O concello de Teo tamén convida a veciñanza a gozar da narración oral en espazos naturais, escolares e patrimoniais. Oswaldo Pai levará ao parque dos Tilos os seus Artiloxios para nenas e nenos a partir de 8 anos. A narradora Aida Cobas presenta A fada do saco verde, un espectáculo que transforma os medos infantís en aventuras con maxia e tenrura. E Atenea García dará vida á proposta para público adulto Vicio houbo sempre.

Toda a información sobre a ampla programación do Festival Atlántica e as actividades para as que é preciso reservar convites está no sitio web do certame

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.